Os Máxicos da Xornada número 13 así como os resumos de cada encontro, só aquí en Futbolinlugo:

 

*Guntín-Folgueiro: Ladairo certificou a seriedade de dous equipos que non querían perder. Na primeira metade, os infortunios remataron en goles. Adiantouse o Folgueiro nun balón aéreo que se lle escapou a Diego. Igualou o Guntín nun esvarón dun central mariñán. Tralo descanso chegou a polémica, por un discutible gol anulado aos de Jandri Rego. Dende aí, ocasións para ambas escadras. Ningunha perforou a meta rival e un puntiño por barba.

*Chantada Atlético-Xove Lago: Guión perfecto para o Xove Lago ante un Chantada Atlético que non soupo ler o partido. O encontro, moito máis igualado do que reflicte o 0-3 final, explícase na pegada mariñana e no bo facer de Trullo. Os de Bruno Gómez marcaron nos momentos clave, defenderon con brillantez e Trullo mostrouse coma un muro infranqueable. Juanjo Coello asinou un doblete.

*San Roque-Outeiro de Rei: Marcado centrocampismo na Polvoreira. A defensa do San Roque foi un muro para un Outeiro de Rei que monopolizou a posesión e dispuxo das mellores ocasións. Poucas pero boas. Os de Josito Jul topáronse co pau unha vez en cada metade. O balón non lles quixo entrar. Nin no último cuarto de hora, no que o asedio visitante resultou patente. Resistencia numantina dos de Montirón e un punto para cada equipo. Os goles quedarán para a próxima xornada.

*Friol-Lourenzá: Importante triunfo do Friol, que colle aire na táboa. Os de Abad firmaron unha gran primeira metade. Adiantáronse e dispuxeron de oportunidades para aumentar a súa mínima renda ao descanso. Na reanudación, a presión alta do Lourenzá dificultou ao seu rival. O encontro derivou nun intercambio de chegadas entre ambos conxuntos. Os de Diego Rego tivéronas para empatar e os da Reigosa para matar o partido. Iso sí, o marcador non se moveu máis.

*Atlético Escairón-Pastoricense: Un serio e correoso Pastoricense arañou un traballadísimo punto no Saviñao. O Atlético Escairón tentouno durante todo o encontro pero a súa pólvora estaba mollada. Aínda así, os de Fran Veiga tiveron as súas ocasións. E foron quen de aguantar o arreón final dun conxunto local en superioridade numérica pola expulsión de Gabi. Os do Acebreiro sitúanse en postos de descenso a pesares do empate.

*Taboada-Riotorto: Cuarta vitoria consecutiva dun Riotorto que entrou da peor maneira ao encontro. No minuto 11 xa perdía por 2-0 ante un Taboada que foi claramente de máis a menos. Os de Suso Orxás fixéronse co mando do encontro ao bordo da media hora e non o soltaron máis. Igualaron antes do descanso e deron un auténtico recital de fútbol na segunda metade. Para rematar goleando a un rival que perdeu a Moski e Migui por lesión. Case nada…

*Monterroso-Burela: As defensas e os porteiros impuxéronse en todo momento no duelo entre aspirantes. Especialmente Tomás, decisivo na segunda metade. O Monterroso creou perigo a balón parado ao igual que Crespo cun balón á madeira. O Burela agardou pola súa oportunidade á contra. Case leva o premio no minuto 93, na súa mellor oportunidade. Empate xusto en Cerdeiriños.

*Pol-Chantada: Un dos partidos máis completos do Pol esta temporada quedou algo empañado pola polémica arbitral. Os de Fernando Corredoira adiantáronse nunha formidable primeira metade. Porén Kadete devolvía a igualada antes do descanso nunha caída dun balón parado. Na reanudación, os locais collían vantaxe de novo dende o punto de penalti. Posteriormente, o Chantada quedou pampo ante a decisión do colexiado de anularlles un gol por suposta falta. Carlitos sentenciou e rubricou o seu doblete.

*Castro-Santaballés: Encontro nivelado e no que o desconto resultou decisivo. Na primeira metade non se rexistrou gol algún no Arturo Pereiro. Quedaron todos para a volta dos vestiarios. O Santaballés adiantouse por dúas veces ante un Castro moi competitivo a pesares das baixas. Chufi igualou cada vez que os chairegos colleron vantaxe. A última delas na prolongación.

Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*