- Catorce equipos quedan pendentes de recuperar a pasada xornada. Está ao día o Matela, que logrou o seu terceiro triunfo do curso e mantense moi vivo na pelexa pola salvación do grupo norte. No sur, avanza cara a permanencia o Friol, que logrou catro vitorias seguidas. Pasou do descenso directo á unha zona media moi igualada.
- O gran equipo do momento segue sendo o Guitiriz. Suma oito partidos seguidos sumando de tres, máis o triunfo na Copa. Agora mesmo na categoría só o supera o UDJ Almeiras de Culleredo (un posible rival dos lucenses no play off) con nove vitorias e o Rayo 21 de Ourense, que vive unha tempada de récord gañando todo o xogado: 18 triunfos.
- Novo movemento nos bancos: O adestrador do San Roque, Piru, deixa o equipo capitalino. Pasa a dirixir ao Xove, que pelexa pola salvación na Primeira Futgal.
A 16ª xornada da Segunda Futgal estivo marcada pola suspensión dos encontros do sábado. O temporal de inverno que lle afectou a boa parte de Galicia obrigou a extremar as precaucións, entre elas evitar os desprazamentos por estrada, unha das razóns da cancelación do fútbol.
Sete partidos quedan pendentes de xogar. Ademais, en todas as citas hai algún equipo que desputará eliminatoria de Copa no Entroido, polo que esa fin de semana non se van poder recuperar. De feito, un dos aprazados, o Chantada B – San Roque é un dos cruces dos dezaseisavos de final do torneo copeiro.
As casualidades quixeron que o Monterroso B – Ferreira fose posposto en ambas voltas. Na primeira por culpa dos incendios. O encontro recuperarase en Nadal con vitoria para o club de Ferreira (4-1).
Ademais destes sete partidos, xa había outro pendente na zona norte. O duelo entre o Castroverde e o Casás, que se suspendera ás portas do Nadal por culpa da neve que caera sobre a Veiga do Olmo. Este xogarase o Martes de Entroido, xusto despois de que os mesmos equipos protagonicen outro dos encontros da Copa.

Agora moitos clubs agardarán aos resultados do torneo provincial, para encadrar os duelos pendentes. Ese Martes de Entroido podería ser un día posible, pero non é festivo en todos os concellos da provincia. Algúns poderíanse xogar o xoves festivo 19 de marzo, día para o que están fixados os oitavos de final da Copa.
Outra data podería ser algúns dos días da Semana Santa, aínda que xa serán os cuartos da Copa. Ademais, adoita ser unha semana na que moitos xogadores aproveitan para descansar ante a escaseza de findes libres ao longo da temporada.
Non obstante, o Comité de Competición terá a última palabra. Nos próximos días daranse a coñecer as datas. A priori, aínda podería xogarse o venres festivo 1 de maio. Sería na véspera das semifinais do torneo provincial. A esas alturas faltarían dúas xornadas para finalizar a liga, o máximo permitido para recuperar citas pendentes.
Partidos aprazados
Coñecemos todos os detalles dos encontros xogados en #ONoso11AChaira. A semana pasada presentaba unha imaxe renovada e esta, por mor de desputarse só nove partidos, o once unifícase nun só que engloba toda a provincia.
De acabar agora a liga:
Ascenso directo: Riotorto e Becerreá
Promoción de ascenso: Guitiriz e Santa Comba
Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo de dous): Castroverde, Sober e O Páramo
Descenso directo: San Ciprián, Matela, Chantada B e San Lázaro
O Riotorto faise máis líder en Lugo
Décima segunda vitoria do Riotorto na temporada. Venceu ao Casás (2-4) e suma 39 puntos. A súa diferenza co seu inmediato perseguidor continúa sendo de catro, aínda que agora quen ocupa esa segunda praza é o Guitiriz. O Folgueiro queda a sete cun partido menos.
Pola súa parte, o Casás mantense na 13ª posición con 14 puntos, cinco máis que o Castroverde, o equipo que marca nestes momentos a zona de perigo. O 14º posto sería agora mesmo de arrastre neste grupo, a non ser que o equipo que xogue play off, suba.
Os locais comezaron gañando. Román marcou de penalti. Con todo, a reacción do Riotorto foi inmediata. En pouco máis de dez minutos marcaron tres goles. Empatou Xabi Tubío tras un balón parado pateado por Echavarri. Marcou o segundo Osky nunha boa acción colectiva e ampliou diferenzas Carlos.
Ao comezar a segunda metade, os visitantes sentenciaron cun tanto de penalti de Echavarri.
O Casás xa lle quedou pouca marxe de manobra. Conforme pasaron os minutos o Riotorto acusou máis o esforzo físico e os locais marcaron no tramo final por medio de Luis, pero xa non habería nin tempo nin forzas para buscar máis goles.
