#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

SD Antas, CD Lugo ‘B’ e SD Chantada estréanse puntuando

  • A pasada fin de semana deron o pistoletazo de saída os catro equipos lucenses que militan en Segunda Futgal
  • Repasamos os partidos do CD Lugo e PM Friol, que tamén xogaron na Terceira Federación

Comezou a Segunda Futgal. No Grupo 1, os filiais do CD Lugo e do PM Friol tiveron sortes distintas.

O filial albivermello comezou a tempada ante a SD Tordoia na casa. A primeira parte foi de claro dominio lugués, algo que tamén amosaba o luminoso cun 2-0 (Ánxela 24′ e Xiana no 36′) que facía xustiza ó bo xogo que estaban a despregar as xogadoras do CD Lugo B.

Porén, a medida que avanzaba o segundo tempo o equipo íase desinflando, a circulación de balón e as ideas das xogadoras lucenses íanse facendo cada vez máis escasas, de maneira que chegou o 2-1 no minuto 47′. O golpe asestado polo Tordoia minou aínda máis a moral das luguesas, que xa perderan o brillo do seu xogo na primeira parte. Así, Luci Grela poría o 2-2 final para asinar un empate que sabe a pouco en Lugo.

Pola súa banda o filial friolés visitaba a un ‘vello coñecido’ rival, a UC Cee, cun equipo moi físico e cun campo moi grande ó que moitos equipos non están acostumados. O filial do PM Friol acusou a xuventude de moitas das súas xogadoras, aínda en idade cadete, que non puideron facer fronte ó físico das ceenses.



Aliñación titular do PM Friol B. Foto cedida.

As friolesas sabían antes do partido que ían a sufrir, e así foi. Xa na primeira parte o equipo local tivo moitas oportunidades con varios balóns ó pau e numerosos saques dende o curruncho. Xa no segundo tempo chegou o gol de Paula (64′) para abrir o marcador e adiantar ó Cee. Porén, a reacción do PM Friol non tardou en chegar. As friolesas sacaron dende o medio campo e armaron unha xogada para que Leiras (65′) puxera o empate no luminoso.

Con este tanto as xogadoras do Perruquería Mixta viñéronse arriba e conseguiron dominar o balón e tamén chegar con perigosidade á área rival. Quiroga deu ordes de atacar ás costas das defensoras con transicións longas e as liñas moi adiantadas para que Lidia e Carla trataran de marcar. Porén, a falta de 10 minutos para o asubío final e cunha xogadora menos por mor dunha lesión e xa sen cambios, Nerea anotou para o Cee o 2-1 definitivo.

No Grupo 2 da segunda futgal SD Antas e SD Chantada pecharon a xornada puntuando

As seoanesas dirixidas por Dani Abelairas desprazáronse ata a costa para enfrontarse ó AT Villalonga B nun partido no que a SD Antas amosou ter as ideas moi claras e comeza a liga con bo sabor de boca. O partido arrincou cun roubo de balón de Maite na primeira xogada, que filtrou á fichaxe estrela, a dianteira Jenny (3′) procedente do Carballedo, que definiu con facilidade adiantando ás ulloáns no marcador.



O equipo local tratou de reaccionar amosando un xogo moi competitivo, pero a SD Antas mantívose ben posicionada e o Villalonga non era quen de atopar ocos por onde crear perigo á portería de Ángela. Mentres tanto, en cada balón que chegaba á liña de ataque das seoanesas Dana e Jenny anunciaban o perigo das súas botas en Sanxenxo.

Aliñación inicial da SD Antas. Foto: Dani Abelairas.

Despois do tempo de descanso a SD Antas saiu aínda mellor ó céspede. A presenza de xogadoras celestes ó borde da área lilaína era continuo e perigoso. Así chegou o segundo tanto do partido, de novo a partir dun roubo, nesta ocasión de Nuria, que filtrou un pase para que Jenny (49′) se volvera a plantar nun cara a cara coa gardameta á que bateu con facilidade. O terceiro gol chegou tamén dende as botas de Jenny, que con outro roubo de balón deu a asistencia a Melanie (63′) para que esta puxera o 3-0 definitivo no luminoso.

A SD Chantada estreábase na casa con Nieves ó temón do equipo. As chantadesas recibiron no Sangoñedo ó CD Valladares nun partido moi irregular para ambos conxuntos. No primeiro tempo as vermellas conseguiron ter momentos de dominio de balón e de partido, mais sen ser quen de anotar e sen ocasións demasiado claras. Porén, o CD Valladares tampouco conseguía sentirse cómodo nin achegarse con claridade á área das locais. O encontro foise un 0-0 ó descanso.

