Un só partido para resumir unha temporada
-
- 0
- 2min de lectura
90 minutos, 1 partido. Chegou o día decisivo para Corgo, Sarriana ‘B’, Matela e Abadín. Tan só dous deses catro conxuntos competirán a próxima temporada na Segunda Futgal: os que superen a eliminatoria polo ascenso, da que tan só resta o duelo de volta da final.
Na parte norte da provincia, o Abadín chega a San Lorenzo de Aguiar na procura da remontada: o Matela venceu hai 15 días no Municipal por 0-1 e presentan un estado de forma espectacular logo dunha temporada na que foron de menos a máis. Na campaña regular, os chairegos superaron aos azuis nos dous partidos: 2-4 e 3-2 a prol dos de José Ramón López.
Porén, o Abadín agarrase a un dato: o Matela caeu na casa na semifinal polo ascenso (1-2 fronte ao Rioaveso), mentres que o cadro azul eliminou ao Cazás no Catro Ventos logo dun empate (1-1). Ambos conxuntos, porén, afrontan o partido conscientes de que a estatística queda atrás nun choque con tanto en xogo. Pola súa banda, José Ramón López leva anos procurando o salto de categoría co Matela. Ca sorte botada, o Municipal de San Lorenzo de Aguiar dictará sentenza mañá, domingo, ás 18.
Na zona sur da provincia, dous cadros veciños poñerán en xogo outro posto de ascenso. O Municipal do Corgo albergará o domingo ás 19 a volta da final entre os locais e o filial da Sarriana. A renda corresponde neste caso aos visitantes, que gañaron no partido de ida por 3-1. Porén, o CD Corgo xa remontou na semifinal diante doutro filial (o do Taboada) cun contundente 4-1 para dar volta ao 1-0 co que chegaban os branquiazuis.
Os sarriáns, pola súa banda, gañaron na casa do Sporting Lucense (0-1) para asegurar o seu paso á final. Aos locais valeríalles repetir resultado o mesmo resultado que se deu no Municipal durante a liga regular, na que gañaron por 3-0. Na Ribela, pola súa banda, o partido da primeira fase saldouse cun 3-1 favorable ao Corgo.