O Guitiriz alcanza o posto de promoción por primeira vez no curso
Dende o 8 de novembro non perde o Guitiriz. Acumula oito vitorias seguidas en liga, ás que se lle una outra na Copa Deputación. A última logrouna con goleada ante o Castroverde (0-6). Ao non poder xogar o seu partido o Folgueiro, o club guitiricense subiu ao segundo posto, o que dá acceso a xogar a fase de ascenso. Continúa a catro puntos do líder.
Mentres tanto, o Castroverde segue nunha situación complicada. É antepenúltimo, agora mesmo sería posición de arrastre e pasa a estar igualado coa zona de descenso directo que marca o Matela.
A pesar do resultado, a primeira metade foi igualada. Antes da media hora os visitantes puxéronse por diante ao aproveitar Adri Santamariña un erro defensivo. Preto do descanso, nunha gran acción colectiva o Guitiriz anotou o segundo por medio tamén de Adri Santamariña.
No segundo acto, os locais quixeron meterse no resultado, pero descoidaron realizar ben as tarefas defensivas e Roi Rivera marcou o terceiro. Acabou asinando un hat-trick ao aproveitar os espazos da defensa local. A conta foi redondeada por Labrada, o máximo goleador do Guitiriz no que vai de liga con 10 tantos.
O Alfoz afasta ao Xermade da pelexa pola promoción
O Xermade – Alfoz era un dos partidos da xornada. O resultado demostrou a igualdade entre dous bloques moi feitos na categoría. O triunfo do Alfoz (1-2) mantén aos pupilos de Javi Chinchón ben posicionados, a tres puntos do play off.
A cuarta derrota da tempada deixa ao Xermade na 7ª posición a oito puntos da promoción e a cinco do seu rival da pasada finde.
Os locais adiantáronse antes do tempo de lecer por medio de Jose Adega ‘Josito’. O futbolista pontés está vivindo unha gran campaña de cara o gol. Marcou o seu sétimo tanto nesta liga. Nesa primeira parte, o Xermade xerou máis ante un Alfoz que non se atopou cómodo.
No segundo acto, o club alfocense deulle a volta ao resultado. Con máis incisión en ataque, primeiro anotou Adrián Ramos logo dunha xogada a balón parado. A continuación, o autor do gol foi Adán Dorado.
O Matela revive na costa
Terceiro triunfo do Matela na tempada e segundo ante os equipos do concello de Cervo. En outubro gañoulle ao Sanci e a pasada fin de semana derrotou a Candelaria, que botou man da Veiga de San Cibrao ao non poder xogar na Granda. Todos as vitorias do Matela no curso son ante equipos da Mariña, xa que a outra lográraa ante o Folgueiro.
Os tres puntos dánlle aire ao club de Outeiro de Rei. Segue en descenso directo, pero xa igualado a puntos co seu antecesor, o Castroverde. A salvación agora mesmo, tendo en conta un arrastre, situaríase a cinco puntos.
A Candelaria mantense na zona media con 25 puntos, a dez do posto de play off e once por riba do antepenúltimo.
Non foi un bo partido dos locais. O Matela tivo as ocasións máis claras no primeiro tempo, principalmente en dous man a man nos que estivo seguro o gardamallas Jacobo.
Con todo, na segunda metade, nunha boa transición ofensiva, Mista adiantou á Candelaria. Non obstante, os visitantes non se viñeron abaixo e máis tarde, en apenas dous minutos, remontaron.
Primeiro marcou Jorge o seu décimo gol co Matela ao aproveitar un rexeite. Logo, cun disparo dende fóra da área, Torito puxo o segundo. Aínda tivo algunha opción máis o Matela para sentenciar, nun encontro no que estivo moi seguro atrás, cun gran papel do central Iván Matías.
A Candelaria quedou cun xogador menos nos úlimos intres ao ser expulsado o dianteiro Manu Martínez.
O Cabreiros alcanzou os 30 puntos ao vencer no Acebreiro
Volveu ao camiño da vitoria o club da parroquia xermadesa do mesmo nome. Derrotou ao Pastoricense (2-3) para sumar décima vitoria da tempada. O Cabreiros non empata e suma cinco triunfos na casa e outros cinco fóra. O play off queda a cinco puntos.
O sétimo encontro sen gañar do Pastoricense sitúao na 11ª praza con 19 puntos. Agora mesmo tería dez puntos de marxe con respecto a zona de arrastre e descenso directo.
O Pastoricense tratou de levar o peso do xogo. Con todo, foi Hugo Sánchez quen marcou o seu primeiro gol co Cabreiros tras fichar neste mercado de inverno. Aproveitouse dun erro defensivo local. Non perderon ese dominio os da casa e chegaron con claridade á área rival. Dani empatou superada a media hora de xogo.
