Foi un dos motores da SD Monterroso nos últimos anos. Fíxose un nome no fútbol provincial grazas ao seu labor en Cerdeiriños, sumado a moitos anos de experiencia en distintos clubes de toda Galicia, nos que desenvolveu diversas actividades: Ciudad de Santiago, Pontevedra, Polvorín, Calo, Laracha, Cerceda, Antas ou As Pontes gozaron na última década dos servizos de Adrián Vázquez. 

Agora, logo de varios anos no conxunto da súa vila, Monterroso, no que exerceu distintos postos, cambia a SD Monterroso por outra SD, a SD Chantada. No Sangoñedo, Adrián traballará como adestrador do primeiro equipo, ao que aspira devolver á Preferente, sendo consciente da dificultade da empresa.

Pero Adrián conta con varios factores ao seu favor para conseguir o obxectivo: coñece ben a SD Chantada, onde xa debutou como adestrador fai catorce anos, e o proxecto chantadino é similar ao plan deportivo do Monterroso, polo que o modus operandi non será moi distinto. Porén, o que mellor pode explicar estes proxectos é o propio Adrián. A continuación, a nosa entrevista con este polivalente home de fútbol.

Futbolinlugo: Que é o que che fai cambiar Cerdeiriños polo Sangoñedo?

Adrián Vázquez: Este ano vou levar tamén o fútbol campo e o fútbol sala do Maristas en Lugo, polo que non era compatible co que eu facía en Monterroso, pero si con adestrar a un equipo en horario nocturno. Chamáronme de Chantada e, aínda que ao principio semellaba complicado, porque non tiña moitas ganas de moverme de Lugo -onde vivo-, pero ao final decidinme porque coñezo a casa e sei que vou estar ben. 

«Por primeira vez na historia da SD Monterroso, poderán saír a competir equipos en todas as categorías.»

FIL: Como describirías a túa etapa na SD Monterroso?

AV: Eu xa estivera de xogador e de adestrador no fútbol base, nos meus inicios. Esta etapa comezou como técnico do primeiro equipo, pero foron cinco anos con moitos cambios na directiva: entradas, salidas… fun entón coordinador e adestrador da base, ata este último ano que facía un pouco de todo. Foi un ano estresante, pero eu estaba encantado de axudar ao equipo da miña vila, e especialmente co proxecto de base do clube. 

FIL: Cóntanos entón como foi ese proxecto de base no Monterroso.

AV: Foi complexo porque en zonas limítrofes xa había escolas deportivas, polo que os inicios non foron fáciles, pero agora o Fútbol-8 está moi consolidado e creo que este ano poderán saír a competir equipos en todas as categorías, por primeira vez na historia da SD Monterroso. 

Adrián, na súa presentación como técnico da SD Chantada.

FIL: Quizais un ascenso á Preferente co primeiro equipo tería sido o broche de ouro…

AV: Si, nunca se plantexou como tal, pero os dous anos que eu estiven no primeiro equipo quedámonos moi preto do ascenso, especialmente o segundo. Había moita xente de nivel: Fernandito, Adri, Barrio… e quedámonos as portas. Aínda que durante o ano estivemos máis lexos, o Outeiro deixárase ir no tramo final e chegamos ao último partido contra eles con opción, así que foi unha pena. Eu, pese a todo, penso que a categoría da SD é a Primeira, está consolidada aí, e o máis importante e seguir así e traballar na base.

FIL: Agora marchas para Chantada. Que obxectivos tes nesta nova etapa?

AV: A nivel persoal, despois duns anos facendo un pouco de todo, centrarme en adestrar nun sitio no que sei que vou estar moi ben. A nivel de clube, tras varios anos ás portas do ascenso, a directiva quere devolver ao equipo a Preferente, e imos inténtalo. A maioría do grupo deste ano quere quedarse e, coa axuda da base, penso que se pode conseguir. A ver como queda todo co tema do coronavirus, como se organizan as ligas e demais. Vai ser unha tarefa complicada, pero non queremos ir de tapados. Temos claro que buscaremos o salto de categoría. 

FIL: A longo prazo, ves á SD Chantada na Terceira División?

AV: Para min eso son palabras maiores. A filosofía do clube agora é apostar pola xente de base, polo que para falar dun proxecto de Terceira División só con xente de base terían que darse moitos factores, por exemplo varias xeracións cun moi bo nivel. Hai que ter en conta tamén que hai equipos na Preferente con capitais altos e que moven bastantes xogadores. En calquera caso, unha vez dentro do clube e coñeza a toda a xente, poderei dar información máis fiable, pero é complicado. Porén, que a xente teña esa ilusión creo que é importante. 

«Os proxectos de base de SD Chantada e SD Monterroso son moi similares.»

FIL: A SD Chantada, ao igual que a SD Monterroso, conta cun filial e con equipo xuvenil. Pensas tirar de canteira?

AV: Si, son proxectos moi similares, con lóxicas diferenzas: Chantada é un pobo máis grande, pero ten competencia na mesma categoría, o Chantada Atlético, que ademáis está reforzándose moi ben, pero en xeral son proxectos similares. Ambos nútrense de escolas deportivas que traballan moi ben, pero mentres que en Monterroso había que consolidar o proxecto, en Chantada xa está máis consolidado e teñen claro que a súa aposta é ascender á Preferente coa xente da casa. 

FIL: Ao mesmo tempo, vas coordinar todo o fútbol campo e fútbol sala do CP Maristas. Como se organiza un para compaxinar tantas actividades?

AV: A opción de Maristas foi unha das últimas que me saíu. É un proxecto moi ilusionante e novo polo que estou moi contento. A nivel organización, hai que estar todas as tardes en adestramentos e no campo, e aproveitar as mañás e as noites para organizar o traballo de cada día. A fin de semana, seguir facendo números como todos estes anos para cumprir con todo. Aparentemente, son proxectos que, aínda que distantes, son compatibles. 

«As miñas aspiracións son seguir axudando aos clubes a medrar.»

FIL: A que aspira Adrián Vázquez no mundo do fútbol?

AV: Tiven a sorte de moi novo de empezar a adestrar no Chantada en Preferente, con 23 anos. Despois traballei en varios clubes, en moitos como preparador físico. Agora volvo a sentirme adestrador e quero devolver con traballo e ilusión a aposta que fixeron por min en Chantada, pero as miñas intencións son seguir axudando aos clubes a medrar, en especial nas categorías inferiores. Ademais, se podo seguir medrando como adestrador, estaría encantado. 

Desde Futbolinlugo, agradecemos a Adrián a súa boa disposición para falar con nós, así como o seu bo traballo en distintos clubes, que axuda ao fútbol provincial a medrar a pasos axigantados.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*