Chega un novo Tres en Raia O Cantón e faino con só dous triunfos lucenses. Na Terceira RFEF, a Sarriana foi quen de vencer no campo do Boiro, mentres que o Racing Vilalbés acadou un valioso punto no feudo do Arousa. O Polvorín cedeu na súa visita ao Arteixo e o Viveiro fixo o propio no campo do Villalonga.
Na Preferente só o Lemos foi quen de gañar. Fíxoo na Pinguela fronte ao Miño. Positivo tamén o punto colleitado polo Pol no Juan Baleato diante do Dubra. O Ribadeo prolonga a súa mala xeira tras perder na casa co Negreira, mentres que o Escairón caeu goleado diante do Paiosaco.
O Racing Vilalbés suma un punto no campo do Arousa e segue colíder (1-1)
A primeira metade foi de dominio local. O Arousa fíxose co control no medio do campo e chegou á área rival con perigo. Aos dez minutos, o ex fabrilista Hugo Villaverde finalizou de xeito maxistral unha boa xogada. Os de Michel Alonso seguiron creando moito perigo ante a portería de Álex Santomé. Duque, con pasado no Polvorín e no Racing, estrelou o balón no pao. Rivera e Martín Diz tamén estiveron preto do gol.


Alberto López revolucionou ao equipo no descanso con tres trocos. Barroso, Cadra e Javi Varela ingresaron no terreo de xogo e o Racing Vilalbés dominou por completo o segundo tempo. Barroso e Jose Varela foron dous puñais polas bandas e Anthony e Javi Rey déronlle máis presencia na área aos chairegos. Make, Cadra e o propio Anthony contaron con boas ocasións para lograr o empate. Este chegou tras un rexeite de Álex Vila que aproveitou Cadra. A falta de acerto cara o gol no tramo final privoulle ao Racing Vilalbés de acadar os tres puntos.
A Sarriana supera as adversidades en vence con claridade en Barraña (0-2)
Con Iván Noé Castro no banquiño de xeito interino e con varios xogadores do filial na convocatoria, a Sarriana superou con claridade a un Boiro que xa está en postos de descenso. O ribadense Dani Pedrosa foi o único xogador local que probou sorte nos primeiros compases, pero a Sarriana colleu o mando do partido e xa non o deixou ata o final. Malia o embarrado do céspede os sarriaos practicaron un bo fútbol combinativo. Antes do descanaso Álex Millán abriu o marcador tras un bo servizo de Boedo.

Nada máis voltar de vestiarios de novo Boedo foi protagonista. O atacante levou unha contra que el mesmo finalizou e puxo terra de por medio no marcador. Nos minutos restantes a Sarriana seguiu levando perigo perante a portería de Borja Rey, pero o marcador non se moveu.
Un gol no último intre de encontro deixa ao Polvorín sen puntos na Ponte dos Brozos (1-0)
O filial albivermello saiu mellor ao campo e buscou as súas opcións de gol en chegadas por banda nas que os extremos buscaron ao goleador Maceira, que neste encontro non foi quen de marcar e co paso dos minutos o conxunto local comezou a gañar protagonismo no choque, aínda que sen xerar ocasións claras de gol. Rubal e Raúl Paz contaron con boas opcións para adiantar ao Polvorín que non foron quen de concretar.
Tras o paso por vestiarios, o encontro tivo alternativas nas que ámbolos conxuntos puideron marcar. Os de David Páez tiveron a súa mellor ocasión nas botas de Sobrido e o Arteixo tentouno por medio de Otero e Rojo. O único tanto do partido chegou no tempo de desconto. Un erro colectivo do Polvorín aproveitouno o Arteixo para gañar o encontro nunha rápida transición que finalizou José Ramón tras un bo centro lateral.
O Viveiro amosa a súa fraxilidade defensiva e perde no campo do Vilalonga (4-2)

Estreitase a marxe do Viveiro cos postos de descenso tras a dura derrota dos celestes no feudo dun rival directo como é o Vilalonga. Os mariñáns, con Andrés Fernández como adestrador interino á espera da chegada do leonés Adrián Benavides, non foron quen de sumar. Marcos abriu a lata para os locais e pouco máis tarde Giammatei igualou o marcador. Antes do intermedio Rachu rematou un bo centro lateral convertindo o segundo tanto, que premiou a insistencia dos locais.
Tras o descanso chegou o terceiro tanto local, obra do debutante Hugo Abalo, que superou a Ayoub na súa saída. Arturo recurtou diferencias pero moi pouco despois, de novo Rachu, sentenciou o choque.

