O Racing Vilalbés e a Sarriana acadaron o seu obxectivo de entrar na promoción de ascenso cara a Segunda RFEF cunha tempada na Terceira RFEF na que acabaron cuarto e terceiro respectivamente. Iso levou a un derbi provincial na semifinal do play off galego que arrincará na Magdalena este domingo ás 12.00 horas e que terá a volta na Ribela. Se houbese empate no global da eliminatoria despois da prórroga, o pase de rolda sería para o conxunto sarriao.
Antes do encontro de ida, tanto López, capitán do Racing Vilalbés, coma Javi Liz, o seu homónimo na Sarriana, valoraron a eliminatoria. Os líderes dos dous equipos da provinica pasaron polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontáronse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do play off, da eliminatoria provincial e das fortalezas do seu rival.
Obxectivo cumplido: López: «Era algo que queríamos no Racing Vilalbés dende o comezo da tempada, chegamos a promoción con moitas ganas e coa experiencia de hai dúas tempadas. Sabemos que o factor campo axuda pero non é decisivo e temos moita ilusión de sacar algo positivo». Javi Liz: «Temos moita ilusión porque en dous anos na Terceira levamos dúas promocións. Temos moita ilusión de volver a desfrutar desta experiencia».
A fortaleza da defensa do Racing Vilalbés e o talento ofensivo da Sarriana
Chave da eliminatoria: Javi Liz: «Penso que vai ser longa, incluso ir á prórroga. Van ser dous partidos moi duros porque o Racing Vilalbés é un equipo moi difícil ao cal é complicado facer dano. Temos que facer partidos similares aos de liga». López: «Temos que voltar a esa defensa férrea que nos caracterizou durante moito tempo na tempada. A Sarriana ten moita calidade e teremos que estar moi concentrados para poder frealos. Se somos intensos podemos gañar os partidos».


Fortalezas do rival: Javi Liz: «O Racing Vilalbés é un bloque moi compacto ao que é moi difícil facerlles ocasións. Calquera xogador en defensa é de moita calidade, o que fai que o resultado da segunda volta teña máis valor. Ademais, teñen moito talento no último terzo». López: «A Sarriana ten grandes xogadores que en calquer momento poden xerar moitos problemas. Vimos a súa eficacia na Magdalena e necesitamos impedir que teñan esas oportunidades».