Con dúas xornadas disputadas na Terceira Futgal, son só catro equipos os que suman os seis puntos en xogo. No grupo norte, o Catro Roldas é líder en solitario tras vencer no campo do Cazás, co permiso dun Mondoñedo que non disputou o Derbi do Fiouco fronte ao Abadín por unha boa causa. O sábado casaba Regueira, un dos emblemas e capitán do Abadín. O Pol B sumou o primeiro triunfo da súa historia nun reñido encontro fronte ao Rioaveso.
No grupo sur tres equipos lideran a clasificación con dúas vitorias. Corgo, Quiroga e Rubián. Ademáis os tres manteñen a cero a súa portería. Taboada B e Incio non foron quen de sumar polo momento.
Chega o Tres en Raia En Boas Mans Fisioterapia.
GRUPO NORTE
O Catro Roldas vence no difícil Catro Ventos e lidera a clasificación en solitario (1-2). Encontro moi disputado que se decidiu polo acerto nas áreas. Entrou moi ben ao campo o Catro Roldas que avisou nada máis comezar e á segunda non perdonou cun tanto de Samu tras un balón ao pao de Dopico. Os visitantes, co marcador a favor, meteuse atrás e o Cazás gañou protagonismo no xogo. No segundo tempo, os de Coto comezaron mellor e contaron con varias ocasións para marcar que non aproveitaron ata que Alberto Rey puxo terra de por medio cun bo disparo. O Cazás buscou o gol pero atopouse con varias paradas de moito mérito de Carmelo. No tramo final os locais empataron cun gol de Penedo, xusto antes de que o encontro se volvera bronco e rematara con tres xogadores expulsados, un do Cazás e dous do Catro Roldas.



O capitán Rubén Rey dalle ao Pol B a primeira vitoria da súa historia (3-2). O Rioaveso non entrou ben no partido e o filial xa contaba con dous goles de vantaxe antes dos vinte minutos de xogo. Ámbolos goles levaron a sinatura de Antón. Os de Luis Romay foron os dominadores do xogo na primeira media hora. Os visitantes foron quen de recurtar diferencias cun bo gol de falta de Mario. No segundo tempo o Rioaveso buscou colgar moitos balóns á área e a idea non lle saiu mal. Os de Asier Lozano lograron empatar tras unha indecisión de porteiro e defensa polense e perdoaron varias ocasións para darlle a volta ao marcador. No desconto, un erro na saída de balón aproveitouno Balado que foi derribado cando se dirixía cara a portería. O lanzamento de falta transformouno Rubén Rey para sumar a primeira vitoria do Pol B en competición oficial.
O Muimenta golea ao Comercial e suma os primeiros puntos do curso (6-2). Os de Fran Veiga comezaron moi ben o encontro con dous goles antes que se cumpriran os dez minutos de xogo, obra de Jesús e Seijas. A Comercial tiña o balón, pero non era quen de xerar perigo, mentres que o Muimenta era quen de facer dano á contra. Fer e Jesús, de penalti, deixaron o encontro visto pra sentencia antes do intermedio. No segundo tempo, a Comercial logra recurtar distancias tras un erro defensivo antes de que Iván anotara o mellor gol da tarde de falta. No tramo final, xa con todo decidido, chegou un tanto para cada equipo.
Celeiro e Roupar igualan nun encontro moi disputado (2-2). Partido moi intenso o disputado en Trasvías. Os visitantes sobrepuxéronse as baixas de Anxo e Moha e realizaron unha boa primeira metade, pero foi o Celeiro o que marchou ao descanso por diante cun gol de Franklin tras un rexeite de Fran. Yosi a piques estivo de empatar nun córner que case se converte en olímpico. No segundo tempo, os visitantes acadaron o empate cun lanzamento lonxano de Xosé. O Celeiro non se veu abaixo e non tardou en poñerse de novo por diante cun gol de Mario. Só catro minutos máis tarde, nun erro defensivo local chegou o definitivo empate. Os xermadinos buscaron o gol na última xogada do partido, pero Sergio non estivo atinado.

GRUPO SUR
Un solitario tanto de Gabi dalle ao Corgo os tres puntos no campo do Taboada B (0-1). Partido que se disputou con moita intensidade e no que ámbolos conxuntos optaron por un xogo moi directo. No primeiro tempo a maior parte das accións de perigo chegaron a balón parado, aínda que o marcador non se moveu. No segundo tempo o gardameta local Ledo detivo unha pena máxima, aínda que nada puido facer na seguinte acción, que rematou cun gol de Gabi que sería decisivo para o devir do partido.
O Quiroga derrota á Piringalla e mantén o pleno de puntos (2-0). Partido con dúas metades ben diferenciadas. A primeira foi de dominio local. O Quiroga chegou con perigo á portería rival e Rubio abriu o marcador cunha gran definición. Non tardou en chegar o segundo tanto, desta volta de penalti, novamente con Rubio como protagonista. O xogo combinativo dos locais fixo que Gachan e o propio Rubio contaran con ocasións para deixar o partido sentenciado. Tras o intermedio a Piringalla colleu o protagonismo e dominaron o xogo, chegando a xerar boas ocasións de gol. Malia todo, o marcador non se moveu.
O Rubián suma a súa segunda vitoria fronte ao Bóveda (3-0). O conxunto visitante realizou unha boa primeira metade, sen apenas conceder ocasións de gol e xerando varias situacións de perigo que non foron quen de materializar. No comezo do segundo tempo, o Rubián marcou por medio do veterán Javi nun despiste defensivo dos de Cristian Penas, que se viñeron abaixo co marcador en contra. Ivi anotou o segundo para os locais e no tramo final Álex sentenciou.
O Río Sil tira de efectividade para vencer ao Incio no Carboeiro (1-3). Encontro moi disputado que comezou do mellor xeito para o cadro visitante cun gol de Kylian cando aínda non se cumprira o primeiro minuto de xogo. Os seguintes minutos resultaron unha tolemia. Edu empatou para o Incio e Dasi voltou a poñer por diante aos visitantes, cando aínda non se cumpriran os dez minutos de xogo. O partido tranquilizouse e antes do intermedio Omar puxo terra de por medio. Os locais intentaron recurtar diferencias no segundo tempo pero non estiveron atinados cara a portería.
O Relámpago Taboada suma o seu segundo empate no campo do Carballedo (1-1). Os locais inaguraron o casilleiro de puntos nun encontro que comezou para os de David Guerra dun xeito moi semellante ao da primeira xornada, é decir, con moitas concesións defensivas que desencadearon no gol dun Relámpago que soubo aproveitar o seu momento. Álex marcou para os de Melendo cando aínda non se cumprira o primeiro cuarto de hora. Os visitantes tiveron varias ocasións para ampliar as diferencias ata que co paso dos minutos o Carballedo mellorou e igualou a contenda, aínda que sen xerar grandes ocasións. No segundo tempo os locais foron mellores e xeraron boas ocasións de gol diante dun Relámpago que soubo defender ben a súa área. Un tanto en propia porta, tras unha transición, propiciou o empate e no último tramo o Carballedo reclamou dous penaltis que o colexiado non entendeu punibles.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.