#Fútbol afeccionado #Entrevistas #Segunda RFEF

Simón Lamas: «Ninguén dubida da competitividade do Racing»

É unha semana grande en Vilalba. A capital da Terra Chá festexa as súas patronais nesta recta final de agosto e os primeiros días de setembro. Casualidades do calendario provocan que esta sexa tamén unha gran semana no Racing Villalbés.

O equipo chairego estréase por primeira vez nunha liga na que competirá tamén fóra de terras galegas. Xogará na 2ª RFEF (cuarta categoría do fútbol estatal desde a última reforma en 2021). O único pero é que o partido do debut non forma parte do cartel das festas porque xoga fóra da casa.

O Domingo da Feira ás 12:30h visitará ao Oviedo Vetusta (filial do Real Oviedo) na cidade deportiva de El Requexón (en directo aquí). Nestes días especiais conversamos co adestrador do cadro vilalbés. Simón Lamas Trinidad (Vilalba, 9-01- 1992) encara o seu sexto curso como preparador do seu Racing.

Aos seus 31 anos convertirase no único que dirixiu a dous equipos do club en territorio estatal. Primeiro co xuvenil na División de Honra (17/18) e agora co primeiro equipo na 2ª RFEF (23/24).



Simón Lamas confía en manter o compromiso que a afección tivo co equipo no tramo final da pasada campaña.

Futbolinlugo: Como afronta o Racing a estrea na Segunda Federación?

Simón Lamas: Cunha mistura de ilusión e de esixencia. Ilusión por ser o noso debut na categoría e o de moitas das persoas que formamos parte do equipo; ademais de darlle continuidade ao cambio social que experimentamos o ano pasado coa promoción. Esixencia porque, unha vez que estamos aquí, pensamos en competir o mellor posible e salvar a categoría; coa dificultade que ten todo iso.

Fil: Ata o momento 12 renovacións e 9 fichaxes. Como valoras a conformación do cadro de xogadores?



SL: Creo que o club se moveu moi ben. Somos un grupo moi heteroxéneo. Por posicións son futbolistas de distintos perfís. Gústanos poder ter capacidade de ter plan A, plan B,… e que o nivel en todos os postos sexa parello para que o nivel nos adestramentos sexa moi alto.

Son xogadores con moita ambición. Varios que o ano pasado descenderon de 2ª RFEF e que queren demostrar que son futbolistas desta categoría ou algún de 3ª que se quere agarrar a esta división.

Ademais estou moi satisfeito co traballo do corpo técnico no que tamén temos persoas novas (continúa Juan Rodríguez – 2º adestrador; e chegaron Rodrigo Rivera – preparador físico e Javi Valencia – preparador de porteiros).

«A pretemporada permitiunos achegarnos ao nivel da categoría»

Álex Pérez foi un dos futbolistas revelación do Racing o ano anterior e continúa no club.

Fil: Este mércores xogades a final da fase galega da Copa Federación, pero que opinión tes sobre a pretemporada?



SL: Permitiunos acercarnos a ese nivel de competitividade que nos vai esixir a categoría. O traballo foi moi bo escalonando primeiro o defensivo, con rivais de moita entidade como o Racing de Ferrol, Compostela ou Pontevedra. E agora centrándonos máis a nivel ofensivo ante equipos como o Bergantiños, o Ourense, o Somozas, etc.

Perdimos co Racing de Ferrol, empatamos cos equipos da nosa liga e gañamos ao resto. Encaixamos pouco. Máis que os resultados, as sensacións foron boas.

Fil: Quizais o peor momento da pretemporada xa veu nos primeiros días…

SL: Duque é un xogador no que tiñamos e temos moitas expectativas. Este é un contratempo do que vai saír como xa fixo noutras ocasións. Levabamos varias tempadas tratando de incorporalo porque creo que se adapta moi ben a nosa forma de ver o fútbol. Xa está traballando a nivel individual, pero debemos darlle todas as ferramentas para que a recuperación sexa o mellor posible e poda seguir desfrutando deste deporte.

«Desta vez queremos aumentar o número de futbolistas»

Do último 11 do Racing na Madalena o curso anterior unicamente non continúan Joel e Marcos Álvarez.

Fil: O cadro de xogadores está pechado?

SL: A diferenza doutros anos, desta vez queremos aumentalo. A miña idea é ter as 22 fichas que nos permite a competición porque creo que vai ser unha temporada moi esixente a todos os niveis.

A propia liga vainos facer ter que ir ao límite e pode provocar que os xogadores vexan máis cartóns e cumpran máis ciclos de sancións. Ademais temos agora mesmo dificultade para atopar algún futbolista no fútbol base que nos permita manter o nivel.

