A SD Antas certifica con vitoria o seu ascenso
-
- 0
- 7min de lectura
Xornada 30 de Terceira RFEF e derbi, para rematar a tempada por todo o alto. O CD Lugo recibía no seu campo ao PM Friol, ambos equipos coa permanencia asegurada e sen aspiracións de ascenso, polo que o partido se agardaba todo o tranquilo que pode ser un derbi, e así o foi.
Tanto nas bancadas como no verde, o encontro decorreu con normalidade e sen demasiada intensidade no xogo. Sería o PM Friol o que abriría o marcador cun tempraneiro gol. O CD Lugo axiña tivo unha ocasión clara para empatar o encontro nun man a man no que Sara, a porteira friolesa, salvou ao seu equipo do gol que poría as táboas no luminoso.
As albivermellas gozaron, así mesmo, doutro par de ocasións claras, mais o Lugo acusou unha maior falta de efectividade que as friolesas, que si foron quen de anotar.
Xa na segunda parte, nos primeiros minutos, o CD Lugo saiu ao campo mellor, con máis intensidade e concentración e poñendo en máis dificultades ao PM Friol, pero as luguesas seguían sen acerto algún de cara a porta, polo que de pouco valía o dominio noutros aspectos do xogo.
A partires de aí, as principais ocasións tívoas o cadro amarelo, que coma o resto da tempada, acusou a falta de efectividade para conseguir unha diferenza máis abultada do 0-3 final malia as numerosas ocasións que tivo de gol.
Caniço, que volvía dunha lesión tras dous meses, xogou os 90 minutos do encontro e, ademais, certificou que a súa calidade non mermou neste tempo. Dous goles para a xogadora do PM Friol no último partido de Liga.
Con este resultado, o CD Lugo remata a tempada no 13º posto da táboa, con 7 vitorias, 3 empates e 20 derrotas nas 30 xornadas da competición. Pola súa banda, o PM Friol certifica o seu 7º posto, con 16 vitorias, 4 empates e 10 derrotas durante a liga.
Co comezo do partido o CD Lugo B amosou a súa clara intención de dominar o encontro, e así o fixo durante toda a primeira parte.
O filial lugués tivo varias oportunidades con tiros a porta dende fóra da área, pero sen demasiado perigo para a porteira rival. Porén, o Orillamar deu un golpe sobre a mesa nun contraataque no que pillaron ás albivermellas descolocadas e abriron así o marcador, 1-0, grazas a un disparo dende fóra da área.
Xa na segunda parte, o CD Lugo conseguiu frear todo intento de crear perigo do Orillamar e, ao tempo, conseguía crear ocasións claras para empatar o partido, pero o balón non entraba.
A falta de 5 minutos para o final, nunha xogada combinativa que comezou dende as centrais luguesas e rematou nos pés de Xiana, convértese nun auténtico golazo que serviu, ademais, para darlle un máis que merecido punto ás albivermellas.
Un dos fortes da categoría, o Pastoriza (2º), derrotou con claridade ao PM Friol cun 2-7 ao remate do encontro.
Porén, o partido tivo dúas fases. Durante a primeira parte as amarelas conseguiron competir contra un rival que xa ten certificado o seu ascenso, o que demostra o seu nivel e, ademais, facelo cun equipo pragado de baixas e sen apenas cambios.
Aínda así, o PM Friol B conseguiu xogar de ti a ti ao Pastoriza durante a primeira parte e, incluso, xerar xogadas de perigo malia que o Pastoriza xa dominaba a posesión do balón grazas a que as de Quiroga se dispuxeron no campo nunha posición moi adiantada.
Porén, non puideron manter ese nivel na segunda parte, na que o Pastoriza castigou con moitos goles a falta de ánimo e forza que as friolesas amosaron despois do 2-4. Unha mágoa para o filial friolés rematar así o que foi o seu último partido da tempada na casa.
A SD Antas impúxose ao FC Porriño no Castro Seoane con catro goles malia a falta de eficacia en área rival, que fixo que o partido chegase ao descanso con empate no luminoso.
As xogadoras dirixidas por Dani Abelairas provocaron numerosas ocasións, pero anotar custáballes dada a falta de acerto en área rival e polos problemas no último pase.
Xa na segunda metade, a SD Antas saiu moito máis enchufada. A primeira ocasión teríaa Nuria, que avisaría cun disparo que rematou na cruceta tras unha boa xogada individual na primeira acción da segunda metade.
Sería Lucía a que poría a maxia para picar un balón ás costas da defensa que Jenny, cun bo desmarque, consegue levar ata a área e bater á meta rival con facilidade para abrir a lata dos goles.
A propia Lucía sería a encargada de anotar o 2-0, o gol da calma para as aspiracións das ulloás, colendo un rexeitamento dentro da área e enviando o balón ata o fondo da rede.
O dominio da SD Antas era total e as ocasións sucedíanse con moita velocidade e ritmo de xogo. Jenny sería a encargada de volver anotar grazas a un bo golpeo e, Elisa, encargouse depechar o marcador cun golazo grazas a un gran golpeo lateral.
A SD Antas firma unha gran segunda parte no seu último partido na casa, nun Castro Seoane ateigado para acompañar ás súas xogadoras nunha tempada que, de seguro, quedará na lembranza.
Partido sen opcións para a SD Chantada no Carballiño que sucumbiu cun abultado 16-0 na Uceira.
Xa no primeiro minuto o Arenteiro abría a lata dos goles cun tanto de Noelia Fariñas. A partires de aí, uníronse á festa goleadora Ester Méndez (19′), Saleta Pérez (25′), María Juan (27′), Ainara Freiria (33′), Noelia Fariñas (40′), María Juan (41′), Lucía Expósito (51′), Ester Méndez (57′), Chiquinquira de los Ángeles (64′ e 70′), Lucía Expósito (75′), Noa Fírvida (78′), Ester Méndez (82′), Chiquinquira de los Ángeles (84′ e 89′).
Tal e como amosa o marcador final, 0-8, o Monte Forte dominou de principio a fin o encontro, impoñéndose con claridade ante un Resmón que pagou con creces as baixas significativas de varias xogadoras.
Dende o primeiro minuto, o Monte Forte fíxose co dominio do balón para a partir del, crear xogadas de calidade que rematarían, na súa meirande parte, en gol.
Tras o paso polos vestiarios, as monfortinas seguiron tocando moito máis o balón e evitar así que o Resmón tirara nin unha soa vez a porta.
Paula Pérez, ‘Paulita’ (6′, 24′, 31′ e 75′), Laura Correas, ‘Moji’ (10′, 66′ e 68′) e Noa da Rocha (55′) foron as autoras dos tantos da goleada.