Poñemos ao día o Trío de Ases O Cantón logo de disputarse no Xoves Santo os encontros aprazados polo temporal o último fin de semana do mes de xaneiro. Os resultados non foron amables co fútbol lucense. Na Terceira RFEF, o Racing Vilalbés caeu coa UD Ourense e os de Borja Fernández xa acariñan o ascenso directo. A Sarriana empatou no campo do Valladares e o Polvorín fixo o propio no García Hermanos fronte ao Betanzos. O Viveiro caeu no último suspiro na Lomba diante do Arousa.
Na Preferente, o Pol empatou no campo do Montañeros, líder destacado da categoría. O Lemos e o Ribadeo caeron como locais fronte a Sofán e O Val respectivamente, mentres que o Escairón logrou gañar no campo do Arzúa e aférrase con forza ás súas opcións de permanencia.
Os chairegos realizaron un gran partido diante do líder e controlaron ao seu rival desde o comezo. O conxunto ourensán non foi quen de xerar ningunha ocasión de gol no primeiro tempo e tivo no gardameta Álex Cobo ao seu mellor xogador. O porteiro amosou os seus reflexos tras deter dous remates de David García e Make, ambos tras bos centros de Barroso.


Na segunda metade o Racing Vilalbés logrou adiantarse no marcador ao rematar Brais Pedreira no primeiro pao un saque desde o curruncho. O técnico ourensán Borja Fernández moveu o banquiño e os trocos resultaron determinantes. Malia todo o empate chegou nunha acción para a polémica. O colexiado sinalou penalti nunha disputa entre Jose Varela e Justino moi dubidosa. Osian transformou a pena máixma. A falta de cinco minutos para o final unha boa xogada persoal de Justino rematouna Lusimi e superou a Álex Santomé. Nos últimos intres o Racing Vilalbés tentou a igualada pero a UD Ourense defendeu ben o resultado.
A Sarriana suma un punto no desconto na súa visita ao campo do Valladares (2-2)
Comezou ben o encontro para a Sarriana, cun gol de Sané tras unha gran xogada combinativa que finalizou o extremo tras un centro de Martín. O Valladares non inquedou a portería de Javi Liz no primeiro tempo, agás en dous erros na saída de balón dos lucenses.

No segundo tempo o encontro seguiu un guión semellante ata que a falta dun cuarto de hora para o final, nun remate a un saque desde o curruncho chegou o tanto do empate. Sen tempo á reacción, os locais aproveitaron un erro dos sarriaos para roubar o balón e facer o segundo tanto, obra de Miguel tras rematar de cabeza entre os centrais. No tempo de desconto un balón en longo de Javi Liz gañouno a liña de ataque da Sarriana e tras combinar Diego Rey e Boedo, o esférico chegou a Álex Millán que non perdoou diante de Kevin.
O Polvorin suma un punto no campo do Betanzos, derradeiro clasificado (0-0)
A falta de acerto no remate privoulle ao Polvorín de sumar os tres puntos no García Hermanos. O primeiro tempo tivo pouco ritmo e foi o Polvorín o que chegou con máis claridade á área rival. As ocasións máis claras para os de Álex Ortiz chegaron preto do intermedio, O gardameta Brais, anteriormente nas filas lucenses, estivo moi atinado para desbaratar as ocasións do filial albivermello.
Nos segundo tempo o dominio do Polvorín acentuouse e os lucenses realizaron un mellor fútbol. Malia todo o gol non chegou e o Betanzos gozou de dúas boas ocasións preto do final para poder levar os tres puntos.
Un gol no 96 castiga ao Viveiro no feudo do Arousa (3-2)
Na primeira metade o Viveiro xogou en campo contrario e gozou de tres boas ocasións de gol nas botas de Adri Lombao, Fanego e Diego Santín. Foi o conxunto local o que logrou adiantarse tras unha boa xogada combinativa que finalizou Hugo Villaverde. Pouco despois, o Viveiro gozou dunha ocasión inmellorable para empatar. Adri Lombao foi derribado na área, pero Fanego errou desde os once metros. O empate chegou antes do descanso. Vila centrou e Diego Santín cabeceou ao fondo da portería. Pero xusto antes do intermedio chegou o segundo penalti da tarde, desta volta favorable ao Arousa e Álex Comparada puxo por diante aos de Lemos.
No segundo tempo a reacción do Viveiro non se fixo agardar. Unha boa acción persoal de Diego Santín serviu para que Adri Lombao empuxara o balón ao fondo da portería. O Arousa meteu ao Viveiro no seu campo no último tramo de encontro, pero os de Adrián Benavides atopáronse cómodos no bloque baixo e o encontro chegou ao desconto co marcador igualado. Adri Lombao gozou dun man a man fronte a Conde para facer o terceiro. O gardameta saiu vitorioso e na seguinte xogada, cando xa non quedaba tempo para nada máis, os locais anotaron o tanto do triunfo por medio de Antón Concheiro.

