Denis, primeira fichaxe do Lemos

Comezamos o noso relato cunha importante ración de banquiños. No capítulo de renovacións, José Durán asumirá o reto do Polvorín na Terceira División logo de conquerir o ascenso. Outro que segue tras ascender é Jesús Gayol, á fronte do Foz. Baixando unha categoría, na Primeira, son moitos os que continúan. Edu buscará o ascenso no Lemos e Miguel Sancosmed tratará de repetir o éxito do Xove Lago nesta campaña. Ou incluso aspirar a cotas maiores. Así mesmo, Martín Murado prolongará a súa estancia en Taboada. Xa na Segunda Galicia, Ángel Merino manterase coma técnico do San Lázaro. Ademais, Juan Diéguez será o adestrador do Río Sil na Terceira unha campaña máis.

No capítulo de novidades, temos unhas cantas. O Burela volve á Primeira cun vello coñecido aos mandos: Jaime Méndez. Nesta esixente competición medirase, entre outros, ao Pastoricense de Fran Veiga. O que era segundo de Vitín pasará a un primeiro plano na tempada que vén. De feito, esta Copa xa é súa. Ademais de Vitín no Acebreiro, Dani Moirón tamén dixo adeus na Pontenova. Dous preparadores que acumulaban anos e anos nos seus respectivos bancos.

O noso fútbol base rexistrou algún que outro movemento. Especialmente no Calasancio. Rubén Candal regresa ao noso fútbol, despois dunha tempada de descanso, para poñerse á fronte do xuvenil A monfortino. O cadete A será para o director deportivo Carlos Fontal mentres que Manu Rodríguez tomará as rendas do infantil A. Cargo que compaxinará co de técnico do Lemos B. Unha clara mostra das sinerxias entre ambos conxuntos sureños. O que non seguirá no xuvenil do Castro é Marcos Veiga. Por último, en Becerreá manteñen ao dúo dinámico. Antón Méndez e Nico serán os pesos pesados da formación da canteira da Montaña.

Rubén Pena, lenda do Xermade

E, por suposto, non podemos pechar este capítulo piloto sen falar de xogadores. Hai uns días saiu á luz a fichaxe dun dos nosos polo Fabril. O mediapunta do Racing Villalbés Diego Villares fai as maletas para lanzarse á aventura da Segunda B. Pero, ata o de agora, temos un gran axitador deste comezo de mercado: o Lemos. O clube presidido por Óscar López confirmou a súa primeira fichaxe para o seu equipo A. O atacante Denis López, procedente do Ferreira. Ademais, renovou a Blanco, Brais Meco, Castañer, Arturo, Miguel, Emilio, Varela, Gonzalo Torres, Sergio Guitián, Hugo Madarnás e Adrián Antas. Tamén pechou numerosas fichaxes para o seu filial: Rubén Arias, Bruno, Javier, Diego, Miguel Anxo, Piqui, Xavi Castro (todos procedentes do Calasancio) e Manu e Iván (Monforte).

Queremos facer unha mención especial aos adeuses ilustres que coñecemos nestas últimas datas. O ‘killer silencioso’ Marino pechou o seu ciclo na Sarriana. Rubén Pena, o gran capitán, despediuse do Xermade tras máis de vinte anos. Santi foi outro dos que dixo adeus. Dúas décadas despois abandona o Ferreira. Ah, e O Santaballés queda sen a maxia de Iago! Isto foi todo por hoxe señores. Pero non se preocupen, moi moi pronto máis e mellor! O noso fútbol non para!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*