#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Tres puntos para que o Racing Vilalbés soñe coa permanencia

O Trío de Ases O Cantón tráenos a imprescindible vitoria do Racing Vilalbés diante do Coruxo na penúltima xornada ligueira en Segunda RFEF. Os chairegos manteñen así opcións de permanencia ata o derradeiro encontro que disputarán en Pasarón diante dun Pontevedra que non porá nada en xogo. A peor nova é que para lograr manter a categoría o Racing Vilalbés dependerá de que Marino e Ximnástica de Torrelavega perdan nos seus compromisos. Si só perde un e o Racing gaña os de Simón Lamas xogarán a promoción de permanencia.

Boas novas na Terceira RFEF para os lucenses. A Sarriana venceu ao Somozas na Ribela e achégase aos postos de play off, mentres que o Viveiro gañou no campo do Silva e ve máis preto a permanencia. Bo punto tamén o sumando polo Polvorín diante do Gran Peña, segundo clasficado. Na Preferente o Ribadeo venceu con claridade no campo do Eume e o Lemos fixo o propio na Pinguela diante do As Pontes. O Castro e a Residencia caeron derrotados como locais fronte a Mugardos e Cidade de Ribeira respectivamente.

O Racing Vilalbés vence ao Coruxo e chega a Pasarón con opcións de permanencia (2-0)

Segunda vitoria da segunda volta para o Racing nun encontro no que só valía gañar. Primeiro tempo de pouca producción futbolística para ámbolos dous conxuntos. Os locais trataban de levar a iniciativa co balón pero costáballes chegar con profundidade á área rival. O achegamente máis claro posibilitouno Nathan cun gran pase a Jose Varela que cedeu a Izan e o disparo deste marchou a córner. Antes do descanso o colexiado anuloulle un tanto a Nathan por suposto fóra de xogo. O Coruxo, que mantiña algunha opción de xogar play off de ascenso se gañaba na Madalena non inquedou a Álex Santomé no primeiro tempo.



Tras o paso por vestiarios e despois duns minutos de tanteo o Racing foi a polo partido. Torrado levou perigo por banda esquerda e o cadro chairego gañou claridade coa entrada de Javi Rey. Nathan adiantou aos de Simón Lamas tras unha serie de rexeites na área. O central definiu á perfección cun bo tiro cruzado. Pouco despois, un saque de porta de Álex Santomé convertiuse en asistencia para que Javi Rey, que foi máis rápido que os seus defensores definira con elegacia ante Cheketoum, gardameta que entrou tras a lesión do titular Alberto. O Racing aguantou ben nos últimos minutos e Álex Santomé detivo dous achegamentos co conxunto coruxista.

Decimo cuarta vez que o Racing Vilalbés remata coa portería a cero nesta temporada na que o golaverage xeral pode resultar decisivo en caso de empate a puntos coa Ximnástica Torrelavega coa que o conxunto chairego ten igualado o golaverage particular.

A Sarriana vence ao Somozas e pelexará polo play off de ascenso (3-2)



Encontro dominado pola Sarriana con balón diante dun conxunto ferrolterrán que agardou replegado nun bloque baixo que os locais controlaron á perfección nos intentos de saída á contra. Os únicos achegamentos visitantes no primeiro tempo chegaron en saques de esquina nos que levaron perigo. Boedo contou cunha dobre ocasión que salvou o gardameta Paco antes de que preto do intermedio chegara o primeiro tanto do partido. Tras a presión de Herrero, Boedo recuperou o balón e cedeu para que Miguel marcara.

No segundo tempo o Somozas logrou empatar cun tanto de Cambón que tocou nun defensor e colouso pola escadra de Javi Liz. Pouco despois Boedo estrelou o balón na cruceta nun lanzamento potente de falta. A falta de vinte minutos para o final Sané marcou tras asisntencia do ominipresente Boedo. Nun saque desde o curruncho chegou de novo o empate visitante. O ex do Polvorín Asier rematou e o balón tocou en Miguel e colouse na portería. Tivo Gabarre a opción de darlle a volta ao marcador, pero atopouse coa gran intervención de Javi Liz que evitou o tanto. Co tempo xa cumprido novamente a conexión Boedo-Sané rematou co tanto deste último que serviu para que a Sarriana iguale a puntos co Arteixo, equipo situado en postos de play off.

O Polvorín, con dez, suma un valioso punto diante do Gran Peña (1-1)

Valioso empate o acadado polo filial albivermello diante do Gran Peña, segundo filial do Celta de Vigo e segundo clasificado na Terceira RFEF. O cadro vigués contou con varias ocasións claras na primeira media hora de xogo, que entre a zaga e Brais lograron desbaratar. O Polvorín tamén chegou con certo perigo á área rival aínda que non foi quen de concretar nos metros finais. A falta de cinco minutos para o final Óscar Lorenzo aproveitou un rexeite para adiantar ao Gran Peña. Inmediatamente despois o Polvorín quedou con dez xogadores ao ver Isma o cartón vermello directo. Na seguinte xogada, Julio conectou con Maceira e este cun bo lanzamento igualou o encontro.

