O primeiro derbi provincial na Terceira RFEF xa chega na terceira xornada ligueira. Viveiro e Racing Vilalbés mediranse o domingo día 21 ás 17:30 no Kiko Rey de Cantarrana, nun choque que lle servirá a ámbolos conxuntos para calibrar un comezo de campionato que comezou de xeito dispar.
O Viveiro suma tres puntos na clasificación logo de dous encontros disputados. Logo dun mal comezo na casa diante do Barbadás, os de Alberto López venceron en Calabagueiros ao Barco cun gol de Julio Lansade nun bo encontro dos mariñáns. Cun cadro de xogadores novamente moi renovado, os mariñáns buscan encaixar todas as pezas dun puzzle que esta campaña parece ser de maior calidade.

Pola súa banda, o Racing Vilalbés conta cun só punto na táboa clasificatoria, o sumado o pasado domingo no campo do Barbadás, logo de caer na Madalena na xornada inagural fronte ao Alondras. O lastre dos de Juan Rodríguez nestes primeiros encontros atópase na falta de gol, xa que non foi quen de inagurar o seu casilleiro, malia contar con boas ocasións para acadalo.
Falamos cos capitáns de Viveiro e Racing Vilalbés antes do derbi do Kiko Rey.



QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Arturo (Viveiro)
A vitoria no Barco. «Un triunfo así sempre che da un plus de motivación. O equipo está medrando e precisa de vitorias que reforcen o noso nivel e o traballo diario, sobre todo despois do mal comezo que tivemos na casa. Foi un golpe duro ese primeiro encontro co Barbadás, e máis despois de ver como transcorreu o encontro, pero o equipo levantouse e traballamos moito durante a semana para acadar a vitoria en Calabagueiros e así foi«.
O derbi. «Os partidos contra o Racing Vilalbés sempre son moi complexos, non importa a dinámica na que cheguen os equipos. Ao ser aínda a terceira xornada é difícil facer un pronóstrico de como poder ser o encontro, aínda que coñecendo a competición creo que o equipo que defensivamente esté máis sólido terá moito gañado«.
O novo Viveiro. «A verdade é que somos un equipo practicamente novo outra vez, pero con moi bos mimbres. Os xogadores que chegaron este verán acopláronse moi ben e temos un grupo moi bo. A Terceira RFEF este ano ten un nivel moi alto, pero nós sabemos que a medida que vaia avanzando a liga o noso nivel irá aumentando, como sempre fixo o equipo con Alberto. A propia competición dirá a onde podemos chegar, nós só pensamos en competir o seguinte partido«.
López (Racing Vilalbés)
Un comezo sen vitorias. «Fáltanos o máis importante: o gol. Tanto no partido contra o Alondras como como fronte ao Barbadás tivemos claras ocasións para poñernos por diante no marcador. No primeiro partido non o fixemos e rematou por penalizarnos moito e no último tivemos a situación moito máis controlada, pero si non marcas non gañas«.
O partido no Kiko Rey. «Os derbis contra o Viveiro sempre son partidos duros e intensos. A clave para gañar será non cometer erros que propicien ocasións para o rival e poder materializar as nosas, que seguro que teremos. Debemos ser máis efectivos á hora de rematar as xogadas«.
O novo Racing de Juan Rodríguez. «A maioría de xogadores somos os mesmos e xa nos coñecemos. O día a día é similar. Héctor, o preprarador físico, segue con nós e Juan é un adestrador que nos coñece aos xogadores e ao club desde fai tempo. A adaptación mutua foi moi rápida e existe moita confianza e cercanía desde o comezo. Gústalle adestrar e traballar duro e ao final ese esforzo dará os seus froitos«.
A AXENDA DA FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE . . .
Preferente Futgal
Burela – San Tirso (Domingo ás 17 horas na Marosa): Os de Oke buscarán refrendar o seu gran comezo ligueiro fronte a un rival que aspira a cotas altas e chega tras perder na casa.
Lemos – Villalonga (Domingo ás 12 horas na Pinguela): ao igual que os mariñáns, os de Edu Rodríguez arrancaron a competición con bos resultados. Un triunfo colocaríaos no pelotón cabeceiro. O rival chega sen puntuar.
Primeira Futgal
Racing Vilalbés B – Castro (Domingo ás 12 horas no Roca): o filial recibe a un Castro que aspira ao máximo e non coñece a derrota. Os locais veñen de perder no Martínez Otero.
Monterroso – Residencia (Domingo ás 18 horas en Cerdeiriños): os de Rafa Casanova levan pleno de puntos, pero visitan un feudo complexo. O Monterroso, con catro puntos, goleou ao Foz e empatou no Arturo Pereiro.
Segunda Futgal
Alfoz – Xermade (Domingo ás 17 horas no Municipal): dous conxuntos que comezaron a liga dun xeito inmellorable. Os de Chinchón gañaron a domicilio ao Casás, un dos favoritos, e o Xermade goleou ao Matela.
Lemos B – Becerreá (Sábado ás 18 horas no Luis Bodegas): triunfos solventes na primeira xornada dos dus conxuntos que buscarán tres puntos para seguir no alto da táboa clasificatoria.
Fotos: Mundito Carballo Durán.