#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Taboada B e Rubián non ceden na pelexa polo segundo posto

Púxose ao día a Terceira Futgal coa disputa dos encontros adiados na xornada 12 por mor do temporal, un no grupo norte e catro no sur. O Pol B mantense na pelexa polo play off logo de vencer ao Roupar, mentres que no sur, Taboada B e Rubián sacaron adiante os seus encontros e seguen nunha apretada batalla polo segundo posto.

Analizamos a xornada no Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.

GRUPO NORTE

A vitoria do Pol B diante do Roupar mantén ao filial con opcións de poder xogar o play off (2-0). Os de Luis Romay amosáronse superiores a un Roupar que buscaba xerar perigo ao contragolpe. Os locais levaron o peso do partido e adiantáronse aos quince minutos de xogo nun lanzamento de falta que transformou Antón. Foron os peores momentos no partido do Roupar, pero o Pol B non os aproveitou para ampliar diferencias, malia a contar con boas ocasións. No segundo tempo, ámbolos conxuntos tiveron ocasións de gol, as máis claras para o Pol B que logrou sentenciar nun saque de esquina que rematou a gol Rui.

GRUPO SUR

O Taboada B mantén o segundo posto tras golear ao Incio (4-0). Felipe Varela dimitiu como adestrador do Incio logo da abultada derrota no campo do Taboada B. O seu posto ocuparao Roi Arias, con experiencia na base da Sarriana. O econtro foi de claro dominio local. Os de Jacobo Gómez marcaron dous goles no primeiro tempo, obra de Adán, de volea, e Abdu á saída dun córner, pero a renda puido ser máis ampla. O encontro seguiu a mesma tónica no segundo tempo, no que chegaron os goles de Elías e Tuiriz para completar a goleada.

O Rubián vence ao Carballedo para continuar preto da segunda praza (1-4). O encontro comezou con dous man a man, un para cada equipo, que ningún é capaz de aproveitar. O Rubián aproveitou un cuarto de hora de zozobra local para marcar dous goles, ambos obra de Gandoy. Os de David Guerra melloraron co paso dos minutos e lograron recurtar diferencias nunha contra que culminou Froiz. No segundo tempo ámbolos conxuntos gozaron de ocasións e nos mellores minutos do Carballedo, un erro defensivo foi castigado polos visitantes co terceiro gol. Pouco despois Gandoy pechou a conta co seu hat-trick.

O Quiroga cede un empate diante do Relámpago e non pecha o seu pase matemático ao play off (3-3). Saiu mellor ao campo o Quiroga que logrou adiantarse grazas a un gol de Cebolas. Os locais contaron con varias ocasións para marcar que non foron quen de aproveitar, antes do que o encontro entrara nunha fase de letargo. No segundo tempo, o Relámpago deulle a volta ao marcador e soubo castigar os erros dun Quiroga irrecoñecible nalgunhas fases do encontro. Fran, en dúas ocasións, e Valiño foron os autores dos goles dos de Melendo. O Relámpago tentou defender o marcador, pero o Quiroga contou con boas ocasións para marcar e logrouno en dúas delas, ambas de Cebolas, que logrou un hat-trick.

A Piringalla vence ao Río Sil nun choque directo na pelexa pola promoción (3-2). Encontro bonito de ver para o espectador, no que os locais estiveron mellor no primeiro tempo, gañando en intensidade ao rival e logrando dous tantos de vantaxe, obra de Samu e Cristóbal. No segundo tempo o Río Sil saiu moito mellor e logrou equilibrar o partido con tantos de Kylian e César. Os visitantes contaron con boas ocasións que o gardameeta local solventou ben. No tramo final, a Piringalla marcou o gol da vitoria nun gran lanzamento de falta de Vidal.

Taboada B e Rubián non ceden na pelexa polo segundo posto

O San Lázaro sae do descenso directo

Taboada B e Rubián non ceden na pelexa polo segundo posto

Taboada B e Rubián non ceden na