A Terceira RFEF xa coñece o seu almanaque de cara á próxima tempada. Rácing Villalbés, CD Lugo B e Viveiro saben tanto o seu comezo, que será o fin de semana do 7 de setembro, e o seu final en caso de non ter que xogar a promoción de ascenso, que será o día 10 de maio. Tamén, os afeccionados saben xa todos os derbis provinciais que haberá na próxima tempada, que promete moitas emocións para os tres conxuntos lucenses.
Inicio e final
A primeira xornada da competición depara duelos ante equipos que prometen ser rivais directos. A temporada comezará fóra da provincia para o Lugo B, que terá que visitar ao novo proxecto do Noia. O Rácing Villalbés arrancará ante o Alondras nun encontro entre equipos que competiron ata a recta final da liga na pasada campaña pola promoción. Por último, o Viveiro mídese en Cantarrana ante un Barbadás salvado polo ascenso da Sarriana.

A última xornada promete moita dificultade para o Viveiro, que recibirá en Cantarrana ao gran favorito para o ascenso directo, o Compostela. O gran cadro de xogadores do club santiagués fai que sexa para moitos o equipo con máis boletos para saír campión. Os outros dous lucenses terán derbi, unha situación curiosa, xa que na pasada campaña Lugo B e Rácing Villalbés tamén viviron un derbi para pechar a campaña. Neste caso, será na Magdalena.
As datas dos derbis da Terceira RFEF
Os derbis arrancarán pronto na Terceira RFEF, xa que na xornada tres, que se disputará o 21 de setembro, xogarase o Viveiro-Rácing Villalbés. Na segunda volta, o encontro será no fin de semana do 8 de febreiro. Na xornada 14 será o turno do CD Lugo B-Viveiro, que se disputará o fin de semana do 14 de decembro. Na segunda volta, o choque será o 19 de abril. Por último, o calendario péchase co enfrontamento entre Rácing Villalbés e Lugo B, que na primeira volta será o 18 de xaneiro.



Foto da FUTGAL
