#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Viveiro e Polvorín saen vitoriosos dos derbis de Terceira RFEF

Xornada de derbis nestre Trío de Ases O Cantón. Na Terceira RFEF o Viveiro venceu en Cantarrana ao Racing Vilalbés, mentres que o Polvorín goleou na Ribela á Sarriana. Na Preferente, o derbi entre Lemos e Pol rematou sen goles e case que sen ocasións. O Ribadeo empatou no Pepe Barrera diante do Lalín e o Escairón caeu no feudo do San Tirso.

O Viveiro afástase do perigo tras vencer a un Racing Vilalbés que cae á terceira praza (2-0)

Os celestes ven máis preto a permanencia tras derrotar en Cantarrana a un Racing Vilalbés que sumou a terceira derrota consecutiva. Os de Alberto López son agora terceiros tras ser superados polo Estradense. Os chairegos saíron mellor ao partido e chegaron á área rival por ámbalas dúas bandas. Brais Pedreira e Cañi tiveron ocasións para abrir o marcador, pero non estiveron atinados. A partir do ecuador do primeiro tempo foron os locais os que levaron o peso do partido. Adri Lombao avisou antes de que, tras un saque de falta lateral, Diego Santín cunha boa volea fixera o primeiro. Os de Adrián Benavides estiveron cómodos no partido e xusto antes do descanso, unha boa asociación entre Rolle e Fanego rematou co tanto deste último.

No segundo tempo o Viveiro puido sentenciar en dúas boas ocasións de Peli, unha delas estrelouse no pao da portería de Álex Santomé. O Racing Vilalbés levou o peso do partido e gozou de varias ocasións por medio de David García, Borja Míguez e Barroso ás que Ayoub respostou con boas paradas. Nos últimos minutos o Racing tivo que xogar con dez ao lesionarse Cadra cos cinco trocos realizados.



O Polvorín golea a u nha desdibuxada Sarriana na Ribela (0-4)

Non foi o partido da Sarriana. Os de José Antonio Rodríguez amosaron unha mala imaxe no seu feudo diante dun Polvorín coas ideas moi claras. O dominio do balón dos locais foi estéril fronte a un bloque medio dos albivermellos que agardaron con paciencia o seu momento para saír con perigo á contra. Co primeiro cuarto de hora cumprido, Padín abriu o marcador un gol olímpico. Só tres minutos máis tarde, os de Álex Ortiz fixeron o segundo tras un roubo no perfil esquerdo do ataque que culminou Cidre cun bo disparo. A Sarriana apenas gozou de ocasións de gol no primeiro tempo.

Logo do paso por vestiarios, a defensa máis alta do Polvorín deulle os seus froitos en forma de continuos roubos de balón que xeraron perigo continuo ante a portería de Javi Liz. O terceiro gol chegou nun maxistral lanzamento de falta de Padín e o cuarto tras unha contra ben levada por Raúl que finalizou Maceira.



O Lemos iguala na Pinguela co Pol e sitúase a tres puntos do descenso (0-0)

Derbi provincial moi parello e sen apenas ocasións de gol. O Lemos optou por un fútbol directo e o Pol polo xogo asociativo, pero ningún dos dous conxuntos foron quen de levar a cabo o plan establecido con éxito. Ríos gozou da ocasión máis clara para o Pol e os monfortinos acumularon moitos xogadores na área, aínda que non foron capaces de xerar ocasións de gol.

Os visitantes buscaron aproveitar os espazos en ataque, pero non lograron superar en defensa a un incomensurable Pedro López.

O Ribadeo suma un punto de mérito fronte ao Lalín pero cae a postos de descenso (0-0)

O cadro ribadense sobrepúxose ás numerosas baixas de moitos titulares habituais e plantoulle cara a un claro aspirante ao ascenso. Os pupilos de Luchi entraron moi ben ao partido e buscaron chegar á área contraria polas bandas ocupadas por Álex e Kevin. Co paso dos minutos o Lalín tivo o control do balón, pero o Ribadeo dificultou a súa circulación. Cando os visitantes eran quen de xerar perigo, Javi Pita amosouse moi seguro na portería. O vicedense respostou con éxito en dous remates de Chiño preto do descanso.



Tras o paso por vestiarios o encontro seguiu un guión semellante, aínda que o Ribadeo deu un paso adiante e gozou duns minutos nos que contou con ocasións para adiantarse no marcador. Un centro raso de Xavi Iriarte pasouse por diante da portería ao que Dani non chegou por escasos centímetros e, sobre todo, un man a man de Kevin Pierre que resolveu con éxito o gardameta visitante. O Lalín non atopou no periodo final o camiño cara o gol e un imperial Mario no centro da zaga desbaratou calquer achegamento dos visitantes.

Malia á importancia do punto colleitado, os triunfos de Mugardos e O Val sitúan ao Ribadeo en posición de descenso directo.

O Escairón cae no campo do San Tirso e queda a sete puntos da permanencia (3-0)

Encontro no que o conxunto local se amosou superior ao Escairón. O San Tirso, cun estilo de xogo moi dominado, fundiu aos visitantes no seu campo. Mario Seoane abriu o marcador tras un saque de banda e os de Brais Prados non eran quen de atopar as costas da defensa local para xerar ocasións de gol.

No segundo tempo o San Tirso fixo o segundo por medio de Denis tras un saque desde o curruncho e Mario Seoane sentenciou nunha rápida contra. A boa actuación do gardameta Álex Ávila impediu que o marcador fora máis abultado. Julito gozou da única ocasión clara para o Escairón nos compases finais.

Foto de portada: Mundito Carballo Durán

Viveiro e Polvorín saen vitoriosos dos derbis de Terceira RFEF

Só o Escairón acada a vitoria para

Viveiro e Polvorín saen vitoriosos dos derbis de Terceira RFEF

Hora de sacar a calculadora

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *