Roberto Ramallal é o novo adestrador do Riotorto. Casanova marcou catro goles na goleada do Celta Barreiros ante a Candelaria. Platas anotou o gol que lle deu o triunfo ao Páramo, despois de sete xornadas. Xa inmersos na ponte festiva e coa 13ª xornada da Segunda Futgal comezada, lembramos o máis destacado da pasada fin de semana (12ª xornada).
Na zona norte, o líder segue sendo o Iberia que alcanzou xa os 30 puntos. Os pupilos preparados por Moro non perden no que vai de liga. No último partido fixeron valer tamén a súa capacidade defensiva ante un bo Folgueiro.
Precisamente, o conxunto do Vicedo é quen ocupa a praza de promoción, a seis do líder. Ten dous puntos máis que o Xermade, que goleou ao Cabreiros no derbi e sumou o sétimo triunfo do curso.
O Sanci empata co club xermadés na clasificación. Venceu no duelo mariñán ao Alfoz no día do regreso de Dani Rodrigues. O futbolista de San Cibrao volveu ao club da súa vila, tras o seu paso o curso pasado polo Tapia.
O Riotorto non quere distanciarse da zona de promoción. Roberto Ramallal é o seu novo adestrador. O técnico do concello decidiu botar unha man ante a dificultade de atopar responsable para o banco.
No debut de Ramallal tamén se reestreou o gardamallas Parapar, que saira unhas semanas atrás do Escairón. Ademais, tamén volveu xogar Javi Coedo que aínda non se incorporara a dinámica do grupo. O dianteiro marcou ao pouco de entrar no campo e amosou que non perde o olfacto goleador aos seus 40 anos.
O Sporting Ponvenova tamén se sitúa na zona nobre tras vencer a un Cospeito que contou cunha gran actuación do seu gardamallas Carmelo.
O Casás levou o duelo capitalino ante a Piringalla. Marcaron sete goles en total no partido. Con todo, foi o Casás quen foi por diante no marcador dende o 35 da primeira metade.
O Celta Barreiros cando se pon, demostra a súa capacidade goleadora. Marcoulle seis á Candelaria e deixou a súa portería a cero, Casanova foi o gran protagonista ao marcar catro.
Na zona media-baixa, Guitiriz e Mondoñedo empataron a un gol. Catro puntos separan a ambos equipos. O cadro mindoniense segue antepenúltimo, empatado co Cabreiros e xa con seis de diferenza sobre o Muimenta.
Na zona sur, o Ferreira mantívose na cabeza ata este venres. Dependerá do seu resultado co Becerreá para comprobar se perde ou non o liderado. Na 12ª xornada, o conxunto de Pantón sumou a súa segunda derrota do curso co Paradela. Resultou decisivo o gol de Juan coa cabeza a pase de Albertito.
A zona alta está moi apertada. Así o demostraron dous dos equipos que se sitúan nela. O Becerreá e o San Roque igualaron a un gol. O tanto capitalino anotouno o xuvenil Luca. Tomou a responsabilidade dende os once metros e non fallou para equilibrar o resultado.
O Palas sumou un novo punto e acumula catro xornadas sen perder. Foi ante un Friol que non acaba de coller unha boa dinámica de resultados e mantense na zona media.
Tamén segue nesa zona nobre o Santa Comba, que venceu a un Antas que encaixou a cuarta derrota consecutiva.
O 7º está a catro puntos do líder. É o Brollón que se reencontrou co triundo dúas xornadas despois ao vencer ao Portomarín, precisamente o equipo que lle segue na clasificación pero cunha diferenza de cinco puntos.
Despois de sete xornadas sen gañar, O Páramo conseguiu unha importantísima vitoria pola mínima ante o Chantada B. Decidiu un gran gol de Platas, que deixa aos seus na zona media con seis puntos de vantaxe sobre o descenso directo.
Na zona media-baixa, o Incio e o Lemos B empataron a dous goles. O cadro amarelo queda cun punto máis na clasificación.
Non obstante, quen se achega é o Quiroga. Sumou o segundo triunfo do curso no duelo directo co Rubián. O equipo do San Martiño ten a un punto ao seu rival da finde, a un punto ao filial do Lemos e a dous ao Incio.