Xa na segunda metade, o partido seguía coa mesma dinámica. A SD Chantada trataba de filtrar o balón arriba con pases en longo cara Ángeles ou con xogadas polas bandas que saían dende as botas de Laura Caseiro cara a novísima Saray ou que, xogando polo medio campo, Rocío tentaba filtrar para Eva. Porén, foi o Valladares quen se adiantou no marcador cun gol no minuto 58′ de Yolanda Díaz.



A partires dese intre a SD Chantada acusou un maior nerviosismo e custáballe reter o balón e poder crear perigo na portería rival. Nieves daba indicacións dende o banco para tratar de corrixir erros e recuperar o bo xogo que o equipo amosara antes do gol rival. Pouco a pouco a SD Chantada foise recompoñendo e chegando con maior perigosidade á área do Valladares. Así chegou un córner no que Laura puxo o balón á altura perfecta para que Ángeles (81′) amosara, tamén nesta tempada, que os seus remates coa testa son case garantía de gol para a SD Chantada, poñendo o empate (1-1) no marcador.

Saray controla un balón na banda. Foto: Eva R. Argiz
Saray conduce un balón na banda. Foto: Eva R. Argiz
Celebración das xogadoras da SD Chantada. Foto: Eva R. Argiz
Celebración das xogadoras da SD Chantada. Foto: Eva R. Argiz
Celebración das xogadoras da SD Chantada. Foto: Eva R. Argiz
Celebración das xogadoras da SD Chantada. Foto: Eva R. Argiz
Gol de Ángeles para a SD Chantada. Foto: Eva R. Argiz

Co gol, as de Nieves aumentaron a confianza e o balón fluía mellor entre as xogadoras vermellas. Porén, nos últimos suspiros do encontro o Valladares recuperou un balón que deixou á súa dianteira soa nun man a man ante Andrea Novoa. A porteira chantadesa sacou un pé que case leva a crer nos milagres para desviar o balón e facer que a SD Chantada puidera puntuar nesta primeira xornada de Liga.

Cara e cruz para PM Friol e CD Lugo na Terceira Federación

O PM Friol sumou a súa segunda vitoria no segundo partido de liga. Mais as sensacións que deixou o equipo dirixido por Ángel Villar non foron boas.

O 3-0 das friolesas, con goles de Potassa (33′), Yoleidis (83′) e Leticia (90′); amosan un resultado máis abultado do que se vía no campo. O PM Friol comezou o partido acelerado e a medida que o encontro avanzaba a ansiedade non ía a menos. Co seu rival, o Romanón, metido atrás as friolesas non se atopaban cómodas no campo nin eran quen de despregar o seu xogo. Aínda que chegaron en numerosas ocasións á portería rival, non conseguían anotar.

A ansiedade que amosaban en todas as liñas do xogo non se disipaba ante os paus da portería rival, onde acusaron ese nerviosismo fallando ocasións claras, sen ser quen de pór en acción o que Ángel Villar e as súas xogadoras demostran durante a semana nos adestramentos.

As friolesas quedan cos tres puntos e con ganas de facer ver a súa mellor versión a vindeira fin de semana.

Pola contra, o CD Lugo caeu na súa visita a Bóveda de Toro. As condicións do campo marcaron o partido, xa que o balón era ingobernable e a mobilidade das xogadoras no campo víase moi condicionada. Isto fixo que na primeira parte ningún dos conxuntos fose quen de xerar apenas ocasións e que o único gol dese tempo chegase por medio dunha falta directa que a xogadora bovedana, Marta Crespo, puxo no fondo da rede no 17′.

A segunda metade foi un continuo ir e vir de oportunidades claras para ambos equipos. Un partido tolo, cos equipos moi desordenados xogando ó contragolpe; do que saiu claramente perxudicado o CD Lugo ante unha Bovedana moito máis efectiva nas súas ocasións e castigando, se cadra máis do merecido, ó Lugo cun 4-0 no marcador que un gol de Yanire (92′) xa no desconto maquillou para firmar o 4-1 final.

Resultado duro o que reflicte o luminoso que castiga, de máis, un partido no que o Lugo non mereceu gañar, pero tampouco sucumbir por tantos goles.

O que nos agarda na próxima xornada

Na Terceira Federación:

  • Olímpico de León – PM Friol
  • CD Lugo – CD Parquesol

Na Segunda Futgal (Grupo 1):

  • PM Friol B – UD Carral
  • UDJ Almeiras – CD Lugo B

Na Segunda Futgal (Grupo 2):

  • SD Antas – SD Chantada

son rumores

En teoría, CarballedoMilagrosaMonteforteComercial San Lázaro comezan esta fin de semana a liga, porén, á hora que se publica este artigo corre o rumor de que, quizabes, a Terceira Futgal teña que adiar o seu inicio unha semana máis.

CD Lugo, PM Friol, SD Chantada, SD Antas

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *