O mercado do fútbol provincial continúa movéndose. O Racing Vilalbés segue preparando a vindeira temporada na Terceira Galega. Polo de agora con renovacións. Os irmáns Varela, Jose e Javi, súmanse tamén ao proxecto da 19/20. Polo momento o cadro chairego conta con cinco xogadores (tamén renovaran Make, Vérez e López). Na mesma categoría, un recén ascendido e veciño da provincia continúa confiando en Óscar Rivas. O xogador de Ourol renova co CD As Pontes no que tamén continúan o porteiro Paco, o defensa Dani Fernández, ao atacante Carlos e incorporan a Alberto Rodríguez (ex capitán do Racing de Ferrol xuvenil e xa xogou os últimos partidos da temporada co conxunto pontés) e aos irmáns Pájaro. Dani e David Pájaro que proceden do xuvenil do Ural CF.

Jose Varela é un dos xogadores importantes do Vilalbés. De extremo dereito ou incluso de lateral, é un fixo nos onces inicias das últimas temporadas

Na Preferente, o Lemos comunicou a súa primeira incorporación. O dianteiro César Rodríguez chega ao equipo adestrado por Edu. Procede do A Peroxa ourensán e anteriormente xogou no Chantada e no Escairón. Na Primeira Rexional, Juan Rodríguez repetirá por terceiro ano como adestrador da SD Chantada. O conxunto chantadés segue confiando nun home da casa. Fai oficial a renovación antes de que remate a tempada. O equipo atópase inmerso na Copa 2019. O domingo xoga os cuartos de final no campo da Veiga ante o Riotorto. Ademais o Castro fixo oficial a fichaxe de Victor López «Vitín» que contará con Álex Vázquez como segundo adestrador. Na nova tempada do Lourenzá na categoría non xogará Carri. O futbolista de Burela pon fin, en principio, a súa carreira futbolística.

Manel continuará capitaneando ao Goiriz unha tempada máis. Máis capitán ca nunca aos 45 anos

O Sporting Pontenova prepara o novo curso despois do seu descenso á Segunda. Andres Bouza continúa como adestrador. A carón del estarán Miguel Cerecedo de segundo e Xaime como preparador físico. Ademais, o conxunto xuvenil seguirá adestrado por Charly e terá ao seu lado a Juan Ginzo. O novo equipo infantil estará preparado por Borja Lombardero. Pola súa banda, o Goiriz aposta un ano máis pola continuidade. Xa renovou a un bo número de xogadores. O incombustible Manel, Marcos Fernández, Luis de Oleiros, Luisiño, Alejandro Muñiz, Alfonso, Raúl Pérez, Vivero, Ciganda, Diego Barro, Fidel, Lucho e Marcos Yáñez continúan no cadro do Ventiño. Xa dá para máis dun once inicial. Na zona sur, o recén ascendido Río Sil segue confiando nos mandos de Juan Diéguez. O adestrador logrou este ano un ascenso histórico, logo de quedarse ás portas hai dúas temporadas.

Na Terceira Rexional, o Catro Roldas segue confiando no labor de David Lorenzo. O técnico iniciará a cuarta campaña dirixindo ao conxunto da Canteira. Ademais o Lemos B pensa forte no proxecto do vindeiro ano. Javi López, Rua, Óscar Moure, Miguel Anxo, Jota, Xavi Castro, Bruno, Iván Vilar, Brais e Piky continúan no filial. Sergio Seijas, Pablo Tourón e Javier Lamus incorpóranse dende o xuvenil do Calasancio. O filial lemista aínda se atopa inmerso en plena competición. Está sendo un dos protagonistas da Copa da 2ª e da 3ª. Este sábado xoga na casa as semifinais da competición ante o San Lázaro.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*