Fil: Que posicións che gustaría reforzar?

SL: Coa lesión de Duque, buscamos outro xogador en banda dereita. O equipo vai ser moi vertical, de ir ao contragolpe; e os perfís que temos aí, agás Isaac; son máis de moverse entre liñas como Rares, Pablo ou Javi Rey.

Despois temos tres mediocentros e tres centrais. Un futbolista que nos puidera complementar ambas posicións sería fundamental.

«O proxecto que temos agora entre mans nin o puiden soñar»

Simón Lamas traballa nunha oficina improvisada na Madalena onde o club prepara reformas da man do concello para irse adaptando a novas necesidades.

Fil: Tivo dúbidas Simón de renovar nunha temporada tan especial?

SL: Non, non. Ascendemos o sábado e o luns xa nos reunimos. Fastidioume que fora o luns (risas) porque prefería celebralo máis. Creo que festexamos moi pouco os éxitos e este, en concreto, seguro que menos do que merece. É algo histórico pero cando un ascende xa quere pensar no seguinte e facer ben as cousas.

Houbo algún ruxe ruxe, pero non se me pasou pola cabeza non continuar. Desde un primeiro momento o club apostou porque eu seguira. O proxecto que temos agora entre mans nin o puiden soñar. Hai uns meses era impensable. É un tremendo orgullo capitanear ao Racing nunha categoría na que está por primeira vez.

«O éxito no Racing tamén é extrapolable á provincia»

Fil: Segunda vez na historia que un equipo do Racing ascende a unha competición estatal e das dúas veces con Simón Lamas…

SL: Tocoume a min. Este é o traballo de moita xente (de anteriores directivas tamén). O éxito no Racing non é só extrapolable ao Racing, senón á provincia e a todos os clubs humildes que apostan por un modelo de traballo diario e de darlle oportunidade a xente que peta na porta.

Son un privilexiado por poder vivir isto de primeira man e sinto un orgullo importante. O club está medrando. Con todo, ten marxe para facelo aínda máis a nivel social. A ver se somos capaces de manter o que se logrou ao final da tempada pasada.

O meu obxectivo sempre foi ir cara o fútbol profesional. Non sei se a miña carreira me dará momentos mellores. Vou traballar para que mos dea, pero tan especias como este será difícil.

Fil: Que leccións sacas daquela experiencia co xuvenil en DH que acabou descendendo?

SL: Ao club trasmitinlle que non quería que nos pasara o mesmo, que nos deixamos ir moi cedo. Nesta categoría de 18 equipos hai 5 descensos e máis o play out. Temos que facer todo o posible desde o primeiro momento.

Fun o que planificou toda aquela temporada do xuvenil ao ser tamén o coordinador da base. Creo que o modelo de planificación foi o mesmo, sen volvernos tolos. Incorporamos xogadores da zona e da provincia. Estou orgulloso daquel traballo e daquel grupo, pero aquela experiencia dime que igual facendo as cousas doutra forma nos dera para estar cerquiña da salvación.

  • O Racing competirá nesta categoría co Fabril, a SD Compostela, o Ourense CF, o Pontevedra e o Coruxo; ademais de cinco equipos asturianos (Real Avilés, Luanco, Oviedo Vetusta, Langreo e Covadonga), tres cántabros (Gimnástica de Torrelavega, Cayón e Rayo Cantabria) e catro castelán-leoneses (Zamora, Valladolid Promesas, Guijuelo e Arandina). Pódese consultar o calendario aquí.

«Manter a categoría sería o salto definitivo para considerar o Racing un paso máis»

David Vérez é o único xogador da historia do Racing que conseguiu dous ascensos a unha categoría estatal. Primeiro co xuvenil á División de Honra (na que non xogou por idade) e o pasado curso co conxunto sénior.

Fil: Falando con algunha xente do fútbol galego, consideran que o Racing vai ser competitivo tamén en 2ª RFEF…

SL: Ao longo dos últimos anos dende que o Racing volveu á Terceira gañouse ese cartel; o de ser un equipo moi difícil de combatir. Isto é o mellor que pode ter un equipo. Pasa a xente, pero a idiosincrasia mantense.

Coas incorporacións e o bloque que mantemos ninguén ten ningunha dúbida de que o equipo vai ser competitivo. Ogallá podamos deixar seis equipos por debaixo. Manter a categoría un ano sería o salto definitivo para considerar ao Racing un paso máis.

Fil: A que te refires con ese paso?

SL: Por detrás hai moitas cousas que non se ven. A nivel económico o club podería dar un salto. Este ano temos moitas dificultades para afrontar os cambios da nova categoría.

