Unha semana máis sen fútbol. Unha semana máis sen saber que pasará! A incertidume apodérase de nós por momentos. Pero que carallo imos pedir se nin os propios profesionais teñen o seu panorama claro? Neste Venres Santo quixemos acordarnos deses equipos que o tiñan prácticamente feito. Que o estaban case saboreando. Contando as xornadas para festexar o ascenso. E aos que non se lles vai o medo de perdelo todo por mor deste maldito virus. O pavor é maior se cabe, despois de ver que en Portugal deron onte por nula a campaña 19-20.

Na provincia de Lugo contamos con tres casos claros. De feito, moitos xa os dabamos por campións virtuais das súas respectivas categorías. Cunha vantaxe de tres partidos, ou superior, sobre o terceiro clasificado. Nesta tesitura emerxen os Viveiro, Atlético Escairón e San Lázaro. Tres líderes con man de ferro de principio a fin.

Álex Meitín

O AUTÉNTICO REI DA PREFERENTE

O Viveiro navega como un auténtico transatlántico sobre o intenso mar de fondo característico da Preferente. Tras moitos anos na procura da terra prometida da Terceira, o regreso parecía unha realidade consumada. 62 puntos, 11 de vantaxe sobre o segundo e 15 sobre o terceiro. Tan só dúas derrotas en oito meses. Esa é a súa carta de presentación. Á que lle podemos engadir os títulos de equipo máis goleador e o que menos encaixa nas vinte e seis datas celebradas.

O seu capitán Álex Meitín fala moi claro dos danos que a anulación da temporada, sen ascensos nin descensos, podería ocasionar.

«Ademais do impacto económico que supón esta crise, que xa o temos enriba tanto equipos de fútbol como o resto de persoas do mundo, o golpe anímico sería moi grande. Xa que despois de tantos anos loitando por devolver ao equipo ao máis alto. E sobre todo, despois destes 8 meses de traballo, sacrificios e de moito esforzo; estés a un paso de conseguir este obxectivo… Pois sería unha gran decepción

«Hoxe en día o máis importante é a saúde. Resulta algo frívolo falar de fútbol, pero ao fin e o cabo e a nosa paixón, é o noso tren de vida. Queremos saber como rematará todo isto e que sexa do xeito máis xusto posible! Sería inaudito que o Viveiro non ascendese se se decide anular todo. Agardo que se valore a nosa traxectoria e a doutros moitos equipos na mesma situación. E que prevaleza a coherencia e non se tire a tempada pola borda!«.

O REFERENTE DA PRIMEIRA

Julito

O Atlético Escairón vislumbra a todos polo espello retrovisor na sempre igualada Primeira. Da man de Montoto a solidez estaba asegurada. E os números ratifican esa sensación imperante. A falta de nove xornadas para a conclusión os do Saviñao acumulan 61 puntos. O Santaballés aparece segundo con 50 puntos, un de vantaxe sobre o Pol. Os azulóns son os que menos goles reciben de toda a categoría e o segundo conxunto máis realizador.

Julito, un dos pesos pesados dese vestiario, valora a situación actual e os perigos desa posible anulación.

«Seguramente haxa equipos beneficiados no caso de anular a tempada. Equipos que estaban sentenciados a descender que conseguirán o obxectivo de manterse. Pola contra, hai equipos que tiñan outros obxectivos. Un ascenso de categoría que para un club supón un esforzo non só económico. Pero o dano que máis me afecta é a nivel persoal. O dos adestradores e xogadores que levamos traballando con adestramentos e partidos dende o mes de xullo para obter unha recompensa ao final da tempada».

«Non se trata dunha recompensa económica senón emocional, unha celebración de ascenso, para min o mellor que se pode vivir neste mundo do fútbol non profesional. Creo que é mellor perder unha tempada que está sen comezar (2020-2021) que non acabar algo que está sen rematar«.

A PONTE INFRANQUEABLE

Diego Rey

Diego Rey chegou ao banquiño da Ponte xa comezada a temporada pasada. Os seus números asustaban. Os desta campaña aínda máis. O seu San Lázaro de selo de autor manda na táboa da Segunda Galicia Grupo 7 con 53 puntos, 9 máis que o Portomarín e 11 sobre o Ferreira. Conxunto menos goleado e segundo máximo realizador nesta Liga. Tan só dúas derrotas no peto. O técnico lugués analiza a situación dun xeito moi claro.

«Gustaríanos acabar a temporada. Está difícil. Toca respectar a decisión da Federación e os medios sanitarios. No que máis nos influiría o feito de non ascender é no dos xogadores. Temos xogadores bastante veteráns e sería complicado que xogasen en Primeira de non ser o ano que vén».

«Daríanos pena polos xogadores sobre todo. Pero nós estaremos aquí se o club quere. O que si nos gustaría e que todo rematase do xeito que está. Pero nós non podemos nin imos entrar nese xogo. Non é unha decisión nosa e a saúde é o primeiro».

Tres situacións que reflicten unha realidade extensible a veteráns, fútbol feminino ou as derradeiras etapas de base. Se a pelota é paixón, como xa dixemos moitas veces; o compoñente emocional adquire unha dimensión comparable, cando menos, ao famoso carto e billete. Estragar nove meses de traballo e deixar sen premio a conxuntos que como moitísimo perderon dous ou tres partidos ao longo de todo este tempo; semella doloroso e ata un tanto cruel. Máis aínda aos que xa conqueriron o seu propósito no campo, como o Lucense na nosa provincia. Un ataque en toda regra á famosa cultura do esforzo e a meritocracia coa que tantas veces se nos enche a boca falando.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*