*Atlético Escairón-Pastoricense: Saltou a sorpresa no Saviñao. Un tempraneiro gol de Iván, tras unha acción espectacular de Manu, resultou suficiente para o Pastoricense. O Atlético Escairón xerou perigo a balón parado pero non foi quen de ver porta ante un rival que puido marcar algún gol máis á contra.

*Páramo-Chantada Atlético: O conxunto de Fran García suma e segue nun encontro tolo. O Chantada Atlético aproveitou as concesións dos das Rapadas e marchou 0-3 ao descanso. O Páramo fixo de novo o máis difícil. Igualou o partido en pouco máis de vinte minutos. Porén, esta vez deixáronse os puntos merced a un gol de Adri. Álex deu o susto cunha contractura nunha mala caída e Dani firmou un doblete para os chantadinos.

*Chantada-Riotorto: O cadro de Juan Rodríguez asaltou a segunda posición despois de superar ao Riotorto. O Chantada madurou o encontro ante un rival que quedou con dez homes pasada a media hora de xogo, por expulsión de Alberte. Ramos abriu a lata xusto antes do descanso. Na reanudación, mandaron os do Sangoñedo. Moitas oportunidades pero a tranquilidade non chegou ata o tramo final, cando caeu o segundo tanto da tarde.

*Sporting Pontenova-San Ciprián: Balón de osíxeno para un San Ciprián que levou o derbi. O fútbol directo dos de Lekumberri atopou recompensa ante unha Pontenova que dispuxo de infinidade de chegadas e mesmo fallou un penalti no minuto 85. A peor noticia do encontro foi a lesión de Óscar Ramallal, ao que se lle saiu un ombreiro.

*Residencia-Friol: Os atacantes da Residencia marcaron as diferenzas ante un Friol que concedeu en exceso. Demasiados agasallos que os homes de Álvaro Meilán transformaron en goles. Os de Jon Vázquez puideron meterse no encontro despois de firmar o 3-2. Aínda que un novo erro deixoulle a vitoria en bandexa ao equipo da Cheda, que segue como alternativa ao ascenso.

*Pol-Outeiro de Rei: Un tanto ao bordo do descanso deulle un traballado triunfo ao Pol. Nun encontro igualado e con escasas ocasións, os de Abad mostraron maior efectividade. Trigo e Diego Seijas tiveron oportunidades para empatar na segunda metade ante un cadro local que buscou a sentencia á contra.

*Monterroso-Taboada: Foise Rielo pero non se foron os problemas de Cerdeiriños. O Monterroso entra en descenso directo despois de caer co Taboada no derbi. Nun duelo marcado polo fútbol directo e poucas ocasións, os goles chegaron na segunda metade. Guaje Iago empatou o tanto inicial de Gabri nun saque de esquina. No entanto, Noé levou o triunfo para A Medela nunha contra. Óscar Méndez topouse co pau contra o remate.

*Xove Lago-Burela: O cadro de José Manuel prosegue coa súa escalada pola táboa. O Xove levou o ‘Clásico’ ante o Burela nun soberbio exercicio coral de roubo e contragolpe. Os goles chegaron tralo paso pola zona de vestiarios, despois dunha primeira metade sen apenas oportunidades. Jaime queimou todas as naves ofensivas na segunda metade. E nin así, os da Marosa superaron o entramado defensivo local.

*Santaballés-Lemos: Golpe á Liga na Liga. O Lemos impúxose pola mínima ao Santaballés no intenso e destacado duelo da xornada. As defensas mandaron nunha primeira metade na que chegou o gol de Denis. Unha diagonal que rematou cun disparo cruzado ao fondo das mallas. Na reanudación, o líder administrou a súa vantaxe con sufrimento. Os chairegos dominaron máis e Vérez perdonou o empate nun penalti no minuto 93.

 
Comparte
                        

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*