San Lázaro e Milagrosa seguen puntuando

Xornada con partidos para ambos equipos da Segunda Futgal e tamén para o Monte Forte, que caeu ante o Cruces.

O San Lázaro imponse a un dos cocos da categoría, o Corme

Recibían na casa as celestes a un Corme terceiro na táboa. O encontro, como se agardaba, foi moi desputado entre ambos equipos e así o reflectiu tamén o resultado final, con vitoria pola mínima para as lucenses, 1-0.

As xogadoras da Milagrosa celebran a vitoria ante o Corme. Foto cedida

O San Lázaro saiu ao verde concentrado e enchugado, sabendo manexar ben as posesións das que desfrutaba, creando perigo; pero tamén sabendo sufrir cando era o Corme quen amenazaba co seu bo xogo ás costas da defensa celeste.

Malia ter numerosas ocasións para anotar, ás de Rubén Candal resistíaselles o gol. Só a transformación do penalti por parte de Mireia rematou por subir ao luminoso nun partido no que, na segunda parte, foi o Corme o que dominou. Porén, as lucenses amosaron saber manexar a situación e os nervios para facer valer o resultado favorable co que remataran na primeira parte e sumar, unha xornada máis, outra vitoria e os 3 puntos.

A Milagrosa colleita un empate agridoce

As xogadoras dirixidas por Héctor Expósito comezaron ben o encontro, traballando ata conseguir poñérse cun 0-2 favorable ante o Eirís grazas aos tantos de Gabi e Ángela nos primeiros minutos da segunda parte.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o Eirís a domicilio. Foto cedida

Porén, no minuto 67 chegou o gol do Eirís das botas de Carolina. A Milagrosa continuou dominando no partido e no marcador ata o minuto final. Cando o partido semellaba xa sentenciado outorgando unha nova vitoria ás milagrosistas; unha xogada desafortunada rematou con gol en propia porta de Seguín, privándoas da vitoria.

Un curto Monte Forte non pode facer máis ante o Cruces

Derrota 4-2 das dirixidas por Meilán na súa visita ao Cruces nun partido do que, malia o resultado, estar orgullosas. As monfortinas presentáronse sobre o verde co mínimo: 11 xogadoras e ningún cambio.

Por se isto fose pouco, aínda que as lemesas saíron ao campo amosando un bo xogo, foi o Cruces quen se adiantou no minuto 9 con gol de Lucía, no 21 Nerea aumentaba a vantaxa e no 27 de novo Lucía anotaba para pór xa o 3-0 no marcador.

Malia todas as adversidades, as lemesas amosaron unha mentalidade e actitude admirables. Aínda despois de encaixar o 4-0 co terceiro gol de Lucía no m. 54; as de Meilán continuaron loitando sobre o campo, sen baixar nunca os brazos. Así, Moji recurtou distancias no m. 72 e Paula fixo o propio no m.86 para maquillar un resultado, 4-2, nunha derrota na que as lemesas poden saír orgullosas.