Sete e media da tarde. Martes, pleno novembro. Ademais da escuridade propia da época, chove e a temperatura non supera os 3ºC. Toca saír da casa un día máis, percorrer media cidade para coller un autobús ou un coche que nos leve ata o campo de adestramento.

Mentres tanto, converso a través das redes sociais cos meus amigos. Chega o momento de deixar o teléfono e poñer o chuvasqueiro, as luvas e as botas. “Vou adestrar, falamos despois.” A resposta recibida o 90% das veces é “Qué ganas” ou “Co ben que estarías quente na casa”. Pois si, a verdade é que non teño outra cousa que non sexan ganas. Paso o día agardando ese instante no que collo un balón e comezo a dar pases con aqueles cos que comparto paixón.

Paseniño, ves que a xente coa que pasaches gran parte da túa infancia, ben como rivais ou como compañeiros en distintos clubes, deixa o fútbol. Uns, porque marchan a estudar fóra. Outros, porque necesitan media para entrar en Medicina e ven imposible compatibilizar. Hainos que simplemente abandonan o deporte por desgana ou desmotivación…

Gustaríame complementar con este artigo o dito por Jairo Campo, xogador da SD Burela, o pasado domingo. No seu artigo animaba a todos os rapaces coma min a seguir xogando ao fútbol, sen deixar de lado os estudos, pero asegurando que ambas cousas son compatibles.

E efectivamente, non hai dúbida de que, como con todo nesta vida, se queres, podes. Certo é, por suposto, que esixe sacrificios. Por exemplo, perderse máis da metade dos partidos de Champions ou Europa League, ou ter que estar estudando todo o tempo que esteas na casa desde outubro ata xuño.

As alegrías que brinda o fútbol son impagables.

Tamén ves reducida ao mínimo a túa vida social. Pasas menos tempo cos teus amigos de toda a vida, quen ademais fan amigos novos ou botan moza, mentres que ti non tes tempo para eles. Menos aínda para unha moza ou un gran círculo social ao teu redor!

Jairo concluía o seu artigo a semana pasada con esta frase: “Si de verdade vos gusta, complicádevos un pouco por algo que tantas alegrías nos daba de pequenos e nos segue a dar: a pelota e os amigos”.

Os sacrificios pagan a pena. Pagan a pena polo mero feito de poder desfrutar como nenos co balón nos pés. Non sempre sairán ben as cousas, pero aí entra a motivación da superación persoal, saber competir contra un mesmo… e a satisfacción xerada tras conseguilo é algo que non se pode comparar.

Asemade, gustaríame engadir que a maioría das relacións que se establecen nun vestiario son máis enriquecedoras que as que teñen lugar a través de Instagram ou Twitter… porque xa comezan cun nexo común, a pelota.

Pensádeo ben, rapaces, non ides ter mellor moza que a pelota!

Santi Real: xogador xuvenil. O fútbol é a vida!

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*