O Corgo fíxose cos servizos dun xogador de luxo que, ademais, é veciño do concello. Roberto Besteiro Doval (O Corgo, 1991) deixou a súa Residencia para xogar preto da casa logo dunha traxectoria impoluta no club branquiazul. O defensor deixa pegada nunha entidade que queda sen o seu capitán, pero tamén deixa atrás unha época de moitos éxitos no equipo da súa vida.
Futbolinlugo: Que motivos che levan a deixar a Residencia?
Róber Besteiro: Familiares. Tiven un fillo a principios de ano e para cadrar horarios na casa ía faltar moito a adestrar. Non é a miña forma de entender o fútbol. Eu son unha persoa comprometida. Ademais, tamén hai que fomentar a renovación do grupo de xogadores, así que foi o que nos pareceu mellor decisión.

FIL: E a asinar polo Corgo?



RB: Eu vivo no Corgo e levo anos tendo en mente o xogar aquí. Xurdeu algunha opción máis, pero xa o tiña falado na casa, e si que me apetecía xogar aquí e botarlle unha man ao club para que siga medrando…
Futbolinlugo: Que agardas deste ano no Municipal?
RB: Trataremos de quedar o máis arriba posible e procurar o ascenso directo. Levan dous anos caendo na promoción e penso que o club está medrando moito, así que este curso temos que mirar aos postos de ascenso directo. En anos posteriores, creo que é fundamental consolidar unha filosofía semellante á da Residencia: que a xente da base teña oco no primeiro equipo é fundamental, aínda máis nun equipo dun concello pequeno. É importante vincular ao equipo co pobo.
FIL: Como son as sensacións nas primeiras sesións de adestramento no Corgo?
RB: Levamos dúas semanas e estou sorprendido para ben. Son adestramentos con moito ritmo, cun bo número de xogadores… Eu quería algo así. Non quería chegar a un equipo e quedar os domingos para xogar. Buscaba compromiso e atopeino. Non tiña trato cos compañeiros, aínda que ía de cando en vez ver os partidos, pero todos me recibiron moi ben.
FIL: De entre todos os anos que botaches na Resi, cal foi o mellor momento?
RB: En once anos pasaron moitas cousas boas e outras non tanto. O ano da pandemia, cando houbo un subgrupo de salvación, chegamos case descendidos e gañamos 5 partidos de 5. Houbo un partido no Pino no que eles non se xogaban nada pero todo se complicou. Marcaron desde o medio do campo, pero ao final sacámolo adiante… penso que todos os que formamos parte dese grupo lembramos ese día con moita ledicia.
O Corgo fíxose cos servizos do que era capitán da Residencia.
FIL: E o peor día viviches co club da Cheda?
RB: O peor sempre son as lesións. Aínda que non tiven ningunha de gran gravidade, sempre houbo algunha que me impediu en momentos determinados. Lembro tamén un ascenso que se escapou no Saviñao: o que gañaba ascendía virtualmente e, aínda que comezamos gañando, empataron e despois no último intre escapouse unha oportunidade moi boa… Seguramente sexa a maior mágoa que me queda.
FIL: Se tes que escoller a un compañeiro dos que tiveches na Cheda, ben por nivel futbolístico ou por afinidade, quen sería?
RB: Aínda que o grupo foi sempre bastante estable… seguramente con Raposo ou Dani Galán dos de antes. Con Chiki porque estes anos fomos os que tiñamos a capitanía tamén… podería dicir moitos, pero por importancia quedo con esa xente.

Futbolinlugo: Pensas que aínda che quedan anos de bo fútbol?
Róber Besteiro: Boa pregunta! (ri) A miña intención é seguir un tempo, a ver se son capaz de compatibilizar traballo e familia uns aniños máis.