Roi Rivera, xogador do Guitiriz anotou dous goles de suma importancia para o seu equipo. Roi marcou os dous no tramo final do encontro cando o Guitiriz perdía 3-1 co Casás. Roi foi un dos nove futbolistas que fixeron dobretes na 3ª xornada de liga da Segunda.
Na pasada fin de semana tamén marcaron dous goles Adán do Alfoz, Maira do Casás, Marcos Martínez do Sporting Pontenova, Xoel Álvarez do Goiriz, Chema do Cabreiros, Borja Corbelle do Pastoricense, Maza do Sober e Brais Cuñarro do Chantada B. Analizámolo en #ONoso11AChaira
Folgueiro, Riotorto, Pastoricense e Goiriz na cabeza
Ningún equipo gaña todo no grupo norte. Non obstante, catro conxuntos presentan un balance positivo de dúas vitorias e un empate, que os coloca na cabeza da clasificación.
O Folgueiro é o primeiro desa lista ao superar a un Castroverde (1-4), que non puntuou polo momento no seu regreso á Segunda. Os visitantes adiantáronse cedo, grazas a un gol do incombustible Álvaro. Oki marcou o segundo pouco despois. Ambos a balón parado.



Á volta dos vestiarios, o xoven Xoel puxo máis diferenza aínda no resultado. Con todo, á hora de xogo, un gol en propia porta de Oki meteu aos locais no partido. O Castroverde non chegou a completar convocatoria e acudiron con catorce futbolistas. Gozaron dalgunha opción para achegarse máis no resultado, pero non acertaron.
A sentencia definitiva visitante chegou nos últimos intres. Erni non faltou a súa cita co gol. Leva un en cada partido xogado este curso. Non obstante, saíulle competencia nesa faceta, xa que o xuvenil Xoel tamén suma tres tantos neste comezo de competición.
O Alfoz e o Riotorto chegaban invictos ao seu duelo no Municipal e mantéñense nesa condición tras empatar (3-3). Os locais puxéronse por diante á contra con gol do focense Adán. Porén, o Riotorto remontou na primeira metade con dous goles dos xogadores máis importantes xa no curso pasado, Osky e Manu Carreira.
No segundo acto, nos primeiros vinte minutos foi a remontada do Alfoz. Adán repetiu gol e xa acumula 3 no que vai de liga. Adrián Ramos marcou o terceiro.
O partido parouse durantes uns cantos minutos pola lesión de Rubén Val ‘Chinclavo’. Nunha acción fortuíta, un dos capitáns locais caeu e houbo que levalo ao hospital. Ten unha fractura importante nun dos seus brazos. Dende aquí desexámoslle unha boa recuperación. Tras o parón obrigado, o Riotorto logrou a igualada por medio de Edgar.
O Pastoricense logrou o segundo triunfo do curso ante o Matela (2-0), na reestrea de José Ramón López ‘Cuchi’ como adestrador do equipo de Outeiro.
Os pupilos adestrados por Juanma comezaron moi ben. Nos primeiros minutos, Borja Corbelle xa anotou un dobrete e puxo de cara o encontro para os seus. Foi practicamente igual de rápido que o de Roi, xa que Borja en tres minutos tamén vira porta dúas veces. O atacante de Crecente suma tamén tres goles neste inicio de liga.
Non deu o brazo a torcer o Matela, que pouco a pouco mellorou o seu traballo defensivo e impediu que o Pasotoricense chegase con máis claridade. Porén, non lle chegou para marcar un gol que puxera en perigo o resultado a favor dos locais.
O Goiriz mantense invicto na súa volta á Segunda. Venceu ao Celta Barreiros (3-2) e colle galóns na parte alta da clasificación. O cadro preparado por Veiga encaixa bastantes goles, pero tamén os marca. Xoel Álvarez anotou dous, un antes do tempo de lecer e outro xusto despois.
Miguel Andina recurtou diferenzas para os visitantes. Con todo, Edu volveu poñer terra de por medio co seu primeiro gol en encontro oficial co Goiriz. O vilalbés aínda ten idade xuvenil.
No tramo final, Cafú meteu de novo aos seus na pelexa polos puntos. Anotou un gran gol cun disparo dende fóra da área que entrou próximo a escadra da portería rival. Puido empatar o conxunto visitante, pero finalmente o triunfo quedou no Ventiño. No Celta Barreiros non quedaron nada contentos coa actuación arbitral.
O Cabreiros tómalle a medida ao concello de Cervo
O Cabreiros é o único equipo que suma seis puntos. Os xogadores preparados por Saúl Méndez fanse fortes lonxe da Acea. Segundo triunfo do curso a domicilio no concello de Cervo. Se primeiro foi na Rúa, a pasada fin de semana lograron derrotar ao San Ciprián (1-3).
Ademais, foi vitoria con remontada. Os locais marcharon ao descanso por diante no marcador, grazas ao tanto do ourolés Balsa a pase de Aleixo.
Por medio dun penalti, Chema igualou o marcador e estreouse como goleador neste curso. A pasada campaña fora o segundo máximo anotador do grupo con 22 goles. Ao pouco, Jordano, que saíu dende o banco, xa puxo o partido do lado dos visitantes.
Na acción do segundo gol visitante lesionouse o gardamallas Knemi, que podería estar algo máis dun mes sen poder xogar. Martín Rubal tivo que volver colocarse baixo paus na Veiga. De aí o final, chegou a sentencia do Cabreiros cun novo tanto de Chema.
O Xermade e o Guitiriz tamén están invictos cun Roi goleador
O Xermade é outro dos equipos que non perdeu en setembro. Igualou na casa ante a Candelaria (2-2). O partido púxoselle moi en contra aos locais, xa que a Candelaria marcou dous goles nos primeiros vinte minutos. Rega estreouse en partido oficial no seu regreso ao club e Charly, en propia porta, complicaba o plan dos seus. A maiores, os locais erraron un penlati.
O equipo da Rúa mantivo o resultado ata ben avanzado o segundo tempo. Quedou cun menos pola expulsión de Anxo. Logo, Álex Gimeno e Pedro Coria lograron os goles da igualada.
Partido entretido entre Casás e Guitiriz, que finalizou con outro empate (3-3). O Casás buscaba puntuar por primeira vez no curso e logrouno, aínda que os puntos case perigan ao ritmo que o Guitiriz xogou os últimos minutos.
O Guitiriz tivo a primeira opción de gol, pero petou no pao. Acto seguido, nunha boa acción de Maira, este logrou abrir o marcador para o Casás. Mediado o primeiro tempo, Maira volveu marcar, desta vez a través dun gran gol olímpico.
O conxunto visitante foi crecendo no partido e no segundo tempo Antón recurtou diferenzas. Con todo, noutra acción a balón parado os locais anotaron o terceiro por medio de Cubillas.
Co resultado de cara, quedaron cun futbolista menos pola expulsión de Juan Taboada. Despois, igualaríanse os xogadores no campo coa expulsíón dun xogador visitante. Logo entrou en escena Roi cos seus dous goles e Labrada aínda tivo unha gran opción para facer o tanto da vitoria.
Un punto para cada un no derbi
Derbi de necesidades de puntuar para o Meira e o Sporting Pontenova, que se presentaban o encontro con cadanseu punto e colleitaron outro (2-2).
O partido estivo aberto, cando un equipo se puxo por diante o outro empatou. Farra marchou o seu segundo tanto da temporada despois do cuarto de hora. Ao pouco, Marcos Martínez igualou para o Sporting Pontenova.
No segundo tempo os visitantes quedaron cun futbolista menos por expulsión de Fran. Aínda así, Marcos Martínez logrou a remontada momentánea a pase de Alesuco. De penalti, o Meira igualou por medio de Pachín.

O MÁIS DESTACADO DO QUE VÉN ESTA FINDE NO GRUPO NORTE…
Riotorto – Xermade (sábado ás 16:30 h na Veiga). Dous equipos invictos e con capacidade para pelexar polos postos altos da clasificación.
Guitiriz – Alfoz (sábado ás 16:30 h no Suso Cruz). Outros dous equipos que non perderon no que vai de liga. Representan con identidade arraigada os seus respectivos concellos aos que pertencen.
Matela – Sanci (domingo ás 16:30 h en San Lorenzo de Aguiar). Encontro con necesidade de puntuar para ambos conxuntos. Primeiro partido como local do adestrador Cuchi tras o seu regreso. O Matela non logrou ningún punto e o Sanci acumula un.
O San Roque é o único equipo que gaña todo

O derbi entre o San Roque e o Santa Comba presentábase, despois dos grandes precedentes do curso anterior, cos dous equipos pelexando polos postos altos da clasificación. Venceu o equipo de Montirón (2-1), que conta os tres partidos do curso por vitorias. No San Roque debutou en partido oficial Manu Cedrón baixo paus, actual adestrador de porteiros do Bergantiños en 2ª RFEF.
Encontro igualado no que os locais se adiantaron ao cuarto de hora por medio de Raúl, xogador All Star 2025. Antes do descanso, un penalti marcado por Jorge igualou o resultado.
No segundo acto o partido foi máis bronco. No último tramo, Carlos Díaz logrou o gol local. O duelo finalizou con tensión e un expulsado en cada equipo. Vigo no San Roque por dobre cartón amarelo e Reija no Santa Comba con cartón vermello directo.
O Becerreá e o Antas suman 7
O Becerreá impúxose a un Paradela (2-0), que acudiu con 11 futbolistas xustos para o encontro. Sen moito que destacar da primeira parte, o gol de Xairo a balón parado puxo por diante aos locais.
Estivo no partido o Paradela, pero non foi capaz de batir a meta rival, nin cando quedou cun menos o equipo rival por expulsión de Kevin mediada a segunda metade. O desgaste ao non ter cambios fillo mella, e o Becerreá sentenciou nos minutos finais por medio de López.