O fútbol vertical e de contraataque do Cabreiros surtiu efecto tamén no segundo tempo. Alberte Ledo e Joan Tembrás volveron poñer aos seus por diante.
Preto do final, Manu marcou o segundo para o Pastoricense, que desperdiciu un balón parado ao final co que puido igualar.

Unha das novas da semana na categoría é a saída de Rubén Sanjurjo ‘Piru’ como adestrador do San Roque. O técnico pon fin a esta etapa con dúas tempadas e media dirixindo o conxunto sénior. Agora farase cargo do Xove Lago na Primeira Futgal. Será o terceiro preparador do cadro xovense este curso, despois de Santi Silvar e Fran Caínzos.
Un gran Páramo só puido empatar co Antas
O Antas, 6º, foi o primeiro equipo situado máis arriba na clasificación que puido xogar o seu encontro da finde. Igualou nas Rapadas (1-1). Os pupilos preparados por Brais Rozados quedan a dez puntos da promoción, a espera de que os seus rivais recuperen o seus partidos.
É o primeiro punto de Marino dende que dirixe ao Páramo dende o Nadal. Nas dúas anteriores xornadas o conxuntos perdera pola mínima en Santa Comba e en Friol. O equipo segue na antepenúltima posición, a cinco dunha salvación sen pensar en posibles arrastres.
O Antas buscou as transicións ofensivas para atacar. Tras uns minutos de igualdade, os locais xeraron varias ocasións para poñerse por diante. Con todo, foi o cadro visitante o que se adiantou por medio dunha falta directa da autoría de Portu.
No segundo tempo, o Antas quixo anotar o segundo. Sen grandes ocasións, O Páramo volveu apretar máis. Os visitantes achicaron balóns atrás ata os instantes finais, nos que Zouma logrou o gol do empate nunha xogada embarullada na que o Antas pediu fóra de xogo.
O Palas devólvella ao Sober
O Sober – Palas da primeira volta fora aprazado polos incendios de setembro no sur da provincia. O encontro recuperouse na Ponte da Constitución e o Sober venceu pola mínima. Menos de dous meses despois ambos conxuntos citáronse nos Chacotes. Desta vez, foi o Palas o que venceu 1-0.
O resultado deixa ao club palense na 7ª posición, con seis puntos de marxe sobre o seu rival. O Sober marca precisamente a zona de perigo no caso de que haxa dous arrastres. Con todo é unha zona moi igualada.
Foi un encontro igualado e trabado, con moito balón aéreo. Álvaro tivo a mellor ocasión local no primeiro tempo, pero o seu lanzamento petou no pau.
Sen grandes diferenzas no segundo tempo, o gol foi do pouco reseñable no segundo tempo. Javi Ouro definiu ben ante Macía e o Palas quedou cos tres puntos.
Un empate que lle serve máis ao Paradela que o San Lázaro
O San Lázaro igualou ante o Paradela (1-1), despois de adiantarse no marcador. O conxunto capitalino sumou o seu décimo punto no que vai na temporada e continúa como último clasificado. Saír do descenso directo está a catro puntos e non pasar problemas por posibles arrastres a nove.
O Paradela fica na zona media, 8º con 23 puntos, os mesmos que o Palas. Sepárano seis puntos da posible zona perigosa polos arrastres.
Os pupilos preparados por Manel Díaz levaron o dominio do xogo na maior parte do partido. Gozaron de oportunidades para adiantarse xa no primeiro tempo, pero o gol non chegou ata ben avanzado o segundo tempo por medio de Fer. Antes do 90, nun erro local, Camilo marcou o tanto do Paradela.
O Friol prolonga a súa reacción
O cadro friolés escala posicións na táboa co cuarto triunfo consecutivo. Derrotou a Sarriana B (0-1) cun gol nos últimos intres. Precisamente empata en puntos co filial da Sarriana (20 pts.) e tamén co Portomarín. Nunha zona moi igualada, ambos equipos quedan con tres puntos de marxe con respecto ao Sober, que agora mesmo marcaría esa zona de perigo por mor dos arrastres.
A Sarriana B presentouse o encontro con tan só doce xogadores. As baixas, o encontro do xuvenil e a convocatoria de Carlos Dono e Rubén co primeiro equipo, deixaron ao filial en cadro. Comezou manexando ben o balón. Pouco a pouco o fútbol foi máis directo e as ocasións máis claras chegaron antes do paso polos vestiarios para o Friol.
No segundo acto, os xogadores adestrados por Martín foron máis a polo triunfo. As boas paradas de Víctor Arosa e os paus evitaron que se adiantaran antes. No tempo extra chegou o gol da autoría de Brais Burgo. O central de Córneas tivo boa vista para rematar nunha acción a balón parado.


