Ascensos no norte

A falta dunha xornada para que remate a Segunda Rexional, dous equipos confirmaron o seu ascenso de categoría. Os dous do grupo norte. O Folgueiro e o Lourenzá volven á Primeira Rexional. Dependían de si mesmos e non fallaron. O cadro do Vicedo derrotou na casa ao Guitiriz. Mentres que o Lourenzá venceu a domicilio ao Cabreiros cunha bancada da Cea chea das cores vermellas e brancas do club de Vilanova. As redes sociais deixaron constancia dos festexos de ambos equipos. Na última xornada loitarán por selo campión do grupo.

Oki marcou un dos goles do encontró par ao Folgueiro. Suponía o 2-0 do partido

Ánimos para os mancados

Foi unha boa xornada de resultados para os lucenses da Terceira Galega. O Vilalbés venceu no duelo directo ao Paiosaco e suma catro triunfos seguidos. Uns números moi bos na segunda volta que fan que cheguen aos 46 puntos a falta de catro xornadas para que remate a liga. A permanencia está prácticamente asegurada. A mala nova do encontro foi a lesión de Álex Pérez. O dianteiro coruñés sufriu unha entrada dun rival e tivo que ser retirado en ambulancia. Xa foi operado dunha rotura de tibia e peroné. O xogador era un dos importantes no cadro chairego. De feito, mellorou os seus números con respecto a súa primeira tempada na capital da Terra Chá. Xogou 21 partidos como titular e marcou nove goles. Os compañeiros dedicáronlle a vitoria e mandáronlle ánimos para a súa recuperación.

Folgos tamén enviaron dende o Riotorto. O cadro adestrado por Labrada saíu ao céspede da Mina con camisolas de forza para Lucas Basualdo. O defensa arxentino apenas puido demostrar a súa valía. Tan só xogou oito partidos dede a súa chegada. Unha lesión impediulle continuar. Aínda así, o equipo venceu no derbi das Terras de Miranda e avanza cara a salvación.

Volve rodar o balón na Medela

O Taboada volve xogar verdadeiramente como local. Logo de moitos meses xogando exiliado en varios campos da provincia, o novo céspede do Anexo da Medela xa está apto para o xogo. O cadro taboadense estreouno con vitoria. Venceu 5-1 ao Friol. O equipo taboadense loitará por manter a sexta praza que ocupa. Xa non ten opción de pelexar por obxectivos máis grandes. O club fixo público un comunicado de agradecemento a todos os que lles axudaron nestes tempos nos que non puideron xogar na casa.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*