#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Só Celta Barreiros e Páramo suman pleno

Con tres xornadas gastadas na Terceira Galicia, o Celta Barreiros lidera en solitario o grupo norte. Conta os encontros por vitorias, o último deles con certa dificultade fronte á Piringalla. Cazás, Castroverde e Rioaveso encabezan, con seis puntos, o pelotón perseguidor dos barreirenses. No grupo sur, o Páramo tamén conta cun pleno de puntos logo da súa vitoria no campo do Chantada Atlético. O Rubián, con sete puntos e aínda sen encaixar un só tanto, é segundo.

GRUPO NORTE

Un gol de Pita no 95 dalle o triunfo ao Celta Barreiros fronte á Piringalla (1-0). Encontro igualado con moitos duelos na primeira metade e sen apenas ocasións de gol. Os primeiros minutos da segunda seguiron o mesmo guión e a partir do ecuador desta o cadro local tivo máis dominio e chegou con certo perigo á portería dunha Piringalla que amosou unha gran seguridade defensiva. No desconto un centro de Javi Andina rematouno na área Pita para darlle os tres puntos aos de Rubén Acebedo.

O Cazás goleou ao Matela no Catro Ventos e ocupa a segunda praza (4-0). Malia que a a primeira ocasión foi visitante, o Cazás foi o gran dominador do encontro. Os dous primeiros tantos chegaron desde o punto de penalti, mentres que a sentencia chegou na reanudación. Álex, a balón parado, e David logo dunha boa combinación, completaron a goleada.

Triunfo do Castroverde diante dun Friol B que aínda non estreou o casilleiro (3-1). O encontro empezou con dominio do Castroverde que rapidamente se traduxo no marcador cun tanto de David. Non foi duradeiro o bo ritmo dos de Fran Veiga que viron como o Friol B empataba o encontro cun gol de Roca desde os once metros. Na segunda metade o Castroverde voltou a adiantarse marcador por medio de Richard. O filial non aproveitou as súas chegadas á área rival e nos últimos intres David sentenciou para os da Veiga do Olmo.



O Rioaveso gañou o derbi no campo dun Catro Roldas que celebrou as súas bodas de prata (0-1). O deportivista Diego Villares foi o encargado de facer o saque de honra na Canteira, no día que o cadro amarelo celebrou os seus primeiros vintecinco anos de historia. Típico derbi, sen moito fútbol e cun tempo para cada equipo. O Catro Roldas foi mellor na primeira metade, mentres que o Rioaveso dominou na segunda. Os de Asier Lozano deron mostra da súa contundencia en defensa sendo triunfadores nos duelos. Iago Rico, no minuto 87, acadou un bo gol que lle deu os tres puntos aos visitantes.

A Comercial B acadou un valioso punto no feudo do Goiriz (1-1). O conxunto local dominou o balón e tivo varias ocasións de gol, xa na primeira metade, que non foi quen de conseguir materializar. Na segunda metade, logo dunha triple ocasión de gol para os de Cora, Fidel en xogada individual logrou adiantar ao cadro local. A falta dun cuarto de hora, un mal despexe da zaga chairega aproveitouno Nete para lograr a igualada. A Comercial B contou con outra chegada perigosa á área rival e o Goiriz estrelou dous balóns nos paos, pero o resultado non se moveu.

O Casás logrou o primeiro triunfo da súa historia fronte ao Celeiro (2-0). O conxunto lucense amosouse superior a un Celeiro que non tivo o seu día, pero que aínda así puxo en serios apretos aos locales nalgún tramo do encontro. O Casás realizou varios trocos no seu equipo titular e surxiron efecto. Cristian a piques estivo de facer o primeiro pouco antes de que Pin adiantara aos locales cun testarazo que superou a Jony. O Celeiro, antes do intermedio, estrelou dous balóns no longueiro. Na segunda metade, o Casás gozou dos seus mellores minutos e acadou o segundo tanto por medio de Cristian. Os de Martín Rodríguez non se deron por vencidos e tiveron dúas boas ocasións para recurtar diferencias. O Casás, á contra, contou con varias opcións de gol.



grupo sur

O Páramo gañou no campo do Chantada Atlético B e lidera o grupo sur en solitario (1-2). Primeira metade igualada na que o filial chantadinao logrou adiantarse cun tanto de Diego á media hora de xogo. Nese intre o Páramo deu mostra do seu nivel e foi quen de remontar o partido antes do descanso. Un tanto en propia porta e outro de Antón ás beiras do intermedio puxeron en vantaxe aos de Jony Lombardía. Na segunda metade o Chantada Atlético B deu un paso adiante e contou con boas ocasións para acadar un empate que non chegou. O Páramo tamén tivo opcións para ampliar as diferencias, pero atopouse coa boa actuación do gardameta Carlos.

Un Rubián en inferioridade golea ao Bóveda na segunda metade (3-0). Foi mellor o cadro local con dez que con once. O Bóveda estivo mellor na primeira metade, pero non foi quen de abrir o marcador. No minuto 40 o Rubián quedo con dez pola expulsión de Víctor e na segunda metade os de Senén López amosáronse superiores aos visitantes. Dous goles de Iván decantaron o encontro para un Rubián que sentenciou nos último intres co Bóveda envorcado na procura dun gol que os metera no partido.

O Sober penalizou os erros do filial monterrosino para levar os tres puntos (3-4). Aos catro minutos Martín adiantou aos visitantes desde o punto de penalti. No ecuador do primeiro tempo Louzao igualou o marcador. Antes do descanso Piñeiro puxo por diantre de novo aos de Iban Lagoa, pero Yoni empeñouse en marchar a vestiarios en táboas facendo o segundo para o Monterroso B. Nada máis comezar o segundo tempo, un erro garrafal en defensa aproveitao Martín para poñer de novo por diante ao Sober. Desta volta a resposta do cadro local non chegou e Sergio anotou o cuarto para os visitantes. O Monterroso B volcouse na procura do gol e este só chegou no desconto, obra de Manel.

O Santa Comba infrinxiu a primeira derrota do curso ao Relámpago Taboada (1-3). Foi superior o Relámpago na primeira metade. Os de Diego Saborido optaron por un fútbol directo que lles deu bo resultado. Nun desaxuste defensivo do Santa Comba, Brian acadou o tanto local. Na segunda metade, os trocos realizados por Richard melloraron ao equipo e foron quen de darlle a volta ao marcador con tantos de Jaime, Borja e Jorge. Nos últimos intres o Relámpago empurrou na procura do gol, pero a boa labor da defensa visitante impediuno.

O Corgo desaproveitou dous goles de renda diante da Sarriana B (2-2). Foi superior o cadro local na primeira metade e na segunda foi quen de poñerse con dous goles de vantaxe no marcador. A confianza do cadro local e o pundonor visitante fixeron que o marcador se igualara. Os de Abel Rochela concederon un córner que rematou en gol e non foron quen de materializar as ocasións de gol. Na última xogada do encontro, o filial sarriao logrou o empate.



O acerto cara a portería permitiu ao Río Sil dobregar ao Taboada B (3-1). Encontro igualado na Carqueixa. Chomi adiantou ao Río Sil e Smaily puxo terra de por medio pouco despois. Malia todo, o filial do Taboada non lle perdeu a caraa ao partido e contou con ocasións para recurtar diferencias. No segundo tempo un Chomi en estado de gracia fixo o terceiro e o Taboada B, xa co encontro moi costa arriba só puido anotar o tanto da honra por medio de Jose.

Só Celta Barreiros e Páramo suman pleno

Super Mario para colocar líder ao Oural

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *