Xornada sen vitorias lucenses na Terceira. O Polvorín arañou un punto ante a S.D. Compostela, mentras que o Racing Vilalbés caeu no feudo do pechacancelas. Na Preferente, o Viveiro goleou en San Tirso e o Ribadeo gañou no sempre difícil campo do Sofán. O Castro saiu goleado de Boimorto e o derbi provincial entre Foz e Sarriana rematou en empate a un tanto.
O Polvorín aproveitou o estado de gracia de Antón Escobar para sumar un punto diante dun Compostela ferido (1-1). Os de José Durán seguen fora dos postos de descenso directo. Os santiagueses saíron moi enchufados e aos vinte segundos o lucense Santi Gegunde obrigou ao lucimento de Cacharrón. Acto seguido Aythami tamén tivo o gol nas súas botas pero entre o gardameta e Pedro López solventaron o perigo. Os únicos achegamentos do filial lucense chegaron pola banda de Marcos, pero sen demasiado perigo. Na segunda metade repitiuse o guión e os de Yago Iglesias saíron na procura do gol. E este chegou cumprido o primeiro cuarto de hora. Miki disparou cruzado ao pao e o rexeite foi parar aos pés de Brais Abelenda, que asistiu a Santi Gegunde que logrou o ansiado tanto. Piscu puido facelo segundo á saída dun córner, pero o Compos perdonou e o Polvorín foi medrando co paso dos minutos. Cando non existen ocasións de gol, invéntanse. E iso fixo Antón Escobar, que dun erro de Uña fixo o tanto do empate. Nos derradeiros compases, Santi Gegunde, moi motivado na súa terra, lanzou ao pao, pero o marcador xa foi inamovible.
Terceira derrota consecutiva do Racing Vilalbés, desta vez no Lourambal ante o Porriño (2-1). Primeiro equipo que cae derrotado no campo pontevedrés. Os chairegos seguen en postos de descenso, a dous puntos da permanencia. Diego Villares volveu a fomar parte de once titular dos de Simón Lamas logo do retorno do de Samarugo. Juan de Dora adiantou ao Racing aos dous minutos de xogo, pero nun cuarto de hora os locales déronlle a volta ao marcador, gol olímpico incluído. Os vilalbeses tiveron ocasións suficientes para empatar e incluso remontar, pero faltou puntería.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Viveiro goleou no campo do San Tirso por un tanto a catro, amosando ás claras que a derrota ante o As Pontes tan só foi un accidente. O cadro mariñán aproveitou a derrota do Arzúa no Poboado para escalar un posto na clasificación e sitúase terceiro a un só punto dos postos de ascenso. Os de Chusky non lle deron opcións ao seu rival, realizando unha primeira metade que raiou a perfección. Tichu en dúas ocasións, Xaime e Iván acadaron os tantos viveirenses facendo que a segunda metade fose plácida. Os locales maquillaron o marcador superado o primeiro cuarto de hora da reanudación, pero en ningún momento perigou o marcador.
O derbi provincial entre Foz e Sarriana rematou con empate a un tanto e con tres xogadores expulsados. Os mariñáns foron quen de sumar sete dos últimos nove puntos en xogo, mentras que os sarriaos sacaron un punto logo de xogar máis de media hora en inferioridade ao ver Álex Vázquez o cartón vermello directo. Bouso tamén marchou antes aos vestiarios e Jacob xa case co tempo cumprido. Ademáis, Jesús Pablo unha vez rematado o encontro tamén viu a vermella. Os locales adiantáronse cun tanto olímpico de Ibán Gayol, pero tan só cinco minutos despois Bouso cometeu penalti e Marzán non errou desde os once metros. Na segunda metade, o Foz foi superior e puido adiantarse por medio de Jacob e Gonzalo, pero non estiveron acertados. A Sarriana tamén tivo as súas, pero o marcador mantívose inamovible.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Ribadeo sumou o seu terceiro triunfo consecutivo, dobregando ao Sofán no Carral (2-3). Encontro moi completo dos de Rafa Casanova, que se adiantaron aos seis minutos cun golazo de Brais. O do Valadouro viu adiantado a Javi Rumbo e desde o círculo central superouno por alto. Adrián Quintela empatou para os de Carballo, pero poucos minutos despois Poratti volveu poñer en ventaxa aos mariñáns. Javi Prieto, titular na porta ribadense, salvou ao seus cunha gran parada a remate de Raúl. Na segunda metade, á saída dun córner, Juanma fixo o terceiro. Vizoso en dúas ocasións e Luki tiveron ocasións moi claras pra sentencialo encontro pero non estiveron acertados. A falta de cinco minutos para o final, de novo Quintela anotou e o Sofán puxo en apuros aos ribadenses.
O Castro saiu goleado do campo do Boimorto por cinco tantos a un. A tarde convidaba ao optimismo para os de Brais Prados, xa que aos sete minutos, Javi Fraga rouboulle a carteira ao meta local e anotou a pracer. O conxunto local fíxose co dominio do partido e antes da media hora de xogo foi quen de remontar con tantos de Figurín e Neto. Logo da reanudación, o Castro puido igualar a contenda logo dunha falta lateral, pero foi o Boimorto o que puxo terra de por medio nunha fulgurante contra culminada por Luismi. Os chairegos non lle perderon a cara ao encontro e Nico tivo unha boa oportunidade para reducir diferencias, pero errou un man a man ante o gardameta local. No derradeiro tramo de partido, o Boimorto acadou dous tantos máis, infrinxindo ao Castro outra goleada máis nesta complicada temporada.