Os Máxicos puxeron fin ao ano 2025 nunha fin de semana con moitas emocións e, sobre todo, moitos goles.
O Outeiro mereceu máis diante dun Xove que se defendeu moi ben (0-0). Os locais foron dominadores nos primeiros 20′ de xogo e sumaron numerosas chegadas á área, especialmente nunha banda dereita controlada por Alejo. Porén, os mariñáns souberon contrarrestar ese fútbol chairego e pecharon os espazos a medida que se enlamaba o Municipal para neutralizar aos seus rivais. Na segunda metade, o duelo pechouse máis e Álvaro erixiuse como o heroe do Xove para levar un punto de ouro e manter ao conxunto verde na pelea pola permanencia neste fin de curso 2025.
No ano 2025, os lucenses da Primeira Futgal competiron en tres grupos diferentes
O Taboada pasa por riba dunha Residencia inmersa nunha dinámica nefasta (4-1). Os de Martín Murado amosaron a eficacia que non tiveron o resto do ano diante dos da Cheda, que non estiveron ao nivel ao que teñen afeita á súa afección. O madrugador tanto de Cristian deu tranquilidade ao Taboada, que ampliou diferenzas por medio de Gabri antes do descanso. Dous goles máis dos da Medela ao comezo do segundo tempo sentenciaron o duelo no Canti, antes de que Mauro maquillase o resultado co definitivo 4-1.
A mellor versión do Ribadeo atópase coa peor imaxe do Castro (5-0). O gol inicial de Mario, logo dun saque de esquina no 1′, deu tranquilidade aos de Moirón. Aínda así, o Castro dispuxo de dúas ocasións claras para empatar antes de que o Ribadeo duplicase a renda cun balón centrado por Santi, prolongado por Meitín e rematado por Anxo.

Na segunda metade, os chairegos amosáronse máis incómodos sobre o céspede do Pepe Barrera, mentres que os celestes deixaron mostras da súa calidade individual e grupal. Pedrinho asistiu a Anxo para o 3-0, este último puxo a falta que rematou Mario no 4-0, e Meitín fixo unha gran xogada individual para o definitivo 5-0. Mención especial merece Javi Pita, un clásico do fútbol lucense que colga as luvas e foi merecidamente homenaxeado por todos os presentes en Ribadeo.

O Brollón pecha un ano para o recordo cun empate en Francelos (0-0). Chegaron cargados de baixas os lucenses ao feudo ourensán, pero tiraron de oficio para minimizar as opcións do seu rival. Cando máis preto estivo o gol local foi na segunda metade, pero a sobriedade defensiva visitante impediu achegamentos destacados do Francelos e mantivo a súa porta a cero para sacar un punto moi meritorio no último partido de liga neste ano 2025.
Milagrosa e SD Chantada asinan dez minutos para o recordo (2-2). Tras a disputa de 80′ minutos coa intensidade propia da categoría e dos duelos que se celebran no Gorgoso, non había goles no electrónico. As máis claras foran para os visitantes no primeiro tempo, pero non concretaron e os locais pecharon moi ben os espazos despois da reanudación.
Foi Nodar o que desfixo a igualada cun disparo lonxano que perforou a rede de Fabián. Porén, a Milagrosa reaccionou e forzou unha pena máxima —moi protestada polos chantadinos— que transformou Joel Vasco, 1-1. Christian anotou o 2-1 en medio do desconcerto e despois dun roubo preto da área. O pundonor dos de Traste aínda lles valeu para que Kadete anotase o definitivo 2-2 no 95′ nun cabezazo que pegou no pau antes de entrar e nunha acción na que a Milagrosa protestou mano previa.
O Lourenzá e o Foz igualan no derbi (1-1). O posicionamento repregado dos locais viuse truncado pola expulsión de Julián no 30′ e polo gol olímpico de Asier pouco despois, no que se protestou unha falta ao gardamallas Clemente. O Lourenzá adiantou as súas liñas na segunda metade, e aproveitou un contragolpe marca da casa e finalizado por Casanova (a pase de Álvaro) para igualar o electrónico, 1-1. Desde ese tanto, os locais retrasaron as súas liñas e aguantaron o resultado ata o asubío final para repartir os puntos no derbi mariñán.
O Oural sorprende e vence ao Escairón no 90′ (1-0). Foi un partido pechado, coa neve ameazando sobre o Luis Pallín. Houbo poucas alternativas sobre o céspede, nunha tarde de moito fútbol directo, especialmente condicionado polo estado do terreo de xogo. A máis clara dos visitantes antes do último minuto foi no primeiro tempo, pero non estiveron atinados. No 90′, despois dun man a man errado polos do Saviñao, o Oural aproveitou o contragolpe para sorprendelos. Murúa estivo moi ben dentro da área e anotou o único tanto do choque no último partido do ano para ambos conxuntos.
O Racing Villalbés pecha o ano dominando ao Guntín (4-1). Os chairegos xogaron mellor as súas armas nun duelo condicionado polo estado prototípico do Roca nestas datas. Despois de dúas ocasións locais, foron os laranxas os que se adiantaron nun saque de esquina. Non tardaron en empatar os de Iván Lamas nun segundo balón logo dunha falta e, cinco minutos despois, o rexeite dun remate de Iván foi aproveitado por Rouco para facer o 2-1. Case sen tempo a nada, Gabri fixo un gran gol de vaselina a pase de Iago para encarrilar o resultado.
Na segunda metade, aínda que o Guntín tratou de meterse no partido, os locais controlaron os arreóns dos do Ladairo e terminaron por imporse. Antes do asubío final, os xuvenís Diego e Iván asociáronse para poñer a guinda ao partido e ao ano no Roca.
Os erros condenan ao Iberia en Cerdeiriños (2-0). A neve e a lama foron protagonistas ao longo dun primeiro tempo moi pechado e no que os dous equipos se amosaron moi serios. Na segunda metade, o paso adiante dos locais fíxose notar nunha acción de David por banda, que el mesmo fabricou e el mesmo definiu para facer o 1-0. O Iberia adiantou as súas liñas e deixou moitos espazos ás costas, o que aproveitaron os de Fernandito para sentenciar o duelo nunha acción definida por Bouba.
O Santaballés supera a un Chantada Atlético que rematou moi amolado co colexiado (3-2). Non estaba en boas condicións o céspede da Liga, pero o partido se levou a cabo igual. Os chantadinos anotaron ao comezo e perdoaron o 0-2, mentres que o Santaballés colleu paseniño o pulso do partido e remontou o choque con dous centros laterais, 2-1. O terceiro chegou nun aparente fóra de xogo que non foi asubiado. Tras a reanudación, o Atlético deu un paso adiante e errou numerosas ocasións antes do 3-2, que chegou no 62′. Desde ese momento, os chairegos pecharon as súas liñas e tiraron de oficio diante dun cadro visitante que rematou desesperado e moi amolado no feudo do Santaballés.


