A Segunda Galicia copa o protagonismo deste novo Diario dun mercado. E hoxe toca un capítulo de despedidas. O Incio vén de comunicar que Míchel deixa de ser o seu adestrador logo de rematar a liga regular a pasada fin de semana. O cadro da Terra Brava librou do descenso directo, pero ten moi complicado manterse na Segunda por mor dos arrastres.
Míchel xa non dirixirá ao equipo na Copa. Dende o club din estar dispostos a buscar un novo técnico que poda quedarse xa de cara o vindeiro ano. O conxunto amarelo xogará a primeira eliminatoria do torneo copeiro na casa dun recén ascendido, o Carballedo.
Outro técnico que dixo adeus foi Martín Real. O preparador dimitiu hai unhas semanas como adestrador do Santa Comba. De feito, xa non se sentou no banco no último encontro ante o Quiroga. Ademais, o xogador do Bóveda Aarón Díaz despediuse da disciplina do club do Hermanos Somoza nas súas redes sociais.
Pero non todo van ser bágoas e adeuses. Temos dúas grandes noticias de cara a vindeira temporada. O focego Nacho regresa aos bancos para dirixir ao Estradense na Terceira galega. O antigo preparador de Ordes e Cerceda, entre outros, collerá así o testigo dun Alberto Mariano que deixa o listón moi alto.
Por último, unha incorporación. O San Lázaro contará cun equipo feminino a partires da campaña 22-23. Dende a directiva do club de A Ponte levan xa tempo traballando arreo neste proxecto. Pronto coñeceremos máis detalles. Benvidas ao noso fútbol!