O Polvorín deixou dous valiosos puntos nun derbi no que o Ribadeo demostrou que quere estar arriba nesta Preferente. O equipo de José Durán adiantouse cun novo tanto de Jhon Cuadretti (nove goles en sete partidos). Os mariñáns quedaron cun menos aos quince minutos de xogo. Aínda así, mostraron a súa competitividade e salvaron un traballado empate co gol de Pablo Rivas a dez minutos da conclusión.
No outro derbi da xornada, o Viveiro respira máis tranquilo despois de golear á Residencia. E iso que os de Germán Amil tiveron que remontar o gol inicial de Dani Galán ao bordo do descanso. Ademais, o Castro volveu gañar a domicilio. O gol de Hugo Buide resultou decisivo. Outro que tamén venceu foi o Atlético Escairón, nunha boa segunda metade ante o Betanzos. Non podemos dicir o mesmo do Outeiro de Rei. Os de Juan Peón caeron con claridade na súa visita ao sempre complicado feudo do Dumbría. Por último, outra mala nova. O pobre encontro do Racing Villalbés na Terceira. A escadra chairega viuse sorprendida polo Céltiga na Magdalena e perdeu pola mínima ante os seus afeccionados.