O Lemos remonta fronte ao Miño e suma tres puntos vitais (2-1)
Primeira vitoria da nova era Edu Rodríguez na Pinguela. O Lemos realizou un bo partido e tivo controlado ao seu rival en todas as facetas do xogo. Malia todo foi o Miño o que se adiantou no marcador por medio de Thiago nun saque desde o curruncho mal defendido polos monfortinos. Noutro córner chegou o empate. Diego Torres sacou e Carrasco cabeceou inapelable ao fondo da portería. Os locais contaron con tres boas ocasións antes do descanso por medio de Diego Torres, Armesto e Luis, pero non atoparon portería.
No segundo tempo, o Miño tivo quince minutos de dominio total no que o Lemos sufriu, sobre todo a nivel físico. As ocasións visitantes non entraron e xa preto do final nunha rápida transición levada por Castro finalizouna Adri Salgado. Un gol que valeu tres importantes puntos para afastarse da zona de perigo.
O Pol supera o aluvión de baixas e suma un valioso punto no campo do Dubra (2-2)
Os chairegos dominaron por completo o primeiro tempo. Ata nove córners chegaron a sacar os de Manolo García que contaron con boas ocasións para marcar e parecían non acusar as numerosas baixas coas que afrontaban o partido. O Dubra apenas chegou ás inmediacións da portería defendida por Manu Cedrón.
A segunda metade comezou da mellor maneira ao transformar Iago Buján un claro penalti. Co gol en contra o Dubra deu un paso adiante e contou cuns minutos de claro dominio. Os locais foron quen de remontar en tan só dous minutos con goles de Martín e Javi Domínguez. O Pol non se veu abaixo e volveu a facerse co mando. Samu igualou o encontro cun golazo desde a frontal da área. Nos últimos intres os visitantes tiveron que xogar con dez ao ver Alesito o segundo cartón amarelo.
O Ribadeo colleita a terceira derrota consecutiva diante do Negreira (1-2)
Non comezou ben o 2025 para o Ribadeo. Os de Luchi non coñecen a vitoria no novo ano e achéganse con certo perigo aos postos de descenso. Os mariñáns non estiveron cómodos sobre o céspede do Pepe Barrera. O Negreira tivo máis o balón nun primeiro tempo de baixo ritmo e escaso de ocasións. Javi Pita solventou as escasas chegadas con perigo dos visitantes e Mario cabeceou preto do pao á saída dun córner. Foron os únicos achegamentos ás áreas ata que Castrín conectou ben con Álex Meitín e Angelo derribou ao xovense dentro da área. O propio Álex Meitín non errou desde os once metros.
Tras o intermedio o técnico visitante moveu o banquiño e o Negreira era quen de xogar en campo contrario. Malia todo o Ribadeo non sufría en exceso e Kevin Pierre rozou o segundo nunha rápida transición na que o balón bateu no pao. Do que puido ser o 2-0 pasouse ao 1-1. Na seguinte xogada Juan de Celia rematou de cabeza ao fondo da portería. As desgracias non soen chegar sóas. Tan só un minuto máis tarde Mario viu o segundo cartón amarelo e o Ribadeo afrontou a última media hora con dez. Javi Pita estivo moi seguro ao deter un man a man diante de Gonzalo e na outra área Álex Meitín puxo en serios apretos a Jose cun remate á reviravolta. A falta de cinco minutos para o final Gonzalo rematou de primeiras un centro lateral ante o que nada puido facer Javi Pita.
Os erros defensivos condean ao Escairón na Porta Santa (4-0)
O Escairón realizou un encontro de máis mérito que o que indica o marcador final. Os de Brais Prados tiveron momentos de bo fútbol diante dun conxunto chamado a cotas maiores na Preferente. Sen apenas conceder ocasións de gol dúas perdas de balón en campo propio remataron con dous goles do conxunto local. Pablo e Jorge Raña axusticiaron a un Escairón que pagou moi caros os seus erros.
O segundo tempo comezou do peor xeito. Unha mala cesión dun defensor ao recén incorporado Macía rematou co terceiro tanto. Jorge Raña convertiu o seu doblete con só empurrar o balón ao fondo da portería. Ese tanto rematou coas esperanzas dos do Saviñao que non foron quen de recurtar diferencias con case toda a segunda metade por diante. No último tramo de partido, Dani Carnota anotou o cuarto e definitivo tanto.
