#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Só un milagre salvaría a Residencia e Castro

O Trío de Ases O Cantón tráenos a úlitma xornada da liga regular na Terceira RFEF á que os nosos representantres chegaban cos deberes feitos. O Viveiro empatou en Cantarrana diante do Arousa, mentres que Sarriana e Polvorín caeron derrotados a domicilio no campo de Rápido de Bouzas e Paiosaco, respectivamente. Na Preferente o Lemos venceu na Pinguela ao Sofán e a Residencia fixo o propio co Mugardos na Cheda. O derbi entre Castro e Ribadeo rematou en tablas.

O Ribadeo mantén a categoría co punto sumado no Arturo Pereiro, mentres que Castro e Residencia, aínda que venzan no último encontro, estarían virtualmente descendidos, a expensas dunha decisión federativa que poda trocar os plans de cara a vindeira campaña.

A Sarriana cae goleda no campo dun Rápido de Bouzas con máis en xogo (5-1)

A relaxación logo do obxectivo cumprido fixo mella nunha Sarriana que viu como o cadro local o superaba en intensidade. Malia todo foi Cuadrado quen abriu o marcador cun bo disparo desde a frontal. O conxunto vigués era quen levaba a iniciativa e quen poñía as ocasións. Aitor Aspas empatou pouco despois cun tiro cruzado e Aram Pazos deulle a volta ao marcador á saída dun córner. Xusto antes do descanso o Rápido de Bouzas desaproveitou unha pena máxima para poñer terra de por medio no marcador logo de que Javi Liz realizara unha boa intervención, pero na seguinte xogada Aitor Aspas marcou o terceiro.



No comezo do segundo tempo a Sarriana saiu moito mellor. Cuadrado, en dúas ocasións, e German contaron con boas ocasións para recurtar diferencias. A falta de acerto privoulle aos de Jorge Cuesta de achegarse e Torralbo cun lanzamento lonxano sentenciou o choque. Nos últimos intres, Torralbo anotou o quinto tanto nun balón solto dentro da área.

O Viveiro remata a temporada cun empate fronte ao Arousa (1-1)

Cantarrana despediu unha temporada difícil que rematou cun gran éxito do Viveiro, mantendo a categoría contra vento e marea. No último encontro, os de Alberto López igualaron cun Arousa que xogará a promoción de asecenso. A primeira parte tivo claro dominio local, xerando moito perigo en continuos dous contra un pola dereita con Nacho e Cora e pola esquerda con Martín e Barroso. Cora marcou o gol viveirense ao finalizar un centro lateral cunha volea lonxe do alcance de Manu Táboas. O Arousa puido empatar nun córner que rematou Borja no segundo pao.



Na segunda metade Luisito deulle entrada ao lucense Santi Gegunde e o Arousa mellorou notablemente. Os visitantes levaron o peso do partido e lograron empatar nun centro de Iñaki que rematou Borja ao fondo da portería. O Viveiro, no último tramo, tivo ocasións para levar os tres puntos nas botas de Morais e Adrián.

O Viveiro remata a segunda volta como o segundo mellor equipo da categoría, só por detrás do Bergantiños, ademáis de ser tamén o segundo equipo máis goleador.

O Polvorín cae derrotado no campo do Paiosaco nun mal encontro (1-0)

Comezou mellor o filial albivermello, sobre todo nos primeiros quince minutos. Aínda que non tivo ocasións moi claras, a sensación de perigo foi constante. Aos vinte minutos chegou o único tanto do encontro. Cristian adiantou ao Paiosaco ao rematar un centro lateral e o Polvorín veuse abaixo.

Non estiveron atinados os de Dani Galán tampouco no segundo tempo. Aínda así contaron con chegadas perigosas á área, nas que os erros na toma de decisións condearon aos lucenses. O Polvorín colgou numerosos balóns á área fronte a unha liña de cinco defensas que non pasou perigo algún.

Un gol de Mauro dalle os tres puntos ao Lemos fronte ao Sofán (1-0)

Abafante calor na Pinguela que fixo que o primeiro tempo tivera un ritmo baixo. Ámbolos dous conxuntos alternaron a posesión e apenas se viron ocasións de gol. As únicas chegadas con certo perigo protagonizounas o cadro monfortino.

No segundo tempo os de Juanlu Bernal saiu a polos tres puntos coas liñas máis avanzadas e xogando en campo contrario. Nunha boa xogada combinativa, Mauro anotou o único tanto do encontro. O Sofán no úlitmo tramo acumulou xogadores na área local, aínda que sen xerar gran perigo sobre a portería de Losada.

O derbi entre Castro e Ribadeo remata con reparto de puntos e sensacións (2-2)

Encontro dramático no Arturo Pereiro que rematou cun reparto de puntos que beneciou ao Ribadeo. Os mariñáns precisaban un punto para garantir a permanencia e seguirán un ano máis en Preferente, un obxectivo moi por debaixo das aspiracións do club ao comezo de liga. Pola contra, o Castro precisaba unha vitoria para seguir con aspiracións reais de manter a categoría.

Os chairegos arriscaron e puxéronse por diante nunha contra tras un córner a favor para o Ribadeo. Hugo Buíde picoulle o balón a Carrera e o Castro, co marcador a favor, non soubo xestionar ben o marcador a favor. O Ribadeo xogou balóns á espalda da defensa e nun deles Castrín colocou un centro medido para que Álex Meitín rematara ao fondo da portería.

O segundo tempo comezou co segundo tanto ribadense. No primeiro minuto un erro de Muiña permitiu a Asier superar a Josema no un contra un. O Castro, con todo en contra, aproveitou o baixón físico do Ribadeo, para xogar en campo contrario e xerar un bo número de ocasións en balóns colgados á área, córners e cun disparo de Marco desde a frontal que saiu fóra por pouco. Nunha xogada de fe de Marino, o meirego anotou un golazo que empatou de novo o encontro. Os de Fernando Corredoira tamén baixaron fisicamente no tramo final e o marcador non se moveu, deixando ao Castro coa salvación case imposible por mor dos descensos de Paiosaco e Arzúa desde a Terceira RFEF.

A Residencia tira de orgullo e vence na Cheda ao Mugardos (5-3)

Encontro tolo no que a Residencia levou o gato á auga, aínda que nin o triunfo lle vai servir para manter a categoría. Martín adiantou á Resi ao rematar un córner maxistralmente botado por Dani Renda. O Mugardos, que tivo máis o balón, empatou cun tanto en propia porta á media hora de xogo.

Na segunda metade o partido foi de tolemia colectiva e víronse nen máis nen menos que seis tantos. Pereira volveu adiantar aos locais a pase de Txiki e pouco despois Yago ampliou diferencias para a Residencia. David puxo a incerteza no marcador a vinte minutos para o final, pero Pereira, o mellor dos lucenses, rematou lonxe do alcance de Borja un bo centro de Yago. A cinco minutos para o final Iker anotou para o Mugardos un gol olímpico e xa co tempo cumprido Yago aproveitou un erro do gardameta mugardense para marcar a portería baleira.

Só un milagre salvaría a Residencia e Castro

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 33

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *