O Lugo B firmou un dos empates do fútbol lucense

Xornada de táboas para o fútbol lucense

O fútbol lucense tivo unha xornada na que a vitoria foi esquiva en todos os encontros do Trío de Ases O Cantón. Na súa maioría, repetiuse o reparto de puntos, aínda que con diferente valor para cada un dos equipos. O derbi da Terceira RFEF mantivo unha gran igualdade entre ambos conxuntos, mentres que o Lugo B volveu remontar para mostrar a súa casta e conseguir un punto ante o Arosa. Tamén conseguiron igualar o Pol e o Lemos, mentres que Sarriana e Burela non puideron sumar

Un derbi de máxima igualdade

O Viveiro e o Racing Villalbés firmaron as táboas (1-1) nun encontro onde o campo converteuse nun taboleiro de xadrez entre Juan Rodríguez e Alberto López, que se enfrontaba ao seu equipo da tempada pasada. A primeira parte foi un tanteo onde o rigor táctico de ambos conxuntos imperou, co Viveiro cun punto máis de dominio nos primeiros minutos, con Rolle e Lansade tendo boas oportunidades para marcar.

Pero foi na segunda cando o cadro chairego mostrou estar mellor fisicamente e cun Pablo Trigo que quixo desbaratar a táctica da Mariña coa súa movilidade en campo rival . Pero o golpe deuno Rolle nunha transición na que Arturo puxo un gran centro para o remate de cabeza do seu compañeiro. O Villalbés non se deu por vencido e, nun centro lateral, Cadra aproveitou un rexeite para que os puntos se repartisen.

O Lugo B logra un punto de ouro

O Lugo B sumou ante o Arosa (2-2) un punto que «sabe a gloria», como di Dani Galán. Os primeiros minutos foron de dominio local con situacións moi claras de centro, pero o Lugo B tiña claro que o encontro pasaba por facelo longo e intentar ter o balón para facer sufrir ao rival. Ibe, Aday e Mateo Muñoz tentaron a defensa nos últimos minutos, pero nunha contra que lanza Concheiro define ante Candal para abrir o marcador antes do descanso.

O Arosa conseguiu doblar a súa vantaxe no minuto 54 cun gol de Pacheco no rexeite dun córner, pero o filial albivermello tiña claro que faltaba moito tempo. O ritmo alto foi o maior valedor dos lucenses e o máximo goleador da categoría, Aday, recortou distancias para o seu equipo. O Lugo B colleu folgos e Ibe convertiu un penalti que el mesmo forzou no minuto 88 para poñer o empate. Incluso, Noah nunha falta e un barullo nun saque de curruncho case lle dan os tres puntos aos lucenses.

Igualdade na Preferente

O Pol por fin conseguiu sumar o seu primeiro punto na súa visita ao Dumbría. Ríos e Susavila tiveron grandes oportunidades nunha primeira parte na que os de Labrada dominaron. Na segunda parte, o propio Ríos abriu o marcador, pero dous minutos despois o Dumbría marcaría o empate. A mala noticia foi a expulsión do goleador a falta de dez minutos para o final, pero o Pol estivo a centímetros de marcar o tanto da vitoria.

O Lemos tamén firmou táboas ante un recién descendido como o Villalonga. Os goles non puideron ser máis rápidos, Fito marcou no minuto 4 e os visitantes igualaron no 6. A partir de aí, o Lemos fixo un completo asedio de ocasións con diferentes opcións nas que non puideron facer máis para gañar, só que o balón puxese a súa dirección na portería sen que ninguén se interpuxese

Dúas derrotas no fútbol lucense

A Sarriana estivo a piques de conseguir un punto na súa visita á Gimnástica Segoviana. Na primeira parte, os de Iván Carril non deixaron que os locais chegasen con opcións e incluso tiveron boas oportunidades para abrir o marcador. Na segunda parte, os segovianos meteron aos sarriáns na súa área e Fernando foi salvador en varias ocasións, pero no minuto 86, Manchón desviou un balón rexeitado para superar ao porteiro e poñer o 1-0 final.

O Burela caeu ante o San Tirso nun encontro onde os coruñeses sorprenderon a través do seu xogo combinativo. Os visitantes conseguiron aproveitar os erros dos mariñáns para poñer tres goles de vantaxe antes do descanso. Os de Oke intentaron todo o posible para ir a polo partido e, a pesares de chegar a ir perdendo por catro goles, David e Xoel marcaron para acurtar distancias.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *