Rubián e Taboada B, dous candidatos para unha soa praza de ascenso directo

Dous partidos nun só. O Anexo A Medela e O Poste coparán as miradas este domingo día 29 de marzo ás 17 horas, nunha derradeira xornada da fase regular na Terceira Futgal que se desputará en horario unificado. Nela decidirase quen acompañará de xeito directo ao Corgo o vindeiro ano en Segunda Futgal: Rubián ou Taboada B.

RUBIÁN – INCIO

O Rubián parte con vantaxe. O conxunto adestrado por Senén López é segundo con trinta e cinco puntos, un máis que o seu rival polo ascenso e recibo no seu feudo ao Incio, conxunto que ocupa o quinto posto na táboa, lugar que manterá independentemente do resultado deste encontro. Os do Carboeiro xogarán o play off polo ascenso e tentarán poñerlle as cousas difíciles a un Rubián que sabe que unha vitoria outórgalle de xeito matemático o ascenso de categoría.

En caso de empate, o Rubián só subiría se o Taboada B non acada a vitoria. Se o Rubián perde só ascendería se o Taboada B tamén o fai, xa que en caso de empate a puntos habería que acudir ao gol average xeral e este favorece ao filial (o gol average particular está igualado).

Senén López (Adestrador do Rubián)

O partido decisivo. «Afrontámolo con ganas e ilusión como non podería ser doutra maneira. Xogamos no noso campo e sabemos que si gañamos ascendemos. Estamo con moral e con moitas gañas de acadar o obxectivo. Temos que tentar manter a portería a cero. Si o logramos estou convencido que acadaremos a vitoria porque normalmente somos quen de marcar«.

Depender de un mesmo. «Os xogadores están mentalizados, saben do que son capaces. Na primeira volta fomos capaces de gañar no Carboeiro e somos conscientes do que podemos dar. Os futbolistas son optimistas e saben que debemos sacar os tres puntos si ou si no partido máis importante da temporada«.

O ascenso. «Para o Rubián ascender significa voltar á súa categoría, da que nunca deberíamos ter baixado. Lastráronnos moito as lesións, sobre todo a de Iván Vilar, que era un dos nosos mellores xogadores e non puidemos contar con él en toda a temporada. Ogallá podamos voltar este ano e consolidarnos en Segunda«.

RELÁMPAGO TABOADA – TABOADA B

Un derbi pra decidir un ascenso. O filial parte nesta última xornada desde a terceira praza e precisa acadar un mellor resultado que o Rubián para que o domingo remate en festa na Medela. Malia todo, se os de Jacobo Vázquez ascenden de xeito directo ou o fixeran no play off, a súa participación na Segunda Futgal pasaría pola permanencia do primeiro equipo en Primeira (na actualidade ocupa praza de descenso a dous puntos da salvación).

Enfronte estará un Relámpago que só pon en xogo a honra e a posibilidade de manter a oitava praza, xa que, en caso de derrota podería superalo o Bóveda se é quen de vencer no campo da Piringalla.

Jacobo Gómez (Adestrador do Taboada B)

Unha final. «Temos moitas gañas e chegamos moi concentrados. Sabemos o que significa un derbi para nós e para a afección e temos que saír a polos tres puntos desde o primeiro minuto. Debemos ter paciencia e imprimir un ritmo alto de xogo para desordear ao Relámpago. É importante chegar con bastajnte xente ás zonas de remate e poder finalizar as xogadas para evitar o perigo nas contras«.

Coa vista no Poste. «Malia que non dependemos de nós mesmos non podemos desviarnos. Se temos na cabeza o que pasa no campo do Rubián teño claro que vai ser complexo que academos os tres puntos. O que lles transmitín aos xogadores é que tiñamos que facer os nosos deberes e despois, obviamente, agardar o que acontece no outro partido. Se non se dan os resultados para ascender de xeito directo afrontaremos o play off coa máxima ilusión, pero con calma«.

A importancia do ascenso. «Para un filial sería unha gran nova. Temos o obxectivo de formar xogadores e que compitan o máis arriba posible. Se xogamos en Segunda o salto ao primeiro equipo sería menor e ademáis sería un premio para este gran grupo de xogadores que está a facer un traballo espectacular. Ogallá que o esforzo teña recompensa. Non me quero esquecer da afección. É impresionante ver as persoas que nos animan, son un pilar fundamental do club e gustaríame poder celebrar o ascenso con eles«.

A AXENDA

Terceira Galega Feminina

Chantada – PM Friol B (Sábado ás 16:30 horas no Sangoñedo): as locais, cun triunfo, aseguran o ascenso de categoría. Con todo, enfronte estarán as segundas clasificadas, que tamén precisan dunha vitoria para ver de preto o salto de categoría.

Monteforte – SD Cruces (Domingo ás 19:00 horas no Luis Bodegas): o conxunto monfortino pode botarlle unha man o Chantada e o PM Friol B para o seu ascenso, xa que xoga ante o Cruces, o outro equipo que está metido na pelexa. Dependendo do resultado do sábado, unha vitoria do Monteforte pode asegurar a subida dos dous clubs lucenses.

Segunda Galega Feminina

Milagrosa – Brexo Lema (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): logo da sorprendente derrota da última xornada, as lucenses buscarán redimirse diante doutro conxunto da zona baixa da clasificación.

San Lázaro – Cee (Domingo ás 19 horas no Rodríguez Lago 1): as locais tamén queren reencontrarse coa vitorias diante dun conxunto que conta con catro puntos máis na táboa clasificatoria.

Terceira RFEF

Racing Vilalbés – Barco (Sábado ás 17 horas na Madalena): logo de cinco xornadas sen gañar, os chairegos queren sumar os tres puntos para consolidar a praza no play off de ascenso. Enfronte estará un Barco en clara xeira ascedente e que se convertiu en candidato á promoción.

CD Lugo B – Céltiga (Sábado ás 16 horas na Cheda): outros dous candidatos á pelexar por un posto no play off. O filial albivermello conta cun punto máis que o seu rival e un triunfo achegaríao moito á quinta praza.

Preferente Futgal

Pol – Ordes (Domingo ás 12 horas no Municipal): situado na zona morna da clasificación, os de Labrada contan cunha das úlitmas oportunidades para achegarse ao play off. Enfronte estará un Ordes que chega terceiro clasificado.

Burela – Cultural Maniños (Domingo ás 17 horas na Marosa): unha final para os de Julio Castro que reciben na Marosa ao pechacancelas. Tres puntos de ouro para afrontar un último tramo ligueiro diante de equipos da zona alta da clasificación desde fóra dos postos de descenso.

Primeira Futgal

Xove Lago – Foz (Domingo ás 17 horas no Municipal): derbi mariñán de vital importancia na pelexa por evitar o descenso. Os locais saíron de descenso desde a chegada de Piru ao banquiño e reciben a un Foz que conta con cinco puntos máis que os verdes e saben que un triunfo lles daría máis de media permanencia.

Segunda Futgal

Castroverde – San Ciprián (Sábado ás 17:30 horas na Veiga do Olmo): outro choque de urxencias. Os locais, fóra do descenso directo, reciben a un Sanci ao que lle urxe sumar os tres puntos saír do derradeiro posto. Ámbolos dous equipos chegan separados por catro puntos.

San Roque – San Lázaro (Domingo ás 16:30 horas no Polvorín): derbi capitalino de obxectivos ben distintos. Os locais precisan o triunfo se queren ter algunha opción de achegarse ao segundo posto que da acceso ao play off de ascenso. Aos visitantes úrxelles sumar logo de dúas derrotas consecutivas para saír dos postos de descenso.

Terceira Futgal

Rioaveso – Cazás (Domingo ás 17 horas en Paraños): un triunfo local garántelle aos de Asier Lozano unha praza no play off de ascenso, mentres que un empate ou derrota unido á vitoria do Pol B deixaría aos chairegos fóra. O Cazás xa está clasificado para a promoción e será quinto.

Muimenta – Pol B (Domingo ás 17 horas no Pichón): encontro con moito en xogo para os visitantes, que precisan gañar e que o Rioaveso non o faga para xogar a promoción de ascenso no seu primeiro ano de existencia. Os locais xogarán a promoción desde o terceiro posto.

Piringalla – Bóveda (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 1): os locais poñen en xogo a última praza no play off, que aseguran se son quen de gañar fronte a un Bóveda que só pon en xogo a súa honra.

Río Sil – Corgo (Domingo ás 17 horas na Carqueixa): o conxunto local precisa vencer ao líder e agardar o tropezo da Piringalla para ser sexto e xogar a promoción de ascenso. Tarde de transistores na Carqueixa.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

Rubián e Taboada B, dous candidatos para unha soa praza de ascenso directo

Folgueiro, Lemos B e Friol non perden

Rubián e Taboada B, dous candidatos para unha soa praza de ascenso directo

Rubián e Taboada B, dous candidatos para