27 de xuño. Pensabamos que estaba todo o peixe vendido, pero non. Esta fin de semana disputarase unha das fases de ascenso máis surrealistas que se recordan. Será por un posto na Liga Galega Infantil. Unha praza que, en principio, estaba destinada ao gañador da eliminatoria Racing Villalbés-Imperátor. E que agora pode ser para ningún dos dous.

Vémonos na obriga de poñelos en situación. Xa ben entrado xuño, chairegos e herculinos medíanse na última ronda polo ascenso á Liga Galega Infantil. O Racing Villalbés gañaba 3-0 no Roca e deixaba medio ascenso feito á expensas do encontro de volta. Un duelo que non se chegou a disputar. O Imperátor atopou a aliñación indebida de dous xogadores do cadro vilalbés, que entraron escasos minutos ao terreo de xogo. Con esta circunstancia, o Racing estaba eliminado. Non quedou aí a cousa. O cadro chairego atopou tamén unha irregularidade cometida polo seu rival, un rapaz que tampouco podía xogar co ‘equipo A’ da escadra coruñesa e que o noso representante lucense “entende que o cambiaron de equipo fóra de prazo”. Así que os dous conxuntos eran perdedores da eliminatoria.

Pois ben, agora esa praza baleira polo ascenso pasarana a disputar os dous clubes ‘perdedores’ máis O Val, convidado inesperado á festa. O conxunto ferrolán caeu na súa eliminatoria ante o Oza e recibiu esta nova oportunidade por parte da Federación Galega de Fútbol. Unha oportunidade que rematará xa neste próximo mes de xullo. O máximo organismo balompédico galego propón a disputa dunha liguiña entre Racing Villalbés, Imperátor e O Val este venres, sábado e domingo en Fene. Sendo o primeiro partido un novo Racing Villalbés-Imperátor. Unha solución que non gusta no Val e tampouco na Chaira. Dende o clube ferrolán sinálannos o feito de que esta solución se iría xa ao mes de xullo e o consecuente aumento da mutualidade dos xogadores. O presidente Antonio López Freire entende que ámbolos rivais “deberían ser eliminados” e ve ademais que “hai aquí unha cacicada. Entendemos que un é o Vicepresidente da Federación Galega e o presidente do Villalbés é o dos equipos de Terceira División”. O Val xa presentou unha reclamación e agarda a resolución do Comité da Federación, que “en teoría reúnese mañá”.

Paco Ruíz, presidente do Racing Villalbés, admite que “esta solución non contenta ao clube” e remítese a que “todo está nos comités e o que digan benvido será”. Amancio Campelo, director deportivo do cadro coruñés, afirmou o seguinte: “Prefiro non facer declaracións ao respecto pola xente que se toma estas cousas coma unha cuestión personal e non de clube”. Veremos cal será o desenlace desta encrucillada e onde se decide o último ascenso da tempada: nos despachos ou no verde baixo o impoñente sol de xullo.

 

Información realizada por: Iván Calaza e Diego Díaz

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*