O tema da luz é o máis recorrente ou o gasto que conlevan as fichas profesionais, pero necesítanse mellorar condicións do traballo diario, que as instalacións melloren, adestrar máis en herba natural,… Competimos contra equipos con cidades deportivas e con moita xente nos corpos técnicos.

«Será un luxo vivir preto de Gilsanz esta temporada»

Simón Lamas chegou ao banco do Racing en 2018 coa temporada xa comezada. O equipo viña dun período de éxito con Gilsanz e logo da distitución de Juan Peón.

Fil: Entre tanto cambio, si que hai cousas que continúan. O teu amigo Óscar Gilsanz competirá tamén na mesma categoría…

SL: Imos coller ao equipo que deixa ao Fabril da anterior xornada entón é como ter un analista propio dentro do corpo técnico (risas). Somos moi amigos. Alegreime moito do seu acenso. Se nós estamos facendo historia, en gran parte, é grazas ao traballo que deixou aquí.

No Deportivo, Óscar tamén está facendo historia. Gañou a Copa de Campións xuvenil cando o equipo estaba en Segunda B e ascendeu probablemente ao Fabril máis austero dos últimos anos. Vese o talento nos canteiráns, pero o talento tamén pode vir en forma de adestadror. Coñece ao deportivismo e é un deportivista confeso. Merece que lle dean a opotunidade no primeiro equipo. Mentres tanto, será un luxo poder vivir preto del esta categoría.

«Non sempre o talento que hai en Vilalba dá para ter categorías e ir para arriba»

O filial do Racing Villalbés ascendeu á Segunda Rexional no primeiro ano de vida

SL: Apuntabas antes que agora mesmo é complicado que suba algún xogador da base ao primeiro equipo. Como ves o papel do filial?

SL: O filial está no proceso de estar onde queremos estar que é a Primeira Rexional. Ese é o nivel mínimo para logo poder chegar a unha 3ª ou 2ª RFEF. Alégrame ver que xogadores que pasaran polo club como Adri, Hugo, Cristian ou Anxo regresen para este curso.

A nivel social a canteira para o Racing ten que ser fundamental. Todos os rapaces de Vilalba e arredores que queiran xogar ao fútbol teñen que xogar aquí. Isto si que fai que te limite para chegar ao primeiro equipo. Non sempre o talento que hai en Vilalba dá para ter categorías e ir para arriba. Hai moi poucos xogadores do xuvenil que suban ao primeiro equipo do Dépor, por exemplo.

Se queremos que os rapaces de Vilalba xoguen no Racing, imos perder categorías. Isto fai que os de máis nivel e talento busquen unha saída. Noel Teixeiro que vai xogar un ano en DH no Lugo, xogadores como Nico Ruiz ou seu irmán Esteban que están no Dépor, outros no Lugo como Martin Cillero e Sergio Otero.

Nós o que temos é que seguir sendo referencia no traballo, ter bos adestradores e promocionar os que teñan mellor nivel. É complicado porque a ver que xuvenil ten a suficiente humildade para vir adestrar un sábado pola mañá.

Fil: A creación do filial do Racing, cres que prexudica a outros equipos da contorna?

SL: O Racing Villalbés prepara xogadores para o Racing. Dámoslles os mellores medios posibles cun moi bo adestrador, un preparador físico, un fisioterapeuta se o precisan,… Tampouco hai moita colaboración por parte do resto de clubs.

Temos que pensar no noso. En moitos sitios está sendo moi complicado facer equipos. Se hai anos algún club dera algún paso e tratase de facer algunha colaboración igual isto estaba doutro xeito.

Fil: A frase sería «cada un mira polo seu, menos eu que vou o meu»?

SL: Sempre houbo rivalidade cos equipos da contorna. Ten que habela porque é necesaria no fútbol, sempre con respecto evidentemente. Pero, por exemplo, pásanos co CD Lugo. Non se achega para nada a nós e nós tampouco a eles.

É certo que non hai ningún problema cando xogadores da nosa base van para alí. Pero igual ao CD Lugo lle podería interesar ceder xogadores ao Racing en 2ª RFEF ao ter o filial en 3ª RFEF. Pero tamén lle interesará volver subir ao seu filial.

Cando traballas dende prebenxamíns o que che gusta é que esa xente teña continuidade dentro do club. O filial empeza pola ilusión que nos facía a varias persoas de dentro do equipo e pola que lle facía tamén aos rapaces da xeración do 2003 de poder seguir aquí.

Simón Lamas: «Ninguén dubida da competitividade do Racing»

Diario dun mercado. Episodio 394

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *