Onte, a nosa cámara estivo na Cheda para inmortalizar o triunfo da Residencia cadete sobre a Ferroviaria, victoria que lle serviu aos locais para erixirse como campións da Liga Provincial e contar cun billete para a fase de ascenso á Liga Galega Cadete. Hoxe falamos con Rubén Núñez, adestrador desta gran Residencia.Non é a primeira vez que Futbolinlugo fala con Rubén. Cando o seu equipo se proclamou campión da primeira fase da liga, fixémoslle unha pequena entrevista para coñecer as aspiracións do equipo de cara ao final de tempada. A de hoxe céntrase na consecución do próximo e último paso, o ascenso.
Futbolinlugo: Ola Rubén. Onte proclamástesvos campións da Liga Provincial. Esta vez, con once puntos de vantaxe sobre o terceiro, e con catro sobre o segundo, o Polvorín. Vése reforzada a confianza, tanto a túa como a dos xogadores?
Rubén: Eu creo que sobre todo a segunda volta da liga deunos un plus de saber o que esixen os rivais, houbo xente que subiu o nivel, e en canto ao tema de vestiario estamos máis unidos. Saen mellor as cousas nos partidos, e iso aporta tranquilidade. Houbo determinados encontros nos que o planteamento saiu ben, e ese tipo de cousas tamén dan confianza aos rapaces e a min.



Futbolinlugo: Estades a tan só una eliminatoria do ansiado ascenso. Cada vez é máis posible…
Rubén: O primeiro é coñecer ao rival. Posible é, pero a mensaxe ten que ser ser respetuosos co contrario, e se nós facemos dous bos partidos podemos plantar cara a calquera, igual que calquera pode plantarnos cara a nós. Hai que confiar, pero hai que ser prudentes e realistas.

Futbolinlugo: Coñecedes xa aos posibles rivais? Tedes algún favorito?
Rubén: Estamos bastante ao tanto dos movementos en Coruña. En canto ao tema clasificacións, en Santiago e na liga da costa de Coruña hai un líder moi destacado, en Ferrol quizais estivo un pouco máis igualado, e sobre todo en Coruña centro é onde máis equipos estiveron competindo (Montañeros «B», San Tirso, Orillamar e Ciudad Jardín).
Futbolinlugo: Fostes os máximos goleadores e os menos goleados na Liga provincial. Algo estades a facer ben…
Rubén: Si, é un reflexo do que fas sobre o campo. En especial o tema de menos goleados, porque en toda a liga ninguén nos meteu dous goles nun só partido, e nós marcamos en todos excepto en Castro e grazas a iso non se escapou case ningún punto. É una alegría e o reflexo do traballo. Incluso Lisardo (extremo esquerdo do equipo) vai ser pichichi do Provincial.
Futbolinlugo: Buscaredes o doblete e trataredes de gañar a copa?
Rubén: Aínda non o sabemos. Xa o temos falado cos xogadores. Se non podemos compatibilizar renunciaremos a ela. A copa é longa e secundaria, a pesares de ser un medio para seguir competindo e dando minutos a xente que non tivo moitos, pero que os merece. Queremos xogala, pero se vemos que pode ser un prexuizo, non é prioritaria.

Futbolinlugo: A pesares de non estar rematada, que destacarías do que vai de tempada?
Rubén: Ao final, foi un grupo no que houbo altibaxos de compromisos, por tema estudios, castigos… e ten habido momentos nos que costou máis traballar, pero nas últimas semanas estamos facendo todo moi ben, a xente deu un salto de compromiso e actitude. Están concienciados de que as cousas chegan traballando e cumprimos os obxectivos, xa que en todas as categorías hai equipos que renderon por enriba ou por debaixo, e temos un gran mérito por estar aí.
Futbolinlugo: Moitas grazas, Rubén. É un pracer falar contigo.
Rubén: A vós.
Agardamos que non sexa a última entrevista que lle facemos a Rubén este ano, e que a próxima sexa tras a celebración do ascenso do seu equipo!