O Antas colleitou un bo triunfo na Ribela ante a Sarriana B (0-2). Os dous equipos intentaron comezar con xogo combinativo, aínda que foron os locais os que levaron máis a posesión sen xerar excesivo perigo. Nun balón parado, nunha falta lateral a que ninguén lle toca, Portu puxo por diante ao Antas.
No segundo tempo, máis dominio local que tivo a posesión na maior parte do xogo. Con todo, os visitantes foron capaces de xerar ocasións en transicións. Nunha desas, Méndez marcou o segundo cun disparo dende a frontal que entrou pola escadra.. Tiveron opcións os rapaces preparados por Raúl Leizán de meterse na loita polos puntos, pero desta vez Dani non estivo atinado no lanzamento dun penalti.
Chantada B, Monterroso B e Páramo no tren de seis
O Chantada B superou a un San Lázaro (3-0), que non puntúa aínda nesta tempada de cambios no club. O filial chantadés logrou o seu segundo triunfo como local. Brais Cuñarro xa adiantouo moi rápido e David Poyán anotou o segundo antes do descanso.
Mellorou moito o San Lázaro no segundo tempo. Tivo opcións para achegarse no resultado, pero non estiveron acertados os pupilos preparados por Manel. No último tramo, o filial sentenciou a través dun gol de penalti tamémn de Brais Cuñarro.
O San Miguel quedou ben festexado en Monterroso. O duelo de filiais formaba parte do programa das festas patronais da vila e o filial de Cerdeiriños cumpriu cos veciños. Vitoria por 2-0 con goles de Bouba e Yoni Mejuto, con penalti xusto antes do descanso.
O Lemos B non comezou cómodo. Mellorou ao final do primeiro tempo, pero non foi suficiente. Nunha segunda metade máis igualada, en poucos momentos o filial lemista logrou finalizar xogadas.
O Páramo afecciónase ao tempo extra para sumar puntos. Logrou tres ante o Sober (3-2) cun gol de penalti de Borjita. Semella que a acción era falta, pero fóra da área. O árbitro asubiu a pena máxima e os locais non desperdiciarion a ocasión.
O Sober fixera unha boa primeira parte, na que se puxera por diante por medio de Maza cun gran gol. Abriuse máis o encontro no segundo tempo. Un despiste ao inicio do segundo acto supuxo o empate local por medio de Julito, que o pouco remontou con centro de Antón e remate de Dono.
A arbitraxe non gustou a ningún dos dous. Maza marcou o segundo no 80 nun man a man. Ao final, penalti e vitoria local. Segundo triunfo seguido na casa con gol de Borjita no tempo extra.
Empates no Chao da Poza e nos Chacotes
O Portomarín, necesitado de puntuar, recibiu ao Friol no Chao da Poza. O encontro finalizou nun 2-2. A pesar de que o vento xogaba en contra no primeiro acto, o Friol púxose por diante, tras dominar máis os locais.
No segundo acto, o Portomarín igualou de penalti tras insistir. De falta directa, o cadro friolés volveu adiantase. Marcouna Christian Cancio, o seu primeiro gol en partido oficial coa camisola do Friol. O lateral do Arneiro estréase este curso coa camisola vermella friolesa, despois de xogar sempre en sénior co Cospeito. Foi un dos futbolistas que termou ata o final no club cospeités, que se viu abocado a desaparición.
Co resultado a favor, Bruno foi expulsado e o Portomarín pelexou polos puntos. Bilal marcou o tanto do empate duns locais, que tiveron máis opcións para gañar pero non acertaron a marcar máis goles.
O Palas e o Ferreira xogaron o segundo partido de liga, ao contar cun aprazado da penúltima finde de setembro. Sen goles nun primeiro tempo onde houbo máis ocasións do Ferreira.
No segundo tempo, o Palas púxose por diante cun tanto en propia porta do capitán visitante Edgar. Pouco despois, aos locais anuláronlles un gol. O Ferreira non lle perdeu a cara o partido e preto do final Oki empatou.

O MÁIS DESTACADO DO QUE VÉN ESTA FINDE NO GRUPO SUR…
Friol – San Roque (sábado ás 16:30 h na Reigosa). O líder xoga no sempre complicado campo da Reigosa. O Friol que xa viviu derrota, vitoria e empate esta tempada, quere sumar novamente de tres para colocarse nas posicións dianteiras da clasificación.
Sober – Sarriana B (domingo ás 17:30 h en Centeás). Primeiro partido na temporada do regreso á Segunda en Centeás, logo de que se aprazase o primeiro. Duelo entre recén ascendidos que, cada un coas súas bazas, contan con propostas moi atractivas. Os locais buscan os primeiros puntos do curso e os visitantes a segunda vitoria.
Santa Comba – Chantada B (domingo ás 17:30 h no Tras do Novo). Unha posibilidade para combinar co día de San Froilán. O Santa Comba quere facerse forte na casa e medrar na clasificación, ante un Chantada B que comezou moi ben a liga con dous triunfos.