O Riotorto culminou a súa tempada cun título de Copa que se convirte na guinda dunha tempada na Segunda Futgal na que estiveron a piques de lograr o ascenso á Primeira. A victoria ante o San Roque por 2-0 demostrou as grandes facetas deste equipo e como a partir da solidez se pode facer a un equipo campión. O ideólogo da nova etapa exitosa do Riotorto é Roberto Ramallal, que desde o banquiño construiu a un equipo que foi capaz de ilusionar a toda a vila.
Futbolinlugo: Gañar un título dun xeito tan sólido non é nada sinxelo. Como foi para vós o encontro?
Roberto Ramallal: «O partido non é que fora moi bonito, pero nós tratamos de aproveitar as oportunidades. Neste tipo de encontros, poñerse por diante é moi importante. Acadamos o primeiro gol nun córner e penso que a través desa vantaxe puidemos construír a nosa vitoria».
FIL: Este título logra tapar as feridas de acabar perdendo o ascenso?


RR: «Nós a verdade é que non temos ferido, eu sempre lles digo aos xogadores que hai que saber gañar e saber perder. Ningunha persoa do clube chegou a pensar nos primeiros meses do curso en que a promoción de ascenso fose un obxectivo real. Ao final, acadamos meternos na fase cando dende xaneiro cada partido era estar ao límite. Chegamos e a verdade é que o tivemos na man. Cando se compite e se dá todo temos que estar felices. O título de copa segue a mesma filosofía, hai que entender o deporte desde a tranquilidade».
FIL: Que valor lle dades a esta Copa?
RR: «É un logro extraordinario porque é o único torneo que mide aos dous grupos da Segunda Futgal. A verdade é que estamos moi felices porque solventamos moitas dificultades para chegar a ser campións, é un título que non é cuestión dun só encontro, hai moito camiño detrás».

«En Riotorto temos que xerar un sentimento de pertenza»
FIL: Canto do voso éxito pasou polas bancadas?
RR: «Riotorto é un proxecto singular no que case non hai xogadores da casa. A min deume a sensación que no tramo da promoción e da copa a afección xuntouse e vin a moita xente que nunca vira no fútbol. Hai que ser realistas, temos que xerar un sentimento de pertenza que é complicado porque non temos xogadores da zona».
FIL: Cal foi a chave para facer unha tempada case perfecta?
RR: «Puidemos facer un once moi competitivo e que os domingos son infalibles. Ao xuntarse esas dúas cousas puidemos chegar a cotas cada vez máis altas. Nos adestramentos non estaba tan ben, pero o día de partido disfrutei moito do que chegamos a facer, dicíalles calquer cousa e facíana».
FIL: Agora toca mirar ao futuro. Vas continuar no Riotorto?
RR: «Teño que xuntarme ca directiva. Eu son de vivir o momento, pero tamén necesito descansar un pouco. Non pensei moito na preparación da tempada e móvome pola motivación. O que teño claro é que en sitios coma Riotorto, hai que tratar de asegurar un proxecto de cara ao futuro máis que os títulos momentáneos ou os ascensos».