#Fútbol Base #Xuvenís

Simón Lamas, Racing Vilalbés: «O mellor destes dous anos está por chegar»

O Racing Vilalbés está a medrar a pasos axigantados. O pasado domingo, o Xuvenil A conseguiu o ascenso á División de Honra e na campaña 2017/2018 gozará do luxo de visitar campos tales como Mareo, El Requexón… Á vez, o Xuvenil B ascendeu o sábado á Liga Galega, o que supón un gran paso adiante na consolidación do clube como referente da base lucense.

O Racing empatou a ceros ante o Celta de Vigo «B», que chegaba ao Estadio Roca como campión de liga. Este empate, sumado á derrota do Racing de Ferrol por 4-3 ante o Calasanz, outorgaba ao equipo vilalbés a cuarta praza que lles da acceso a disputar a máxima categoría de fútbol xuvenil na vindeira campaña.

Sen dúbida, gran parte deste éxito pode ser atribuido a Simón Lamas, quen tras varios anos ao fronte da base chairega, alcanzou un fito ata entón inédito para o clube, o ascenso á División de Honra Xuvenil. Hoxe falamos con Simón para coñecer o traballo que hai detrás destes grandes triunfos.

Futbolinlugo: Ola Simón. Imaxinamos que a ledicia e a satisfacción aínda rondan a túa mente…



Simón: Eu creo que é un logro que temos que celebrar moito. É historia para o club, que tan só estivo dous anos na Liga Nacional: unha foi esta do ascenso e outra hai quince anos. Para nós xa era importante estar aí, así que agora temos que disfrutar e saborear moito o éxito, sobre todo porque hai rapaces aos que lles vai cambiar a forma do xogo ao pasar a séniors.

 

Futbolinlugo: Dous ascensos en dous anos. Cales son as chaves para conseguir tal fito?



Simón: Penso que as chaves do clube en xeral son o esforzo, o traballo, o compromiso dos rapaces… Nos tres anos que eu levo cos xuvenís, ascendimos dous e no outro (o primeiro) quedamos ás portas tamén de ascender. Se algo caracteriza  estes anos é o gran número de xogadores nos adestramentos, e iso fai que rindas quizais incluso por enriba das túas posibilidades. En Galega adestrando ben xa aseguras bos resultados, pero en Nacional hai que traballar máis, ao contar coa presenza de equipos que traballan moi ben. Ademais, somos moi intensos, especialmente a nivel defensivo. Tratamos de deixar a portería a cero e a partir de aí crecer, parecemos un equipo sénior competindo en xuveniles.

 

Futbolinlugo: Non obstante, neste fin de temporada sufristes máis do debido. Quizais a presión xogou na vosa contra nalgúns partidos?

Simón: Si, desde logo… Os tenistas din que o punto de set ou o punto de partido é o máis complicado de gañar… Este ano acusamos que varios rapaces estaban estudando fóra, e nós xa sabíamos que cara a segundo volta íanos costar un pouquiño máis, chegando ao tramo final moi xustos de forzas. Aínda así, a victoria ante o Victoria (valga a redundanza) que nos deixou a oito puntos do Racing foi moi importante, non só por gañar senón tamén polo espectacular partido que asinou o equipo.

 



Futbolinlugo: Quizais conseguiuse o ascenso nun dos partidos a priori máis difícil, ante un intratable campión como o Celta «B»…

Simón: Si, cando peores sensacións tiñamos, tras perder en Arousa, co Racing, empatar co Compos… foi cando menos o esperabamos. Demostramos a igualdade da categoría, podes perder e sacar puntos de calquera campo. Nós empatamos co Celta, vencimos ao Dépor…

 

Futbolinlugo: Prevénse moitas fichaxes para tentar obter a permanencia na División de Honra ou tiraredes de xogadores da casa?

Simón: Aínda non está definido o futuro nin da base nin do primeiro equipo. En función diso, se seguimos traballando no mesmo camino, a miña idea é reforzar un pelín ao equipo pero sobre todo contar coa xente da casa. Necesitamos reforzos para poder competir nunha liga como División de Honra, pero sen volvernos tolos, xa que igual non é o noso sitio. Toca disfrutar da categoría, dos rivais, dos campos… e se temos que volver a Nacional, volveremos orgullosos. O Xuvenil B ten moitos rapaces que poden estar aí competindo e hai que ter en conta que os rapaces de Vilalba que levan no Racing desde pequenos aportan moito. Algún reforzó fará falta no centro da defensa e no medio do campo, xa que algún xogadores pasan de categoría, pero sen tolear.

 

Futbolinlugo: Que é o máis difícil á hora de adestrar a rapaces en idade xuvenil (16-19 anos)?

Simón: Creo que todas as etapas de fútbol base teñen pros e contras, pero a min gústame tratar cos xuvenís. Gardo amizades con eles, porque eu teño 25 anos e non son tan distinto. Hai que sabelos tratar, polo que hai que esixir, pero tamén hai momentos de distensión. Como adoitase dicir, o fútbol é a cousa máis importante das menos importantes, e ao final todos somos persoas. Eles están nunha idade difícil pero bonita, e teñen que disfrutar de moitas cousas á marxe do fútbol. Levo moi boas amistades, e cando as cousas se fan con cariño e corazón saen mellor.

 

Futbolinlugo: Non todo foi ledicia nestes dous anos. Os teus xogadores souberon superar o falecemento de Jorge Tato e de Rosen pudieron adicarlles dous ascensos dos que seguro estarán orgullosos…

Simón: Si, a Xeración do 1998-1999 demostrou ao longo da súa andaina no fútbol base que é un grupo con moito compromiso, o vestiario está moi unido… e os golpes fixeron madurar ao equipo, ser conscientes de que hai cousas máis importantes que o fútbol, pero que o fútbol aporta cousas moi bonitas como eran Jorge e Rosen. Por eles sacamos forzas, non teño dúbida de que eses momentos fixeron madurar ao grupo para saír adiante. Quizais foi o momento máis difícil que viviremos nas nosas carreiras deportivas, tanto eu coma adestrador coma eles como xogadores… e iso marca a nivel emocional para darse de conta de que hai que loitar ata o final.

 

Futbolinlugo: Cal é o recordo destes dous anos que gardarás con máis agarimo?

Simón: Para min o traballo diario é moi bo, e disfrutamos moito o día a día. Os ascensos son algo que recordaremos, pero gustaríame pasar uns anos e ver xogadores destas xeracións no primeiro equipo. O mellor non chegou aínda, ten que chegar mediante traballo e esforzo, pero o colofón destes dous anos sería que estes rapaces poidan xogar no seu equipo en Terceira, na súa vila…

 

Futbolinlugo: Grazas por atendernos.

Simón: A vós. Quería agradecer aos adestradores de toda a base, en especial a Congui, que está comigo, a Óscar Gilsanz… que son parte esencial do ascenso, e ao presidente Ruiz, que desde que el entrou no clube, a base está a mellorar a pasos axigantados.

De seguro, o Racing Vilalbés e Simón non defraudarán e deixarán o listón moi alto na División de Honra!

Simón Lamas, Racing Vilalbés: «O mellor destes dous anos está por chegar»

Diario dun mercado. Episodio 8

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *