Cerdeiriños albergará un derbi entre dous conxuntos necesitados de puntos na Primeira Futgal. Monterroso e Taboada mídense o domingo ás 17:15 horas con tres puntos importantes en xogo. Arbitrará Álvaro Valín.
O Monterroso conta con cinco puntos na clasificación, malia o seu bo comezo. Un triunfo contundente diante do Foz e un empate no Arturo Pereiro diante do Castro presaxiaban que os vermellos ubicaríanse máis arriba na táboa clasificatoria. A visita da Residencia e o parón provocado pola suspensión do partido fronte ao Xove Lago perxudicaron aos monterrosinos que enlazaron unha nova derrota fronte ao Chantada e un empate diante do Outeiro de Rei.
Con un punto menos que os monterrosinos atópase o Taboada, que ao igual que o seu rival só puido vencer nun encontro, o disputado en Santa Cruz diante do Lourenzá, e sumou un punto no campo do Outeiro de Rei. Os bos resultados a domicilio contrastan cos acadados na Medela, onde os de Martín Murado non foron quen de puntuar. Chantada, Ribadeo e Oural pescaron no campo dun Taboada que, ao igual que o Monterroso, precisan sumar para non caer aos postos de descenso a Segunda Futgal.
Falamos cos capitáns de ámbolos conxuntos.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Lorenzo (Monterroso)

Un comezo irregular. «É certo que se nos resiste a vitoria desde a primeira xornada, e somos os primeiros que somos conscientes. Cremos que é debido a unha combinación de factores: pequenos erros puntuais que nos penalizan moito, falta de acerto nalgúns momentos clave e tamén algo de mala sorte. Pero o equipo está traballando ben e os resultados van chegar se seguimos nesta liña«.
O Taboada. «É un derbi sempre especial, un partido que todos queremos xogar. Afrontámolo con moita ilusión, pero tamén con moita responsabilidade e sabendo que temos que estar concentrados desde o minuto un. A clave para sumar os tres puntos estará na intensidade, no compromiso defensivo e en aproveitar as ocasións que teñamos arriba. Se estamos unidos e facemos o noso xogo temos moitas opcións de levarnos a vitoria«.
Obxectivos. «Esta temporada queremos facer un bo papel e asegurar a permanencia canto antes. Queremos seguir mellorando como equipo, competir con seriedade en cada partido e, sobre todo, dar protagonismo á xente da casa. A idea é consolidar un proxecto sólido, con xogadores comprometidos, que sirva de base para seguir medrando nos próximos anos«.
Moski (Taboada)

Malos resultados de saída. «Ultimamente estamos tendo erros de concentración e hai fases do partido que non amosamos a intensidade ou non pelexamos os balóns divididos. Iso tradúcese en encaixar e despois é complexo. Ademáis contamos cun cadro de xogadores curto e temos moitas baixas. O ano pasado aconteceunos algo semellante, pero ao final sei que coa unidade de todos van chegar os resultados«.
O derbi. «Nestes partidos a balanza pode decantarse para calquera lado. Non estou preocupado polas virtudes do rival, debemos estar concentrados e o que menos erros cometa será o gañador«.
O futuro. «A nosa filosofía é sempre a mesma. Somos os vinte amigos de sempre! E con esforzo, traballo e dedicación seguiremos, e agardemos que nesta categoría. O filial tamén goza de boa saúde, polo que agardemos que o futuro sexa alentador«.
A AXENDA DA FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE
Segunda RFEF
Sarriana – Coruxo (Domingo ás 17 horas na Ribela): os de Iván Carril buscarán seguir coa boa xeira como local tras dobregar ao Numancia. Enfronte un conxunto vigués que se atopa no posto de play out.
Terceira RFEF
Viveiro – Arteixo (Domingo ás 12 horas no Marcos Gómez): despois de catro encontros sen coñecer a vitoria, os celestes buscarán un triunfo que o saque dos postos de descenso.
Preferente Futgal
Burela – O Val (Domingo ás 17:30 horas na Marosa): catro puntos nas últimas xornadas para os de Oki situaron aos mariñáns na zona media da clasificación. Enfronte un conxunto naronés que conta cun punto máis que os verdes, pero que chegan con dúas derrotas consecutivas.
Segunda Futgal
Folgueiro – Riotorto (Sábado ás 16:30 horas en Boa Vista): os dous conxuntos cabeceiros fronte a fronte. Ningún dos dous caeu derrotado no que vai de liga. O venceder será líder en solitario.
Antas – Santa Comba (Sábado ás 16:30 no Castro Seoane): os da Ulloa, logo de caer no último encontro, buscarán unha vitoria que os achegue á cabeza fronte a un Santa Comba que suma dúas vitorias consecutivas.
Terceira Futgal
Rioaveso Machinango – Muimenta (Sábado ás 17:15 horas en Paraños): dous conxuntos con aspiracións que contan con tres puntos. Buscarán un triunfo que os coloque no pelotón de cabeza.
Relámpago Taboada – Quiroga (Sábado ás 17 horas no Anexo á Medela): os locais amosaron nas dúas primeiras xornadas que son un cadro difícil de superar. Enfronte un Quiroga que conta os seus partidos por vitorias.
Terceira Futgal Feminina
San Roque – Carballedo (Domingo ás 16:30 horas no Polvorín): o cadro local buscará a súa segunda vitoria diante dun Carballedo que quererá estrear o casilleiro.
Comercial – Monte Forte (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 1): logo da goleada sufrida na xornada inagural, as locais buscarán mellorar a súa imaxe diante dun Monte Forte que tivo un debut máis afortunada.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

