A Primeira Futgal deixa á Resi e ao Ribadeo na cabeza da táboa logo de seis xornadas disputadas. Esta semana, a emoción e a alta intensidade foron protagonistas na provincia.
A Residencia supera en ritmo e goles ao Chantada Atlético (5-1). Os branquiazuis demostraron desde o primeiro momento a un cadro chantadino que nunca chegou a estar cómodo no terreo de xogo. Dous goles na primeira media hora inclinaron a balanza a prol dos de Rafa Casanova, que non baixaron o pistón no segundo tempo e fixeron tres goles máis (un deles, nun protestado fóra de xogo) ante uns visitantes que gañaron protagonismo con balón e que conseguiron o gol da honra.
O Iberia renace no derbi ante o Foz (1-3). Na primeira metade, os das Valgas demostraron a súa fame e ambición diante dun Foz que se mostrou apático. Adrián fixo o 0-1 e a renda puido ser maior no tempo de lecer, pero o Iberia non se mostrou efectivo. A charla táctica e os cambios introducidos no descanso por Pelayo fixéronse notar no comezo do segundo tempo: nunha das primeiras accións marca o empate Diego e, pouco despois, Asier erra no que tería suposto o 2-1.
Porén, foi o Iberia o que aproveitou un centro para poñer o 1-2 nunha acción que puido ser rematada coa man. Co Foz envorcado, o alto ritmo defensivo do Iberia —que rematou con 10 xogadores— valeulles para manter o resultado e sentenciar cando faltaban dez minutos para o final, 1-3.



O Oural remonta nun dos campos máis difíciles da categoría (1-3). O Taboada chegaba con baixas á cita, pero dominou ao longo do primeiro tempo ante un cadro sarrián moi desaparecido que sufriu unha expulsión antes do descanso. Porén, o Oural medrou diante da adversidade e mellorou moito co paso dos minutos: empatou e remontou un partido no que o Taboada mostrou a súa peor versión. Ao final, os tres goles visitantes e o alto ritmo defensivo dos xogadores de Jorge levaron os puntos cara o Luis Pallín.
O Ribadeo non da opción ao Lourenzá (7-0). Aínda que nos primeiros minutos o Lourenzá sorprendeu cunha presión alta, o Ribadeo soubo responder e, tras o primeiro gol de Simón, os tantos sucedéronse nun Pepe Barrera que recupera a ilusión: Nico, Anxo por partida dobre, Meitín, Castrín e Sergio redondearon a tarde nun duelo do que o Lourenzá terá que repoñerse canto antes para seguir competindo ao seu nivel.
O Escairón provoca a primeira derrota da Milagrosa (3-1). Aínda que os visitantes puxeron as ocasións máis claras no comezo e Parapar salvou aos seus, o Escairón puxo a efectividade e anotou antes do descanso. No segundo tempo, un auténtico golazo de Kevin encarrilou o choque para os locais, que sentenciaron pouco despois cun disparo de Denis que petou nun defensor. Os albivermellos recurtaron diferenzas logo dun roubo e unha combinación rápida, pero non houbo tempo para máis e os puntos quedaron no Saviñao.
O Castro volve empatar ante o Guntín (1-1). A primeira parte foi pechada, con máis posesión por parte do Castro e cun Guntín que estrelou un balón no longueiro. O guión foi semellante na segunda metade, ata que Mateo roubou o balón, cedeu en profundidade para Dani, que regateou ao gardamallas, e finalmente o propio Mateo finalizou en gol logo dun rebumbio na área. Os vermellos empataron pouco despois nun balón parado que rematou Cadenas e no que os visitantes pediron man. Desde aí, a igualdade voltou a ser protagonista e o duelo rematou sen máis goles.
O altísimo ritmo de xogo foi protagonista esta xornada
O novo Xove gaña ante o Santaballés (2-1). O ritmo ofensivo e defensivo do Xove inclinou a balanza a prol dos mariñáns. A intensidade en disputas e segundos balóns dos locais traducíronse no primeiro gol do choque, que chegou antes do descanso. Na segunda metade, os chairegos foron quen de igualar o ritmo e a fame e lograron o empate, pero Adri Díaz aproveitou un erro defensivo visitante para deixar os tres puntos no feudo dun Xove que agora dirixe Fran Caínzos.
O Brollón perde a renda en Velle (2-2). O cadro lucense leu ben o partido no primeiro tempo: fixo dano ás costas da defensa local e anotou dous goles antes do descanso. Porén, os ourensáns correxiron os erros e cambiaron a imaxe na segunda metade. As ocasións do Velle sucedíanse e o asedio á área visitante foi constante. O Brollón defendeu como puido, pero o ritmo ofensivo local terminou por impoñerse e chegaron dous goles que igualaron o resultado para repartir os puntos en Aira, 2-2.
Empate xusto entre Outeiro e Monterroso (1-1). Os locais comezaron mellor, con menos dúbidas e roubando balóns en campo rival, pero a lesión de Rubén mermou o xogo do Outeiro e os vermellos gañaron peso no partido. A segunda parte abriuse moito: o Outeiro errou dúas ocasións contra o porteiro visitante; mentres que David errou un remate de cabeza e os monterrosinos reclamaron un gol pantasma, pero os chairegos anotaron o primeiro gol do duelo nunha boa acción por banda. O empate, merecido pola insistencia dun Monterroso que non parou de cargar a área, chegou por medio de Bouba nun saque de esquina no tempo engadido.
A SD Chantada supera ao filial do Racing Villalbés ‘B’ (4-1). Os visitantes conseguiron neutralizar o xogo ofensivo local na recta inicial, e froito dunha transición chegou o 0-1. Porén, a SD Chantada acadou o empate nunha falta lateral e remontou o resultado nun saque de esquina. Aínda antes do descanso chegou o 3-1 nun remate de Pablo, que mermou moito o ánimo chairego. O filial do Racing mellorou na reanudación, subiu o ritmo e tivo máis protagonismo con balón, pero errou nas definicións para achegarse no resultado. Finalmente, os chantadinos pecharon o resultado co definitivo 4-1 que supuxo o terceiro na conta particular de Pablo.