O Pol xoga unha hora con dez e logra un punto no campo do Montañeros (2-2)
Encontro espectacular dos chairegos no feudo dun intratable Montañeros, conxunto que pode ascender de xeito matemático a Terceira RFEF na vindeira xornada, e que está invicto no seu campo. Os de Manolo García adiantáronse moi rápido cun gran gol de Ríos. Nunha gran disputa polo dominio do balón por parte de ámbolos conxuntos, o Pol saiu vitorioso e pouco máis tarde Samu fixo tras aproveitar un rexeite. Co encontro perfectamente controlado polos de Manolo García, o colexiado ensinou a segunda tarxeta amarela a Froilán, nunha decisión discutible aos trinta e cinco minutos de xogo. O saque de falta aproveitouno o Montañeros para recurtar diferencias no marcador cun gol de Álex Suárez.
Tras o intermedio o Pol xuntou liñas e realizou un gran traballo defensivo, que privou ao Montañeros do empate ata o tramo final do partido. André logrou o empate e nos últimos minutos ámbolos conxuntos puideron marcar o tanto da vitoria nun desconto interminable. Iñaki gozou da mellor ocasión para o Pol ao estrelar un balón no pao.
O Lemos prolonga a súa mala xeira tras caer nos últimos intres diante do Sofán (0-2)
Non foi quen o Lemos de sumar diante dun Sofán que se consolida en zona de play off de ascenso. Os monfortinos, que seguen en zona de perigo, non estiveron atinados nun primeiro tempo no que os visitantes foron superiores e xeraron situacións de perigo.
Na segunda metade o Lemos mellorou, pero viuse penalizado pola falta de efectividade cara a portería contraria. Preto do final, nunha acción a balón parado mal defendida chegou o tanto do Sofán, obra de Paulo. Os de Edu Rodríguez lanzáronse a polo empate e co xa co tempo cumprido de novo Paulo sentenciou para o Sofán.
Un desdibuxado Ribadeo cae no Pepe Barrera fronte a O Val (1-2)
Sensacións negativas no Pepe Barrera. O Ribadeo non foi quen de sumar fronte a un O Val que se mete de cheo na pelexa pola permanencia. Os de Luchi, co debutante Romy na punta de ataque, saíron ao campo sen a intensidade necesaria e antes de cumprirse o cuarto minuto de xogo xa tiñan o marcador en contra. Casteleiro atopou un rexeite na área para fusilar a Javi Pita. Tardaron os mariñáns en coller o pulso do partido, circunstancia que puideron aproveitar os visitantes para facer o segundo. Primeiro nunha doble ocasión tras un saque desde o curruncho e pouco despois tras unha xenialidade de Manu Pol que Casteleiro a piques estivo de culminar, pero Xairo sacou o balón baixo paos. Preto do descanso, o Ribadeo trenzou a mellor xogada do primeiro tempo. Xavi Iriarte conectou con Xairo e o contro desde rematouno Kevin Pierre de primeiras lixeiramente alto.
Tras o intermedio Luchi deu entrada a Pedrinho e Gabri e o Ribadeo gañou máis presencia en campo contrario. Nun saque de falta, Castrín abriu á banda, Xairo centrou raso e Pedrinho rematou ao fondo da portería. Co encontro empatado, o Ribadeo tivo os seus mellores minutos, pero non foi quen de darlle a volta ao marcador. Os visitantes, aos que só lles valía a vitoria, meteron unha marcha máis e lograron inquedar a área rival. Estevo gozou dunha boa ocasión antes de que, tras unha boa xogada pola banda esquerda finalizar cun gol en propia porta de Pedrinho. Antes da finalización, o ribadense Aitor viu o cartón vermello e no desconto Javi Pita salvou o terceiro ao enviar a córner un man a man.
O Escairón vence en Arzúa e segue vivo na pelexa pola permanencia (0-1)
Encontro cun ritmo baixo no que o Arzúa buscou levar o peso do partido a través da posesión. Os locais non chegaron a xerar perigo na área dun Escairón que foi quen de roubar moitos balóns en campo contrario aínda que sen eficacia á hora de atacar a portería. Denis contou coa mellor ocasión de gol nun primeiro tempo no que os locais rozaron o tanto nun despexe de Emmanuel que bateu no longueiro.
No segundo tempo o Escairón chegou con máis perigo á portería contraria. Birk, Julito e Yann contaron con opcións claras para marcar. O tanto chegou a doce minutos para o final. Brais Meco sacou un córner ao segundo pao e Yann rematou ao fondo da portería de cabeza. Nunha falta frontal, o Arzúa gozou da única ocasión para igualar o partido.