É habitual nas últimas temporadas que a Primeira Autonómica sexa unha das categorías máis igualadas no fútbol lucense. A día de hoxe, faltando dez xornadas para rematalo campionato parece claro que o Lemos ten encarrilado o seu ascenso a Preferente, mentras que o Sporting Pontenova voltará, dúas temporadas despois, a Segunda. Todo o resto, unha incógnita.

Para acompañar, camiño á Preferente, aos de Edu Rodríguez, Santaballés, Chantada, Outeiro de Rei e Residencia xogaranse un posto. Taboada e Escairón, sexto e sétimo están lonxe de calquer opción, mentras que Pol, Burela e Friol están nunha inmellorable situación para acadala permanencia, pero non poderán relaxarse.

Analizamos a situación dos equipos que se xogarán a permanencia nas derradeiras dez xornadas de competición, sempre coa incertidume de saber os arrastres que chegarán das categorías superiores. Coa igualdade existente, o éxito estará nos pequenos detalles.

XOVE LAGO

José Manuel recambiou a Miguel Sancosmed no banco do Xove

Con trinta puntos, os mariñáns teñen a permanencia encarrilada. Aínda que a comezo de temporada, o obxectivo era estar na parte alta da clasificación o mal comezo fixo que a salvación se convertira no único importante. Coa chegada de José Manuel ao banco do Municipal melloraron os resultados e os xovenses afrontan o último tramo de liga cos deberes medio feitos. As dúas vindeiras xornadas, ante Monterroso e Páramo serán decisivas.

PASTORICENSE

Na duodécima posición, con vintenove puntos, aventaxando en seis o descenso directo, os de Fran Veiga teñen a permanencia a tiro. As seis últimas xornadas, sen coñecela derrota foron claves na remontada. Ao igual que o Xove, afrontarán dúas xornadas moi importantes ante Pontenova e Chantada Atlético, que poden marcar o futuro dos do Acebreiro.

RIOTORTO

Unha das sorpresas desta temporada. Ata o Nadal, os de Labrada eran candidatos a, cando menos, pelexar por un posto de ascenso. Pero o 2019 atrangantóuselles e aínda non coñecen a vitoria neste ano. Co equipo mermado con moitos xogadores lesionados, sete derrotas consecutivas e dez xornadas sen gañar fan que o Riotorto teña que xogarse a permanencia neste último treito de liga. Con cinco puntos por enriba do descenso directo, terá que afrontar saídas complicadas a Pol ou Outeiro de Rei, pero recibirá na Veiga rivais directos como San Ciprián, Pastoricense ou un Lemos que chegará previsiblemente ascendido.

O Monterroso, nas últimas tres xornadas, deu un xiro ao sumar sete puntos

MONTERROSO

Con tres puntos menos que o Riotorto, o Monterroso afronta o último tramo de liga nunha dinámica positiva. Logo do troco de adestrador, foron quen de sumar sete dos últimos nove puntos posibles, sendo quen de empatar na Pinguela ante o Lemos. Aínda que lle restan enfrontamentos con conxuntos que estarán disputándose o ascenso, rematará a liga ante Escairón e Pol, que poden estar en terra de ninguén e na última xornada recibirán en Cerdeiriños ao San Ciprián, nun partido que apunta a final.

O PÁRAMO

Logo de salvarse na última xornada a pasada temporada, o Páramo afronta outro final de liga intenso

Cos mesmos puntos que o Monterroso, o conxunto dirixido por Fontal só foi quen de vencer nun dos últimos nove encontros. Os das Rapadas, ao longo da competición, amosáronse moito máis fiables no seu feudo que lonxe del, polo que se antolla que os partidos da casa serán a clave. Terá que recibir a Lemos e Residencia, pero visitarán as Rapadas conxuntos como Burela, Monterroso ou Pontenova, onde o conxunto local se xogará a salvación.

CHANTADA ATLÉTICO

Cun só punto de marxe sobre o descenso directo, os chantadinos suman cinco xornadas sen perder. Foron quen de gañarlle a rivais directos como Monterroso, Páramo ou San Ciprián, polo que, afrontan con optimismo o derradeiro tramo de liga. Terá que afrontar seis dos dez encontros restantes lonxe do Sangoñedo, pero recibirá no remozado feudo chantadino ao Pastoricense e ao Riotorto, encontros claves.

SAN CIPRIÁN

Os de Lekumberri caeron a postos de descenso logo da derrota ante o Chantada Atlético. Os tres vindeiros encontros, ante Taboada e Friol, conxuntos da zona media, e Riotorto, rival directo, marcarán o futuro dos mariñáns. Rematarán a competición enfrontándose a equipos que previsiblemente se xogarán o ascenso como Residencia e Chantada e viaxando ao campo do Monterroso para posiblemente xogarse a permanencia. Os goles de Borja Mella, un clavo ao que agarrarse.

SPORTING PONTENOVA

Con tan só nove puntos, o Sporting encaran o último tercio de liga con opcións matemáticas, pero non reais de permanencia. Cun plantel moi xove os de Andrés Bouza non foron quen de engarcharse á pelexa pola salvación, aínda que competiron na maioría de encontros. De cinco encontros por disputar na Mina, tres serán ante equipos que se estarán xogando seguir un ano máis en Primeira.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*