O gardameta de Sober Ramón Rodríguez tomou a difícil decisión de retirarse do fútbol despois de sufrir as sempre malditas lesións. Un mal capítulo que pon fin a unha traxectoria que, con só 26 anos, foi de grandes éxitos. Foi campión de Europa coa selección galega, chegou a ir convocado co Deportivo e acadou dous ascensos a Terceira RFEF. Agora, Ramón Rodríguez está preparado para dar un paso cara aos bancos nunha nova etapa da súa vida.
Futbolinlugo: Como tomas a decisión de colgar as luvas?
Ramón Rodríguez: «Levaba desde setembro sen poder xogar e tratándome de diversas formas: pinchazos, rehabilitación, menciñas…. Non lograba ver un progreso definido, si que tiña altibaixos, pero eso afectoume moito mentalmente. Fun hai tres semanas a tratarme a Madrid e atopábame ben, pero deume unha recaída moi forte que de feito está aí e tomei a decisión de retirarme porque se quería seguir intentándoo tiña que pasar por unha ciruxía».
FIL: Como foi a xestión á hora de meditar a retirada?



RR: «Xa o tiña bastante asimilado porque tiña unha dor que incluso non me deixaba durmir máis de tres ou catro horas interrumpidas. Loxicamente, a cabeza diche que non hai maneira e quitarme a presión dos prazos de recuperación levoume a tomar a decisión. E tamén o feito de querer levar unha vida cómoda, aínda que non sexa como antes. Eso é o máis importante. Agora poño en valor moitas máis cousas e vexo novas alternativas para poder seguir vencellado ao fútbol».

FIL: Xusto eso ía preguntar, vas facer o xiro aos bancos?
RR: «Sí, xa este ano estiven axudando ao Sofán como adestrador de porteiros e seguirei tanto no equipo da Preferente coma nas categorías da base».
FIL: Xa pasando pola túa carreira futbolística, pese a só ter 26 anos tiveches un gran recorrido con máis de 50 partidos en Terceira RFEF e dous ascensos desde a Preferente. Chegaches a pensar nalgún punto en que ías ter esta traxectoria?
RR: «Pasei por moitos equipos, non sei se é bo ou malo, pero o meu soño sempre foi en xogar, como mínimo, na Terceira RFEF. Foi algo que me custou porque cando marchei do Dépor fun a moitos sitios pero non conseguín ter unha continuidade. Foi despois de ir a Ourense cando tiña o obxectivo establecido e conseguira xogar incluso coa selección foi cando empezaron os problemas. Quería desfrutar dunha categoría fermosa onde sempre quixen estar».
A etapa máis especial de Ramón Rodríguez
FIL: Sobre todo a máis destacada foi a túa etapa na UD Ourense. Foi a máis especial da túa carreira?
RR: «Sen dúbida, xunto coa do Deportivo foi a mellor porque é un equipo cun trasfondo incrible, a xente era doutro planeta porque sentín moito agarimo e respecto. Iso penso que foi o que me fixo estar tan cómodo e poder acadar un gran rendemento».
FIL: Como foi a experiencia no Deportivo?
RR: «Eu ía fichar con 15 anos polo club, pero non puidera por unha enfermidade que, de feito, dixéronme que me tiña que retirar. Ao ano fíchanme e foi todo moi rápido xa que con 16 xa me chamaron para que fora adestrar co primeiro equipo e con 17 xa estaba metido na dinámica. Lévome a experiencia de adestrar a miúdo co equipo do que son afeccionado e incluso ir a Sevilla convocado».
FIL: E tamén a da selección galega porque formas parte do equipo que foi campión de Europa. Como foi para ti?
RR: «Cando acabei de traballar chamoume Iván Cancela para convocarme para a Selección e eu non me acordaba nin de que existía porque gañaron o Nacional antes da pandemia. Eu estaba en Preferente coa UD Ourense e sorprendeume moito. Estiven en todo o percorrido e foi unha experiencia que hai que vivila porque os ambientes que houbo en todos os campos foron espectaculares e vivías coma se foses profesional e aínda por enriba fixemos historia. Algo irrepetible, o recordo ponme a pel de galiña».
