O fútbol da Primeira Futgal voltou este fin de semana aos campos lucenses. As victorias de Residencia e Monterroso asentan a ambos cadros na promoción, mentres que Ribadeo e Escairón dan un paso atrás. Na zona baixa, a igualdade segue a ser máxima.
O Monterroso asalta O Saviñao (1-3). O primeiro golpe deuno Óscar, cun disparo desde fóra da área que entrou pola escadra e que supuxo o 1-0. Melchor empatou pouco despois e os vermellos medraron a medida que pasaron os minutos, pero a superioridade visitante non se fixo notar no electrónico ata a reanudación. Manu puxo o 1-2 e tan só Parapar impediu que os de Cerdeiriños pechasen o choque antes do engadido, cando Martín pechou o resultado co definitivo 1-3.
A Resi remonta na Cheda a súa primeira final (3-2). Logo dun primeiro tempo moi igualado, Meitín forzou unha pena máxima que el mesmo anotou antes do tempo de lecer. O dianteiro tivo nas súas botas o 0-2 xusto á saída dos vestiarios, pero errou o man a man e deu ás a unha Residencia que empatou pouco despois nun centro lateral.
Cinco minutos despois (68′), o marcador era de 3-1 para os branquiazuis tras dous goles de Renda desde o punto de penalti. Os mariñáns recurtaron diferenzas a balón parado (3-2), pero xa era tarde para sacar nada positivo do feudo lucense.
O Xove supera ao Taboada e asoma a cabeza (1-0). Era un duelo vital no Municipal e así o afrontaron os dous equipos. Ninguén quería equivocarse e a seguridade defensiva foi a protagonista ao longo dos 90′ no feudo mariñán. As oportunidades de gol brillaron pola súa ausencia e non foi ata o tempo engadido que chegou o desenlace: fatal para o Taboada e afortunado para o Xove. Xoel transformou unha pena máxima que foi asubiada logo dunha acción na que os visitantes pediron fóra de xogo e desatou a tolemia entre a afección local para achegarse aos postos de salvación.

O Castro vence con boa nota ao Lourenzá (2-0). Os dous modelos de xogo tiveron protagonismo no Arturo Pereiro e o duelo estivo moi pechado no primeiro tempo, pero Iván González desfixo a igualada logo dun centro lateral de Raúl. Na segunda metade, os de Acebedo adiantaron as súas liñas na procura do empate e o Castro aproveitou eses espazos: espetaron na trave un disparo logo dunha transición e, logo dun saque de esquina, Dani Montes puxo o 2-0 definitivo cando restaban dez minutos.
O Outeiro «róuballe» un punto ao líder da Primeira no Sangoñedo (0-0). Aínda que os chairegos chegaban con moitas baixas, fixeron piña dentro do verde e conseguiron neutralizar o xogo ofensivo, especialmente por dentro, da SD Chantada. Os de Traste foron desatascando o choque na segunda metade.
Ataques verticais, balóns parados, dez minutos cun home máis sobre o céspede…. saldáronse con balóns aos paus e disparos sacados pola defensa visitante, pero non co gol. O exercicio de resistencia visitante permitiu aos de Corredoira sacar un punto de moito mérito diante dun rival que segue a amosarse moi sólido, pero ao que lle fallou a efectividade esta semana.
O Guntín saca adiante o duelo contra o Santaballés (1-0). Eran dous conxuntos de similares características sobre o céspede do Ladairo, pero os laranxas fixeron valer a condición de local e golpearon primeiro: Dani Pérez, un dos Máxicos da semana, fixo o 1-0 no 8′ e o Guntín seguiu dominando o xogo ao longo da primeira metade.
Os chairegos deron un paso adiante no segundo tempo, pero o exercicio de resistencia e de solvencia amosado polos locais —pese á xuventude do seu cadro— ata o 98′ valeulles para deixar os 3 puntos na casa.
Un porteiro-xogador protagoniza a xornada da Primeira
A Milagrosa conquista o Sangoñedo (0-1). Levaba tempo a Milagrosa na procura dunha victoria que se estaba resistindo, ao igual que o Chantada Atlético. Froito diso, seguramente, foron os nervios que ambos conxuntos amosaron na primeira metade: poucas ocasións, sendo a máis clara para os locais e desbaratada pola zaga visitante baixo paus.
Na reanudación, un gran pase de Pajón e a definición de Rafa puxeron por diante ao cadro de Madriles, que soubo sufrir e resistir os ataques incesantes do «Atlético». A falta de efectividade chantadina impediu que chegase un empate e deu aos albivermellos a primeira victoria do 2026.
O Iberia tira de efectividade ante o filial do Racing Villalbés (2-0). Os chairegos dominaron a primeira metade, pero erraron nas definicións. Gegun tivo un man a man, Rouco enviou un balón ao pau e viu como lle anulaban un gol… e o Iberia sacou partido deses erros.
Na segunda metade, un disparo de Carlos desde o borde da área supuxo o 1-0 e, tras iso, Duarte mantivo con vida aos seus en dúas ocasións claras do Iberia. Non puido evitar o 2-0 dos mariñáns na recta final, de xeito que os tres puntos quedaron nas Valgas.
Partido pechado nos Medos con reparto de puntos (0-0). O Brollón foi dominador na primeira metade e dispuxo de dúas claras ocasións para adiantarse. Porén, a falta de acerto nese primeiro acto e no comezo do segundo pasoulle factura, pois quedou cun home menos sobre o verde e viu como La Purísima puido anotar en varios contragolpes que non finalizaron ben. Ao final, o reparto de puntos sobre o céspede foi xusto.
O Foz perdona e o Oural está a piques de dar un susto no Martínez Otero (0-0). Foi un duelo igualado no comezo e condicionado polo forte vento, con ambos conxuntos incómodos. Os sarriáns sufriron a expulsión do seu gardamallas nos últimos intres do primeiro acto e, dado que non dispoñían de porteiro suplente, Pedro asumiu ese rol desde o seu posto de central.
Os mariñáns trataron de aproveitar a situación na segunda metade e insistiron moito preto da área rival, pero tamén o Oural puido anotar nalgunha transición que detivo ben Hugo. Pola súa banda, Pedro amosouse moi seguro tanto baixo paus como nos balóns aéreos e no xogo cos pés, de xeito que os puntos se repartiron en Foz.


