Volveu o fútbol de competición dos nosos á provincia e regresa a sección, As Nosas Redes Falan . Busca sempre saber que se argalla nas redes sociais con referencia a Lugo. Aínda estamos en agosto e podemos traer propostas de verán combinadas con información do inicio de temporada.

O fútbol sempre como elemento de unión

Un evento dos que constrúen país. Esta fin de semana (venres e sábado) é a sexta edición do Festival Agrocuir da Ulloa. Unha festa pola diversidade sexual afectiva no rural. Non se sabe por onde anda o corno agrocuir, pero si coñecemos as distintas actividades que colocarán a Monterroso no epicentro. Unha delas ademais é novidade. Desenvolverase un partido de fútbol feminino no campo de Cerdeiriños o venres ás 18h. Haberá un equipo local que representará ao pobo e xogará fronte a mulleres que veñen doutros lugares ao festival. Cada parte durará vinte minutos e logo tiraranse uns penaltis.

O equipo local xa anda pulindo detalles e preparándose para este venres. Prometen unha equipación ben especial

O Val ten futuro

Un grupo de pais de Alfoz e de Valadouro xuntáronse para crear a Asociación Deportiva Río Ouro. Coa finalidade de que @s máis pequen@s da zona teñan a oportunidade de xogar ao fútbol preto da casa. Contan coa axuda do Concello de Alfoz e do Valadouro e teñen directiva propia. Dende o CD Alfoz colaboran na cesión das instalacións.

De pais a fillos

Á marxe dos equipos da Terceira e da Preferente, o resto do fútbol lucense continúa de pretemporada. Este período estival permítenos ver imaxes curiosas. A pasada fin de semana o Sober xogou un partido amigable no campo do Oural. Ante a falta de efectivos, o adestrador Pasín vestiuse de curto. E tamén botou unha man o seu fillo. Ambos compartiron camisola e campo. Non obstante, quedará en anécdota polo momento. O rapaz aínda está en idade xuvenil e continúa formándose no Calasancio.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*