O fútbol pandémico pode ser marabilloso. E ten cousas tan curiosas como que se producen movementos en abril, tanto para esta temporada como para a vindeira. Comezamos polo máis inmediato!
A pasada semana Melendo dimitiu como adestrador do equipo feminino do Antas, asumindo as responsabilidades de maneira temporal Noe Pires. Nesta semana, agardan deixar solucionado o tema do adestrador/a polo Castro Seoane. Dúas esferas por enriba, o Ribadeo conseguiu o retorno dun vello coñecido para buscar a permanencia sen apuros. O dianteiro focego David Rodríguez volve ao Pepe Barrera para aportar a súa experiencia e algún que outro goliño.
Falando de xente experimentada, iniciamos as noticias de cara á vindeira campaña. Unha campaña na que Montxo non vestirá a casaca do Lourenzá. O recoñecido xogador colga as botas despois dunha longa traxectoria de branco e vermello.
Outro adeus é o de David Páez a Cantarrana. Despois de certificar a permanencia, onte coñecíamos pola prensa local a non continuidade do técnico de Sarria. Luis del Río aseguraba que «non renovará xa que buscan outro perfil de adestrador». Pois ben, desde Futbolinlugo quixemos coñecer a versión do preparador. Páez indicounos que a súa marcha débese a outro motivo, xa que hai un mes que comunicou ao Viveiro que el non seguiría a próxima temporada.
No entanto, e para rematar, pola Reigosa agardan a continuidade de Covi á fronte do PM Friol. Despois do ascenso, o presidente Geluco Villar recoñece que ten a necesidade de incrementar o corpo técnico do equipo. Anda na procura dun «fisioterapeuta, un preparador de porteiros e un preparador físico ou segundo adestrador».
Nos próximos días e semanas seguiremos traendo novidades. Xa se están xestando moitas operacións e son numerosos os equipos que se atopan en pleno mercado neste momento. Comezou a festa!