Xurámosvos que nos gustaría dar boas noticias do PM Friol pero cada semana resulta un pouco máis difícil. O que debería ser a crónica dun triunfo de prestixio no campo do Lóstrego, queda nun segundo plano por un novo episodio lamentable entre o club da Reigosa e os colectivo arbitral. Nas próximas horas agardamos informar pertinentemente das decisións tomadas pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) unha vez analizada a acta do colexiado vigués Extremadura Hernández (ver foto inferior).
Covi Regueiro volveu dirixir ás xogadoras amarelas, saltándose a inhabilitación que posúe para adestrar ao PM Friol. O árbitro non quixo pasar por alto esta circunstancia. Agárdanse sancións contundentes e exemplares. Entre elas, unha posible perda dos tres puntos logrados en Gondomar. Incluso o descenso de categoría. Ou unha posible inhabilitación ao presidente Geluco Villar por connivencia, entre outras.

É moi triste que o gran traballo das xogadoras poida quedar en nada por estas repetidas actuacións de Covi Regueiro. Especialmente o dunha gran segunda metade, na que remontaron o tanto inicial do Lóstrego (o cal chegou nunha nova perda de balón en zona de perigo). A expulsión da local Adelaida no minuto 25 marcou o xogo. O partido volveuse marcar desde fóra do verde!
O CD Lugo perdeu pola mínima ante o gran dominador da Terceira RFEF. O Real Avilés cumpriu os prognósticos e adueñouse do esférico desde o inicio. O equipo de Joaquín Blanco defendeu de xeito ordenado e puxo en certos apretos a un rival, que non terminaba de crear o seu fútbol habitual. Por desgraza, no último minuto da primeira parte chegou o único gol das asturianas. A mala sorte cebouse unha vez máis coas albivermellas.


A segunda metade deu paso ao fútbol control do Real Avilés. O líder non arriscou co marcador favorable. O CD Lugo tampouco puxo maior problema. O esforzo da primeira metade, unido ás altas temperaturas do día, propiciaron que as albivermellas tivesen moitos problemas para dominar o balón e atacar con perigo. O peor de todo é que a zona baixa comprímese aínda máis co empate do Gijón FF e a vitoria do Umia. O CD Lugo queda empatado a 20 puntos con estes equipos, pero fóra do descenso directo por golaverage.
Tiro no pé do PM Friol B na súa loita pola salvación na Primeira Galicia
O filial do PM Friol tampouco puido levar boas noticias ao pobo. O conxunto de Geluco Villar comezou o partido de xeito inmellorable, con dous goles de Thimote antes do primeiro cuarto de hora. O PM Friol B desperdiciou tan suculenta vantaxe nun tramo de segunda metade para olvidar. Tres goles en menos de dez minutos tiraron por terra todo o bo traballo feito ante o líder. O Bergantiños levou o triunfo, deixando ás amarelas a cinco puntos da zona de permanencia con outras tantas xornadas por celebrarse. Non corren os mellores tempos pola Reigosa…
Segunda xornada consecutiva sen puntos para os lucenses da Segunda Galicia
Unha xornada máis a Segunda Galicia segue a ser a categoría maldita para as lucenses. Por segunda semana seguida, ningún equipo da provincia foi capaz de puntuar. O único e escasísimo botín logrado polas nosas foi o gol de Eva para o Chantada.

O Chantada queda a dous puntos da zona de permanencia despois de caer na casa ante o Touro. O equipo de Jorge González asinou unha primeira metade moi seria, na que apenas se rexistraron ocasións. No entanto, o cadro de Xanzy abriu a lata tras un bo cambio de orientación.

O Touro golpeou de novo tralo paso polos vestiarios nun lanzamento de longa distancia. O Chantada non se quería ir do partido e Eva recurtou diferenzas tras un saque de banda. Porén, tan só uns minutos máis tarde, as de Xanzy mataron o encontro co terceiro e definitivo gol.
O que podería certificar a permanencia a vindeira semana é o Antas. Xa que nesta xornada resultou imposible. As de Dani Abelairas recuperaron xogadoras e sensacións ante o Xallas. O seu bo partido non bastou para sacar algo positivo. Dúas xogadas dentro da área nos primeiros minutos de cada parte, desnivelaron a balanza a favor das locais.
O San Roque realizou o peor partido do ano no peor momento posible. As de Quiroga despídense case por completo das súas opcións do ascenso tras ceder na casa ante o Carral. E iso, que o Abellá tamén perdeu nesta xornada! O equipo verdibranco sufriu ante o físico e as transicións do cadro coruñés, que se adiantou pasada a media hora de xogo.
A escadra de Montirón non tivo paciencia. Tampouco fluidez en momento algún. E, a pesares da melloría na segunda metade, nunca existiu a sensación real de remonta. O conxunto de Quiroga encontrouse por tres veces cos paus. Tamén cunha nova xerra de auga fría, co segundo tanto do Carral nada máis comezar a segunda metade.
Por último; a Milagrosa, xa descendida, non tivo opción algunha no campo do Cultural Maniños. Dous goles no derradeiro cuarto de hora da primeira parte, deixaron o choque visto para sentenza antes do tempo de lecer.
Un derbi sen gañador, un punto ante o líder e moitas baixas na terceira galicia
Cuarta xornada consecutiva sen perder para unha Comercial con baixas e que acudiu ao Derbi das Gándaras con só once xogadoras. O conxunto de Vicky inaugurou o marcador antes dos dez minutos de xogo en medio dunha abafante calor.

O San Lázaro non se atopaba cómodo e Luchi viuse obrigada a reaxustar o plantexamento inicial. Funcionou! Desde o ecuador da primeira metade, as ocasións máis claras caeron do lado das da Ponte. Fallaron ata tres mans a mans ante Nei pero empataron desde o punto de penalti cun tanto de Mireia.
No segundo acto, á Comercial fíxoselle insuficiente o punto. As vermellas dispuxeron dun maior número de oportunidades ante un San Lázaro pouco contundente en defensa.
O CD Lugo B igualou no feudo do líder nun choque moi espeso e lento. As imprecisións do filial albivermello e o Bandeira marcaron a tónica do partido. Faltou ritmo e acerto para que as de Pablo Bargados tumbasen ao primeiro clasificado. Iso si, Iyore realizou varias intervencións de mérito para arañar un valioso punto.
Un Carballedo coas ideas moi claras non pasou do empate na súa visita ao EF Silleda. Un tanto anulado por fóra de xogo foi o máis preto que estiveron as de Sementa do gol. O constante bombardeo sobre a meta pontevedresa non bastou para superar a un rival que só chegou unha vez á meta contraria. Faltou Jenny e faltou o gol para as do Catro Ventos.
A entrega e o sacrificio resultaron insuficientes para o Monte Forte no Luis Bodegas. As de Cristian Penas acusaron moito as baixas e non lograron facer o seu xogo en momento algún. Á media hora, as monfortinas xa perdían por 0-2. Henar devolvía unha mínima ilusión ás lucenses antes do descanso. Na reanudación, o Rois rematou goleando.
Resultados da xornada

CD Lugo 0-1 Real Avilés
Lóstrego 1-3 PM Friol
PM Friol B 2-3 Bergantiños
Chantada 1-3 Touro
San Roque 0-2 Carral
Xallas 2-0 Antas
Cultural Maniños 6-0 Milagrosa
Comercial 1-1 San Lázaro
Monte Forte 1-4 Rois
EF Silleda 0-0 Carballedo
Bandeira 0-0 CD Lugo B
