As xogadoras do CD Lugo B reivindican a súa postura ante o silencio oficial do club

A finais da semana pasada enterámonos de que o Club Deportivo Lugo prescindía da súa sección feminina. Tanto o primeiro equipo, que militaba en 3ª RFEF (categoría estatal), como o conxunto filial, que xogaba na 2ª Galega, non sairán a competir na próxima campaña.

As xogadoras do equipo B aseguran que non tiveron noticias da nova xerencia da entidade albivermella, presidida agora por Ronald Baroni. Explican que se enteraron polo seu corpo técnico da decisión final. Polo momento, o club non se pronunciou oficialmente ao respecto.

Nunha «carta dirixida ao fútbol feminino lucense», as futbolistas do CD Lugo B afirman que «a desaparición da sección feminina non só marca un punto de inflexión doloroso na nosa traxectoria, senón tamén senta un precedente perigoso para o futuro do deporte feminino na nosa cidade«.



Comezan o seu sentir expresando que «nunca nos queixamos, nunca pedimos máis do xusto, pero hai liñas que non se poden cruzar e esta é unha delas». Engaden que «xamais fixemos esixencias fóra de lugar. Aceptamos adestramentos, horarios, condicións,… sempre dende a ilusión, o compromiso e o amor por este escudo».

«En ningún momento fomos informadas por parte da nova dirección do club da desaparición do equipo feminino. A noticia chegounos o pasado 10 de xullo, a través dos nosos adestradores, quen tampouco foran notificados previamente pola entidade», comentan.

Destacan que «os adestradores loitaron por manternos, pero sen éxito. A comunicación chega a tan só semanas do inicio da pretemporada, sen marxe para buscar novos destinos, sen posibilidade de organizar fichaxes ou preparar un futuro alternativo. Deixóusenos sen ferramentas, sen respaldo e sen respecto».



Despois dunha alianza pouco fructífera co PM Friol na tempada 18/19, o CD Lugo decidira crear un equipo feminino en 2019. Partira da 2ª Galega (daquela non había 3ª) co apoio da Milagrosa, equipo do que chegaron xogadoras e tamén técnicos como Joaquín Blanco ou Iria Rey.

Os ascensos do primeiro equipo foron en paralelo a diversas estruturacións que se levaron a cabo nas categorías do fútbol feminino español. En 2023, o Lugo asecendeu á 3ª Federación, a cuarta división en orde de importancia do balompé feminino español, categoría na que logrou a permanencia as dúas últimas campañas.

As xogadoras do filial aseguran que «todo este esforzo foi ignorado e despreciado cunha única decisión, tomada dende os despachos, sen dar a cara e sen ofrecer unha explicación coherente».

Aproveitaron para reivindicar certos aspectos nos que xa crían que dende o club estaban errados con anterioridade. «O equipo non era un gasto inasumible, era un proxecto mal xestionado, que non foi verdadeiramente apoiado dende dentro do club. Non se tratou de falta de beneficios, senón de falta de vontade».

«O fútbol feminino non é un luxo nin unha carga. É unha inversión en igualdade, en valores e en comunidade. Se non se coida nin se visibiliza nin se lle dá o sitio que merece; como se espera que medre?», cuestionan.

Critican «o silencio imposto, a falta de transparencia, o desprezo o noso labor e a nosa historia. Isto doe, porque o único que quixemos sempre foi xogar ao fútbol».

Reivindican que esta carta «non é polas que vestiamos esta camisola, é, sobre todo, polas nenas que soñaban con chegar a primeiro equipo, polas que adestran cada día na base, polas que queren un futuro onde o deporte non dependa de decisións inxustas, senón de méritos e compromiso».

Rematan a súa argumentación cunha petición ás persoas que cren no deporte feminino, na igualdade real e no respecto ao traballo ben feito. «Queremos que deades voz a esta situación porque o CD Lugo non o contará, pero a cidade ten dereito a saber a verdade. Queremos que saibades o que pasou, que isto non se repita nunca e que o fútbol feminino de Lugo saiba que seguiremos loitando».

Polo momento, a entidade non se pronunciou oficialmente ao respecto. Na rolda de prensa de presenteción do novo presidente Ronald Baroni (ofrecida hai un mes) a sección feminina non foi mencionada en ningún momento. Tan só se falou do primeiro equipo masculino e da base en xeral.

A última publicación referente á sección feminina no único perfil específico do CD Lugo Fem foi a foto coa participación das xogadoras no V All Star. Iria Pérez, Iyore, Mony, Alba e a adestradora Iria Rey participaron no evento de fin de temporada organizado por Futbolinlugo.

Precisamente no All Star, conversamos brevemente con Iria Pérez. A futbolista de Chantada, a 28 de xuño, tiña dúbidas sobre o futuro do seu equipo e non descartaba un regreso á casa. Iria acumula tres tempadas consecutivas no primeiro equipo albivermello sendo unhas das xogadoras máis destacas e con máis minutos do equipo preparado por Joaquín Blanco. Aquí vos deixamos as que daquela eran as súas impresións ao respecto.

As xogadoras do CD Lugo B reivindican a súa postura ante o silencio oficial do club

Diario dun mercado. Episodio 479

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *