O Racing Vilalbés foi quen de sacar un punto do campo do Ourense, líder da Terceira. O Polvorín caeu derrotado no campo doutro galo, o Bergantiños. Na Preferente o derbi provincial entre Viveiro e Residencia caeu do lado local. A Sarriana venceu en Sigüeiro cun tanto sobre a bocina de Javi Fraga, o Ribadeo engánchase á zona alta logo de golear ao Xallas e o Lemos sumou a segunda vitoria consecutiva na Laracha. A nota negativa protagonizouna o Foz que caeu con claridade no campo do Fisterra.
O Racing Vilalbés arañou un punto no Couto ante o líder, o Ourense C.F. (0-0). Gran encontro dos chairegos ante un conxunto que chegaba tras colleitar seis triunfos consecutivos. Os de Simón Lamas mereceron o triunfo e puideron traer os tres puntos se o colexiado sinalese un penalti sobre Sito nos últimos intres de encontro. Non foi inferior o Racing e en moitos momentos foi o dominador do partido. Cuadrado, Buyo e Sito gozaron de ocasións claras para marcar.
Derrota dun Polvorín que segue en descenso, nas Eiroas ante o Bergantiños (3-1). Os de José Durán saíron mellor ao campo que o seu rival. No primeiro cuarto de hora Rayco e Antón Escobar tiveron dúas claras ocasións para marcar. Pero foron os de Carballo quen levaron o cántaro á fonte. Duque, ex xogador albivermello resolveu o un pra un ante Ángel Fraga. Tan só oito minutos despois, Rubén Rivera anota o segundo e ao borde do descanso Jorge Cano sentenciaba o choque. O cadro local cortou o xogo con numerosas faltas e o filial lucense non puido realizalo seu xogo. Na segunda metade, Morais recurtou logo dunha boa xogada por banda de Chiki. Rayco tivo ocasións para achegarse no marcador, pero non estivo acertado.
O Viveiro derrotou á Residencia no derbi provincial con Arturo como protagonista (3-2). Os de Chusky consolidan o liderato logo dun traballado triunfo. A Residencia plantou cara en Cantarran. Sen goles no primeiro tempo, na reanudación Arturo cun hat-trick reventou as ilusións dos de Álvaro Meilán. Un exceso de confianza dos viveirenses meteu no encontro aos lucenses. Dani López e Veloso recurtaron diferencias, pero xa non houbo tempo para máis.
A Sarriana venceu ao Sigüeiro cun tanto cando o partido xa esmorecía (0-1). O empate xa parecía definitivo, pero o burelao Javi Fraga no minuto 95 fixo o tanto do triunfo logo dun saque de esquina botado por Javicho. Tres puntos vitais para os de Dani Fernández, que siguen vendo de preto a zona de ascenso. Jacobo Vilariño tivo a ocasión máis clara para os sarriaos, pero errou desde o punto de penalti.
Terceira vitoria consecutiva do Ribadeo que goleou ao Xallas (4-0). Triunfo doado para os de Rafa Casanova ante o pechacancelas. Aitor e Poratti anotaron na primeira metade. Ao fío do descanso, Jacobo Lois viu o cartón vermello e ahí rematou o encontro. Na segunda metade, Criss e Luki completaron a goleada. Os ribadenses sitúanse na zona de privilexio, xusto antes de medirse á Sarriana.
O Foz caeu no Ara Solis ante o Fisterra nun mal segundo tempo (4-0). Varios erros logo do descanso condenaron aos focenses en Fisterra. O primeiro tempo foi igualado, trabado en con moito rigor táctico. Os únicos achegamentos con perigo foron dos mariñáns, por medio de Manolo e Asier. No primeiro minuto do segundo tempo, Makaay marcou para o Fisterra. O Foz foi a polo empate e o cadro local aproveitou os espazos á perfección. Roa, Aarón López e de novo Makaay completaron a goleada.
Gran triunfo do Lemos na Laracha nun moi bo encontro dos monfortinos (2-3). Segunda vitoria consecutiva. O conxunto de Edu Rodríguez protagonizou un encontro moi serio e practicamente non concedeu ocasións a un Laracha que se complica na táboa. Antes dos cinco minutos, o Lemos adiantouse cun tanto en propia porta do defensor Álvaro e Armesto puxo terra de por medio logo de superar ao gardameta no man a man. Moi preto do descanso, Geri recurtou diferencias tras un barullo na frontal da área. Xa na segunda metade, Gonzalo Torres á saída dun córner marcou o terceiro. Non tardou en reaccionar o Laracha cun tanto de Toni logo dun desaxuste defensivo dos lemistas. Quedaba media hora por diante pero o marcador non correu perigo.