O Racing Villalbés firmou na xornada da pasada fin de semana un empate nun dos campos máis emblemáticos do fútbol galego, o estadio Vero Boquete de San Lázaro. Un encontro sen goles que manten ao conxunto chairego nunha loita pola promoción na que está inmersa a práctica totalidade da liga, xa que as diferencias son mínimas entre toda a zona media. Os de Juan Rodríguez encarrilan este tramo con ilusión para tratar de voltar a un playoff.
No mercado invernal, un dos seus reforzos foi o defensor Santi Prado, que chegou desde a UD Ourense e deu un rendemento inmediato desde que pisou por primeira vez A Magdalena. O defensor pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do partido ante o Compostela, a súa chegada a Villalba e a loita pola promoción de ascenso.
Entrevista a Santi Prado do Racing Villalbés
Partido ante o Compostela: «Foi un partido bastante desputado. Estivemos moi ben en defensa, o que é moi importante ante equipos da parte alta. Estou contento co traballo do equipo porque foi moi bon».
Chegada ao Racing Villalbés: «Foi bastante sinxelo. Eu quería xogar porque non tiña moitos minutos na UD Ourense e quería saír. Deuse a opción porque Juan expúxome o proxecto e gustoume moito. Non mo pensei dúas veces a verdade. O vestiario é moi bon e está moi unido. Hai xente moi importante na categoría e estou moi contento».

Loita pola promoción: «As segundas voltas non son sinxelas e hai exemplos nesta liga. Vemos a loita con calma indo partido a partido, hai moitos equipos que se queren meter nese oco. Creo que nós estamos calmados, queríamos salvarnos e neste tramo final queremos soñar cunha nova promoción».

