O medio dixital Futbolinlugo e El Progreso continúan coa súa alianza polo balompé da provincia. Por sétima vez realizaron conxuntamente a Guía ‘Fútbol en Lugo’, a publicación que analiza os 84 equipos do fútbol afeccionado sénior de Lugo que saen a competir nesta temporada.
A Guía estará dispoñible dende este venres 12 de setembro. Poderase adquirir nos puntos de venda de El Progreso en toda a provincia e noutros concellos limítrofes, como é o caso das Pontes. O prezo por exemplar mantense en 2 €.
‘A que nos Guía’
‘A que nos Guía’ é o lema do spot promocional desta publicación. A peza audiovisual fai referencia aos motivos que aínda existen para seguir apostando polo fútbol máis local, nun momento no que cada vez é máis complicado que os equipos subsistan.
De feito, aínda que xurdiron dous novos conxuntos este verán (o Pol B e o San Roque fem), o número de clubs do fútbol afeccionado reduciuse en catro coa desaparición do Cospeito, o Sporting Lucense, os filiais do Friol e do Chantada Atlético e o dous conxuntos do CD Lugo fem.



A maior parte das imaxes do vídeo foron gravadas no concello de Guitiriz, principalmente no campo de fútbol Suso Cruz, coa colaboración da SD Guitiriz. Ademais, persoas do CD Santaballés, SD Chantada e do CD Brollón cederon as súas camisolas vintage para a gravación. O Iberia CF colaborou coa cesión de imaxes do seu último ascenso á Primeira Futgal.
Máis redactores que nunca
O monográfico consta de 96 páxinas a toda cor. Segue o formato das últimas campañas, ao incluír un índice, a presentación de cada categoría dende a Preferente masculina á Terceira Galicia feminina, unha páxina individualiza para cada conxunto e un espazo destinado a coñecer a todos os árbitros da delegación lucense. Iso si, o contido referente aos colexiados gaña máis protagonismo o sumar unha páxina máis.
Por sétimo ano (dende o 2018, pero cun parón na pandemia), Futbolinlugo e El Progreso traballaron conxuntamente para sacar adiante esta biblia do balompé.
Futbolinlugo contou co seu redactor Diego Díaz como coordinador deste traballo. Ademais, participaron o equipo habitual de Futbolinlugo, Santi Real, Iván Calaza, Marcos Fernández, Eva Argiz e Eros López, xunto con Juanma Rodríguez, Jorge Bergantiños, Rachu Carballedo, Toño Rico, Pablo Delgado, Carlos Julio González, Álex Vasco, Miguel Piñeiro, Mateo López ‘Meco’ e Diego Cendán. Un grupo de 16 persoas entregadas á causa.

A SD Chantada, a entidade con máis representación na Guía
Un ano máis, a SD Chantada mantense como o club con máis equipos na Guía ‘Fútbol en Lugo’. Conta con dous masculinos, que compiten na Primeira e na Segunda Galicia, ademais do cadro feminino que xogará na Terceira Galega. A pesar do descenso, as futbolistas preparadas por Álex Fornas contarán cunha das mellores xogadores da comarca nos últimos anos, Iria Pérez, que chega procedente do CD Lugo.
Outras entidades dobran representación como é o caso do Club Lemos (primeiro equipo e filial), SD Pol (primeiro equipo e filial), SCD Milagrosa (masc. e fem.), SD Monterroso (primeiro equipo e filial), Taboada CF (primeiro equipo e filial), SD Antas (masc. e fem.), San Lázaro (masc. e fem.), SG Comercial (masc. e fem.), PM Friol (primeiro equipo e filial) e SDC San Roque (masc. e fem.).