Na segunda metade o Polvorín tivo claro o seu plan de partido en inferioridade, ao igual que no encontro diante do Bergantiños. O Gran Peña tivo o balón e levou a iniciativa sen chegar a inquedar a portería defendida por Brais. A ocasión máis clara tívoa o cadro de Dani Galán. Nun roubo de balón de Maceira tras un erro de Álex Vila, este redimiuse para evitar o tanto de Arhon.

Terceira vitoria consecutiva dun Viveiro que escapa da queima (0-1)

O Viveiro camiña con paso firme cara a ansiada permanencia tras acadar a terceira vitoria consecutiva, desta volta no sempre difícil campo do Silva. O encontro comezou con dominio local. A presión alta dos coruñeses propiciou moitos roubos de balón preto da área viveirense que finalizaron en ocasións nas botas de Antón Garda e Raúl Melo. No ecuador do primeiro tempo o Viveiro mellorou e contou con ocasións de Gamarra ás respostou ben o ex compostelanista Borja Rey. A máis clara para os celestes tívoa nas súas botas Dani. Gamarra superou a Borja e este errou a porta baleira.

A segunda metade comezou do mellor xeito para o Viveiro. Na primeira acción roubou o balón Juan e o pase deste aproveitouno Barroso para marcar o que sería o único tanto do encontro. Manu, cun remate preto da escadra, a piques estivo de facer o segundo para os de Alberto López. O colexiado anuloulle un tanto a Diego por un fóra de xogo moi axustado. O Silva optou por un fútbol directo no último tramo de encontro ao que respostou moi ben a zaga do Viveiro.

O Ribadeo logra a segunda vitoria consecutiva no campo do Eume (0-3)

Triunfo importante no feudo do pechacancelas da Preferente para poñer outra pedra de cara a permanencia na categoría. O Ribadeo comezou o encontro frío e ata sobrepasado o primeiro cuarto de hora non se fixo co control do partido. Pouco despois chegou o primeiro gol do encontro, obra de Diego Ferreiro. Segunda xornada consecutiva con gol do mediocentro lucense e outra vez cunha boa volea desde fóra da área. Xusto antes do intermedio nun balón á espalda da defensa local Asier fai o segundo tras driblar ao porteiro e rematar xa algo escorado.

No segundo tempo o Ribadeo controlou ben o encontro sen que o Eume lograra poñer en perigo o marcador. A falta de vinte minutos para o final nunha contra Asier sentenciou co segundo tanto na súa conta particular.

O Lemos vence na Pinguela ao As Pontes e da outro paso de cara a permanencia (3-1)

Primeiro tempo de dominio monfortino xogando case sempre en campo contrario. Os de Juanlu Bernal presionaron alto e roubaron moitos balóns en campo contrario. Nun deles chegou o primeiro tanto, obra de Aissa a pase de Mauro. O As Pontes apenas inquedou as inmediacións de Losada nos primeiros corenta e cinco minutos.

Tras o paso por vestiarios comezou mellor o cadro pontés. Nunha boa xogada por banda dereita, David igualou a contenda. Costoulle varios minutos ao Lemos coller o temón do partido. Os trocos refrescaron aos monfortinos e noutro roubo en campo contrario Aissa, novamente en combinación con Mauro, volveu poñer por diante ao Lemos. Os visitantes lanzáronse a polo empate e os monfortinos aproveitaron os espazos á contra. Nos últimos intres Brais cun remate no segundo pao sentenciou o choque.

O Castro sufre unha dolorosa vitoria diante do Mugardos (1-2)

O conxunto chairego desaproveitou unha boa oportunidade de sumar tres puntos vitais para saír dos postos de perigo, sobre todo despois de conseguir adiantarse no marcador cun tanto do pichichi Fito. A lesión de Víctor trastocou os plans de Fernando Corredoira e os visitantes lograron chegaron con perigo á portería dun Josema que evitou o empate nunha gran intervención. Non puido facer nada xusto antes do intermedio ante o lanzamento de Pastur, que igualou o encontro.

No segundo tempo os trocos non surxiron o efecto requerido e o Castro non foi quen de realizar o seu fútbol e non tivo ocasións para gañar o partido, malia que en ningún momento renunciou a facelo. O Castro tentouno con máis corazón que cabeza, pero un desaxuste defensivo fixo que o Mugardos lograra o segundo tanto, obra de Moi.

Dura derrota da Residencia na Cheda diante do Cidade de Ribeira (0-3)

Paso atrás do cadro lucense nas súas aspiracións de permanencia. O conxunto visitante foi mellor ao longo dos noventa minutos e dificultou o xogo dunha Residencia á que lle custou ter o balón e chegar con certa claridade á área rival. Os ribeiráns tiveron boas ocasións na primeira metade por medio de Viturro e Teira, pero non estiveron atinados.

Nada máis comezar o segundo tempo chegou o primeiro gol visitante, nunha xogada desafortunada que remata cun tanto de Sergio en propia porta. O Ribeira dominou unha boa fase do encontro e Viturro fixo o segundo aos vinte minutos de xogo. A Residencia tivo as súas ocasións de meterse no encontro, por medio de Dani Renda e Pereira. Non as aproveitaron e preto do final Nacho sentenciou para o cadro visitante.

Tres puntos para que o Racing Vilalbés soñe coa permanencia

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 31

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *